Mapas da lírica medieval
As cantigas e a xeografía histórica de noso

A illa de San Simón desde a ponte que a conecta coa de Santo Antón. / Carolina Sertal
Judith R. Iglesias
Vigo, século XIII. Na beiramar resoan versos de amor. E tamén de ausencia. Son as cantigas de Martín Codax, que sitúan a cidade no corazón dunha tradición poética iniciada preto do ano 1170 en Galicia e Portugal. Con todo, a lírica medieval galego-portuguesa foi máis que iso. Investigacións recentes poñen en valor a súa vontade de contar o mundo; rexistralo, como pequenos restos arqueolóxicos que, oitocentos anos despois, revelan a dimensión sociopolítica da época.
Os nomes de vilas, ríos, santuarios... – en definitiva, os topónimos – permiten intuír a xeografía dunha sociedade en movemento. A partir desta idea, proxectos pioneiros como «Canticar» ou «Cantigas de Romaría», impulsados polo Centro Ramón Piñeiro, localizan os lugares mencionados nas composicións: desde a ría de Vigo ata a ermida de Pazos (Muíños, Ourense). Pode ser a poesía medieval unha guía inesperada para explorar a paisaxe histórica?
«Situamos no mapa todos os topónimos que os trobadores e xograres mencionaron nos seus textos», explican as investigadoras do equipo dirixido pola catedrática en Filoloxía Románica da USC, Pilar Lorenzo Grandín.
A Península Ibérica estaba marcada pola fragmentación política, as fronteiras deviñan movedizas e unha densa rede de rutas comerciais e de peregrinación conectaba vilas, mosteiros e grandes urbes. Neste contexto dinámico, as referencias presentes na lírica profana engadían un valor distintivo: o público podía situalas con maior precisión.
Agora ben, este traballo non só permite identificar os espazos citados, senón tamén interpretar o papel que desempeñaban na realidade social e cultural da tradición trobadoresca. «Ademais de completar o coñecemento existente sobre a toponimia medieval e descubrir o motivo polo cal uns lugares eran máis importantes ca outros, permítenos visualizar a transformación que foron experimentando ao longo do tempo». Así, o mapa virtual convídanos a repensar a nosa relación co territorio e a entender como esas mesmas paisaxes foron evolucionando ata os nosos días. Lugares como o mosteiro de Nogueira en Meis e as terras de Lemos en Lugo, mudaron de función social pero seguen a ocupar un papel fundamental na memoria colectiva.
Neste sentido, os cambios acaecidos configuran tamén a forma de visualizar o pasado. «Ultramar», como espazo descoñecido e de esperanza, estaba intimamente ligado ás ideas medievais e a Terra Santa. A súa mención lévanos a un momento no que as fronteiras eran, máis que físicas, simbólicas. Mentres tanto, as referencias a Morón de la Frontera (Sevilla), o emirato de Granada e cidades de gran relevancia económica, como Lisboa, Santarém, Burgos, Toledo ou Santiago abren unha xanela ao mundo das cantigas.
«Os topónimos dan moita información do pasado. É unha especie de depósito que queda no territorio da relación dos que viviron nese lugar ao longo dos séculos», expresaba Gonzalo Navaza, membro da RAG e catedrático de Literatura na Universidade de Vigo. No caso da lírica medieval, algunhas localizacións son irreais, como a Insua da Ledicia que figura no lais anónimo de Bretaña; e outras tan concretas como o barrio de Seserigo (Santarém, Portugal).
Galicia sitúase no epicentro dunha tradición que non deixa de ensinar sobre si mesma. Nas cantigas de romaría, o encontro dos namorados sucede en ermidas como o Monte Faro, en Chantada, a illa de San Simón, nos versos de Meendinho, ou a igrexa de Santiago de Vigo, nesoutros de Martín Codax.
Vigo e Martín Códax
A prosperidade cultural e a estabilidade política das monarquías cristiás peninsulares foi o principal motor da tradición trobadoresca. Así, no século XIII, os nomes de tres xograres quedarían ancorados á literatura de noso: Johán de Cangas, Meendinho e Martín Codax. Todos eles converteron a ría de Vigo nun escenario para a lírica medieval europea.

Monumento a Martín Codax en Vigo. / FdV
O Pergamino Vindel, conservado na Biblioteca e Museo Morgan de Nova York, contén sete cantigas de amigo deste último. Trátase dun manuscrito excepcional, onde o mar concíbese como unha fonte de inspiración chea de simbolismo. De 98 versos conservados, 21 mencionan a cidad olívica; e, entre eles, fanse referencia as unha igrexa desaparecida, a antiga Santiago de Vigo ou a de Santa María.
«Dado que Martín Codax emprega nos textos as referencias xenéricas ‘eno sagrado, en Vigo’ e ‘igreja de Vigo’, resulta moi comprometido decidir cal dos dous templos tivo presente o xograr á hora de compoñer as súas cantigas», explican desde a páxina das «Cantigas de romaría». Ademais, da primitiva igrexa románica de Santiago, «cabeza da parroquia que xunto coa de Santa María forma o territorio medieval vigués, pouco se sabe e moito se debate sobre a súa localización orixinal», informa o Concello; xa fose no entorno do Areal, ou máis ao sur, ao leste do monte do Castro.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- El antiguo concesionario Opel de la Avenida de Madrid será un hotel de 3 estrellas y 132 habitaciones
- La afición del Friburgo se rinde al «aura» de Balaídos y Vigo: «Estuve en muchos estadios y esto es una experiencia 10/10 »
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- El Concello de Moaña contrata, por primera vez, un técnico para acelerar las tramitaciones en todos los departamentos
- Un desahucio sin inquilinos en Vigo que se prolongó año y medio: «Se fueron, dejaron de pagar el alquiler pero no pudimos entrar hasta ahora»
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega