Mitos e trampas
O paso á vida adulta en «A adultez é un mito», de Sarah Andersen, e «Chico! Viviendo en una trampa de cristal», de Pablo Carreiro

Viñetas de «A adultez é un mito» (Sarah Andersen) e portada de «Viviendo en una trampa de cristal» (Pablo Carreiro). / FDV
Cunha actualidade que produce desacougo, no mellor dos escenarios, aquilo que nos ofrecen os dous títulos que hoxe traemos ás páxinas de FARO DA CULTURA pode devir acaso unha solución, sequera sexa pequena e temporal. Falamos, daquela, de A adultez é un mito, de Sarah Andersen, e de Chico! Viviendo en una trampa de cristal, de Pablo Carreiro: dous cómics que falan arredor do paso á idade adulta dunha forma tenra e humorística.E Iso si, cada un á súa maneira.
A adultez é un mito, publicado por Rinoceronte Editora, é o primeiro volume da recompilación de tiras breves de «Sarah’s Scribbles»: trátase, esta, dunha webcómic que naceu en 2011 na plataforma Tumblr, onde a súa autora, a nortamericana Sarah Andersen (1992), nese tempo estudante de Belas Artes, conta a súa vida con moito humor e un estilo naïf que raia no garabato. O ton directo, o formato curto, e un contido cotián co que é fácil que a lectora ou o lector se sintan apelados, fixeron que se popularizase axiña. Continuou as súas andanzas Sarah Andersen noutras plataformas ata que en 2016 a editorial Andrew McMeel publicou Adulthood is a Myth, o primeiro dos cinco volumes que recompilarían o seu traballo. Agora podemos gozar deste humor en galego grazas á tradución de Clara Barcia.
N’A adultez é un mito Andersen móstranos a súa transición á vida adulta a través do seu personaxe autobiográfico. Un percurso nada fácil e que funciona case como un espello. A quen lle gusta facer netgüorquing, a quen lle presta ir a todos os «saraos» sociais aos que se apunta por obriga ou toma a decisión correcta no momento adecuado? Entre preguiza e procrastinación, ansiedade social e unha sensación de descontrol máis presente do que lle gustaría, a autora fálanos das súas inseguridades e fracasos. As tiras breves e irónicas e ese estilo tan simple e expresivo permiten converter de forma eficiente situacións reais nunha hipérbole cómica na que deleitarse. En fin, unha obra divertida que capta esa sensación de frustración e incerteza cando te decatas de que xa es unha «persoa adulta» e… deberías saber como selo?
Pablo Carreiro (Vigo, 1985) tamén comezou a súa carreira na internet. Tras publicar as súas viñetas en Instagram, decidiu dar o salto ao papel tras unha exitosa campaña de financiamento colectivo. Así, a finais de 2019 naceu Chico! #1. Seis anos máis tarde aparece a súa sétima novela gráfica, Chico! Viviendo en una trampa de cristal (Editorial Siete islas, 2025), onde continuamos seguindo a vida de Berto ao empezar o primeiro curso de bacharelato xunto ao seu grupo de amigas. Nesta etapa, o protagonista enfróntase a cambios persoais, novas amizades, rivalidades e sentimentos amorosos que poñen a proba novamente a súa forma de entender o mundo e facelo consciente de que algo está a cambiar.
Carreiro continúa coa súa fórmula, que mestura tenrura, nostalxia e moita cultura pop, para retratar unha adolescencia na cidade de Vigo a comezos dos anos 2000. A través do seu día a día, o autor tenta construír un retrato xeracional cheo de humor e tenrura kawaii (adorable en xaponés), incorporando acontecementos e referencias da época. O autor describe as emocións e inseguridades propias da adolescencia, especialmente unha marcada pola identidade LGBTQ+, cun ton próximo. O seu estilo gráfico, influído polo manga, é dinámico e expresivo, achegando frescura á narración.
Ademais da saga de Chico!, que conta xa con cinco volumes, Pablo Carreiro publicou Ukiyo! (2021), inspirado na cultura xaponesa, e Xirarei! (2024), unha BD dedicada a Galicia. Tamén ilustrou libros infantís como Pichichán y la mágica aventura de los retos (Destino, 2022) e Lola Feroz (Cuarto de inverno, 2025).
Emma Ríos: Japan International MANGA Award
A debuxante vilagarciá Emma Ríos (1976) foi galardoada o pasado 4 de marzo nos XIX Japan International MANGA Awards, o galardón máis prestixioso do mundo do manga fóra de Xapón, que organiza o Ministerio de Asuntos Exteriores dese país para recoñecer autores internacionais que contribúen a difundir o manga.
Nunha edición con 738 obras participantes de máis de 100 países, Ríos recibiu a Medalla de Bronce polo seu cómic Anzuelo (Astiberri, 2025), a súa obra máis persoal: unha historia distópica sobre tres nenos que tentan sobrevivir nun mundo devastado por un gran tsunami, onde aparecen criaturas xigantes procedentes do océano.
Con este recoñecemento, Emma Ríos, debuxante e guionista recoñecida internacionalmente polo seu traballo no cómic estadounidense e europeo, consolida o seu prestixio internacional dentro do cómic, que se suma ao Premio Eisner recibido en 2020 polo seu traballo como portadista na serie Pretty Deadly (Bela Morte), premio ao que foi nomeada en varias ocasión, e ao Premio Ilustración do Salón Internacional do Cómic de Tenerife (Santa Cruz Cómic, 2020), outorgado pola súa traxectoria e a súa achega artística ao mundo da BD.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- El Celta dispondrá tras la reforma del estadio de unos 15.000 metros cuadrados para explotar otros usos y multiplicar sus ingresos
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»
- Así lucirán los locales comerciales de la Porta do Sol de Vigo: fachada integrada con el espacio, iluminación ornamental y punto informativo
- Emprendedores gallegos en nuevos sectores que desafían el abismo del primer año: así es la nueva generación de autónomos
- 25 años de la Vig-Bay: búscate entre los corredores de esta edición