Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Saúde» de Antón García Gonçalves

O simulado triunfo dos sofistas

Cartel de «Saúde», documental de Antón García Gonçalves.

Cartel de «Saúde», documental de Antón García Gonçalves.

Avelina R. Gil

O filósofo alemán Siegfried Kracauer pensaba que a maxia que posúen algunhas das imaxes en movemento xurdía como consecuencia do seu vertixinoso achegamento á veracidade do cotián. En Theory of Film: The Redemption of Physycal Reality exhortaba a Sétima Arte a devolver ao suxeito contemporáneo o contacto esquecido coas cousas tanxíbeis, co corpóreo, co auténtico. Porque, segundo el, entre as variadas funcións do cinema debería estar sempre a de ser quen de atrapar o fluxo da vida (que se esvaece).

O filme de Antón García Gonçalves, Saúde (2025), constitúe dalgún xeito unha reflexión actualizada do formulado por Kracauer en 1960. Neste seu primeiro traballo para a grande pantalla, o director valdeorrés asume como súa a misión de protexer ese devir vital (ao que se refería o teórico alemán) das manipulacións farisaicas e de mostrar ao mundo (no caso que nos atinxe a través das declaracións de vítimas, testemuñas e algún que outro cargo institucional) a incomprensíbel desaparición -gradual e forzada- dun hospital en O Barco de Valdeorras.

Saúde toma como punto de partida a historia persoal de Agustín González García, un ancián ao que continuamente «reprograman» a súa cita en cardioloxía. Como se dun ritual masoquista se tratase, o home atavíase unha vez tras outra con pulcritude para acudir a unha consulta que nunca terá lugar. O que se nos mostra a partir de aí tan só secuencia a cronoloxía do seu desconcerto: o relato dunha personaxe sen voz, reducida a xestos, cuxa ollada desencantada acabará sendo a nosa propria.

Deseguido, o filme dispérsase. Resopra. Fronte a nós comparecen os rostros dos afectados polo colapso: sindicalistas, facultativos, políticos, traballadores da pizarra, persoal de enfermaría, pacientes... que explican con detalle as motivacións mercantilistas que levaron ao desmantelamento paulatino do hospital comarcal de Valdeorras e de todo o Servizo Galego de Saúde.

Entre os numerosos datos e nomes de responsábeis que se facilitan ao longo da filmación sorprende a inusitada frecuencia coa que aparece citado Alberto Núñez Feijóo, cuxos achegados e amigos pasan (a partir do seu nomeamento como secretario xeral da Consellaría de Sanidade en 1991) a ocupar postos de dirección e xestión ou mesmo a administrar empresas relacionadas co sector sanitario: Eloína Núñez Masid (nomeada xerente do complexo hospitalario de Ourense), Marcial Dorado (provedor da gasolina para as ambulancias e subministrador da calefaccion e climatización dos hospitais), Micaela Núñez Feijóo (directora da empresa Eulen, fornecedora de servizos tales como limpeza, seguridade ou teleasistencia), etc, etc.

Evidentemente, dentro dos amadores do cinema, haberá aqueles aos que non lles resulte atractivo o criterio estético de propostas como a de DEP: Destruír é o plan (nomeada na categoría de mellor longametraxe nos Premios Mestre Mateo de 2024), de SOS Sanidade Pública, ou como a referida aquí, Saúde. Trátase de casos en que o acto de ollar obriga ao espectador a percorrer a incómoda distancia que separa a mansedume do embuste da crueldade do real. E iso é algo que apenas uns poucos están dispostos a aceptar.

No relato «The Killers» de Ernest Hemingway, dous sicarios entran na taberna dunha tranquila vila en New Jersey co encargo de matar un home chamado Ole Andreson que neses instantes non se atopa alí. Os asasinos móvense con parsimonia dentro do establecemento mentres manteñen conversas en aparencia banais cos presentes, que son coñecedores do perigo que corren e das súas perversas intencións. Cando, fartos de esperar, os matóns abandonan o local o dono apresúrase a advertir a Ole da situación. Mais el, como os outros, tampouco está disposto a facer nada para impedir a traxedia. E é así, con esta resignación, como un conto se converte en advertencia.

Series serias

Se estamos de acordo en que os universos creados polas series televisivas do século XXI comezan con bastante frecuencia in media res, no momento álxido da crise (da mudanza) en que se inician todos os grandes relatos, entón coincidiremos en que Máis Sanidade, da plataforma SOS Sanidade Pública, non supón unha excepción. A webserie galega, composta por 15 episodios, nace do colapso dun sistema que afecta a toda (ou case toda) a poboación galega: o Servizo Galego de Saúde.

Mediante os testemuños de profesionais médicos, pacientes e cidadáns afectados, Máis Sanidade fai fincapé nas consecuencias do deterioramento do sistema sanitario, analizando en cada unha das entregas as causas que o posibilitaron: o aumento da mortalidade non xustificada, a privatización silenciosa de hospitais, o desmembramento progresivo dos recursos públicos, a eliminación de postos de especialistas en zonas rurais, o nepotismo, a corrupción... En definitiva, un escenario devastador que, sen dúbida, dará orixe a novos e máis inquietantes capítulos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents