Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un grupo de xente para a xente

O «Orgulho» de Rebeliom do Inframundo

Rebeliom do Inframundo.

Rebeliom do Inframundo.

V. Neira

Orgulho: velaí o rítulo do agardado novo disco de Rebeliom do Inframundo. Unha entrega que nos chega despois de conquistaren monllos de escenarios co seu anterior, exitoso, Amor ou barbarie (2023).

Aquí, en Orgulho, os Rebeliom de novo propoñen unha escalada musical na que, chanzo a chanzo, o proxecto foxe do acomodo doado en territorios conquistados para continuar abrindo cancelas que os leven a novos escenarios sonoros.

Aínda que coas veas inchadas en moitas cancións, e cuspindo toda a rabia necesaria para ouvear verdades e amedrentar medos, tamén hai lugar nesta nova aposta para soaren tremendamente tenros cando o discurso máis humano e persoal o pide.

«Orgulho», xa que logo, de clase, de país, de humanidade que aínda latexa no medio da infinita treboada de toxicidade e feridas. A rebelión reméxese. Nunca xamais se permite poñerse de perfil nunha comunión social, política, humana e ecolóxica que irremediablemente fai da súa voz unha banda sonora contemporánea e imprescindible. Porque a xente do Inframundo nunca foron músicos cómodos nin mansos.

Xa dende aqueles inicios de hai unha década non resultaban tal. Como tampouco foron de pretender disimular a dor nin maquillar posicións e pensamentos. Eles soan crus, directos e honestos e na súa rima vai esvarar unha onda interminable de existencialismo e de espida mirada persoal que os fai tan deliciosos como certamente agres por momentos; isto é, como a vida mesma da que xermola cada un dos seus versos.

Nervo, Malvares, Frank Huxley, Busto e DJ Pol procesan, mastican, metabolizan e disparan estas doce cancións nas que o rap, a electrónica e mais a devoción pola nosa música de raíz retratan a vida nos nosos barrios e aldeas, a loita pola supervivencia moral nun mundo que dispara e encaixa a golpe de capitalismo e barbarie deshumanizadora.

Pero eles fano con iso mesmo: con orgullo. Con orgullo e con esperanza, sabendo sempre de onde veñen e cara onde queren ir, sendo conscientes de que na posición persoal clara e na defensa do que un pensa -máis con amor, reflexión e loita-, este mundo pode ser un lugar un pouco mellor. Autoafírmanse como un grupo de xente para a xente, cun discurso propio e unha ética de traballo que fala de verdades, de comunidade e de resistencia. Non seguen a moda, senón que a crean, ocupando escenarios e listas de reprodución como unha especie de trincheira conquistada nunha carreira na que ninguén lles regalou nada.

Neste novo disco son 100% eles, acadando momentos de enerxía desatada e calidade sobresaínte en cancións como «Sube», «Gaia», «Balas», «Bate Fado» ou a marabillosa «Que será», nunha nova colección de temas nun nivel tan óptimo que dificulta escoller a preferida nunhas primeiras escoitas. Agora preséntaselles un 2026 cargado de datas para levar este Orgulho a cantos máis escenarios mellor e demostrando que tamén as propostas que se arredan do discurso máis conformista e comercial poden encher salas aló por onde van e ocupar un lugar ben destacado en calquera festival no que os programen.

O trío Bico.

O trío Bico. / .

O debut de Bico

Aínda Dis-funcionais ? é o título do disco de debut de Bico, un trío de rock que comeza así o seu periplo musical nunha escena galega que non para de presentarnos novos proxectos e formacións.

Neste Bico atopamos tres vellos coñecidos con moito zapato gastado en palcos do país: Beti na batería e chegada de grupos como Malditos Lunes; Xurxo na guitarra e voces e chegado desde os Esquíos da Estrada ou Gharabullo; Cipri baixista en formacións da escena punk rock das últimas décadas como Retobato, Tecor Societario ou os Derradeiros.

Aquí non inventan nada novo nin cremos que esa fose a súa intención pero si que aportan personalidade e enxebrismo punk rock nunha colección de cancións que gardan cantidades inxentes de lixo debaixo das súas alfombras. Rock visceral, enérxico e afastado de edulcorantes para contarnos cousas da vida cotiá mentres se proclaman devotos confesos do garaxe punk, do surf rock e dos impulsos máis primitivos.

Presentaron o disco en directo hai unha semana no Café Bar Pato Rojo, un bar de barrio, de Compostela, poñendo ben de manifesto que as liñas promocionais dos grupos de moda non están feitas para eles. Alí estaban os veciños tomando unha cunca, os nenos petando co balón na parede do bar, un par de policías movendo a cachola, algúns rapaces de pantalón roído e coiro, unhas señoras gozando do espectáculo e eles tocando mentres os arcanxos do punk rock de certo que miraban dende o seu ceo, profundamente orgullosos de que aínda queden grupos así.

Aínda Dis-funcionais? preguntan desde ese underground tremendamente delicioso, nós respondemos que si e congratulámonos de que neste país a creatividade da nosa música non teña ningunha cancela pechada.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents