Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha ollada alternativa

Roberto Huarcaya no MARCO de Vigo

A exposición «Interseccións. Fotogramas, 2014-2026» de Roberto Huarcaya no MARCO de Vigo.

A exposición «Interseccións. Fotogramas, 2014-2026» de Roberto Huarcaya no MARCO de Vigo. / Eli Regueira

Na exposición do artista peruano Roberto Huarcaya (Lima, 1959) Interseccións. Fotogramas, 2014-2026, que se pode contemplar no MARCO de Vigo até o 29 de marzo, hai unha serie de fotogramas de grande formato, realizados sen cámara, na que se presenta a esencia de personaxes e paisaxes variadas mediante o contacto directo de elementos naturais co papel fotosensíbel, elaborando unha ollada alternativa á inmediatez e saturación do uso fotográfico da nosa contemporaneidade.

Huarcaya sitúase nestas series nun proceso de reflexión sobre a representación da natureza e da identidade, que dá a volta á habitual e convencional representación do corpo contemplado, na pintura, na escultura e na fotografía, frecuentemente obxectualizado.

Ben pola contra, para o creador limeño o corpo, e en especial a impronta del e a aura creada, é o campo da representación –coa súa teatralización e posta en escena-, case poderiamos dicir que se trata do territorio da escrita, porque serve en boa medida como soporte para a narración -co tempo ralentizado-, como se pode observar nas diversas series da mostra.

A fotografía de Roberto Huarcaya achégase e fai súa a experiencia de diferentes personaxes e realidades naturais, construíndo así un discurso singular. O creador mide e encadra personaxes, creando unha nada convencional galería de retratos, singularizada pola acción performativa á que son sometidos, mais tamén mide e encadra o silencio como se a representación, moi elaborada en todas as súas obras, remitise tamén a unha condensación emotiva que transmite unha sensación de mesta atmosfera, como se soubésemos que se o suxeito-obxecto da representación chegase a dicir algo, a falar, acabaría por se asustar a si propio.

É evidente que Huarcaya utiliza o medio fotográfico, con procedementos que remiten á mesma orixe da fotografía, e tamén á instalación, como unhas ferramentas para se internar en proxectos introspectivos con especial interese na relación ser humano-natureza, que en definitiva serve para a exploración da condición humana. Neles, e dunha maneira sutil, lígase a evidente presenza corporal coa reflexión mental, cunha posta en escena que nos leva do corpo ás sombras, da carnalidade á visualidade e da certeza da propia realidade corporal ao desacougo da súa vulnerabilidade.

«Interseccións. Fotogramas, 2014-2026», exposición de Roberto Huarcaya no MARCO de Vigo. Eli Regueira

Outra perspectiva da mostra. / Eli Regueira

Pegadas nas sombras

A traxectoria de Huarcaya parte da vontade de deitar un ollar intensamente expresivo sobre a forza da experiencia do lugar e da singularidade persoal, de realizar un intenso diálogo co contexto natural e social, esas interseccións á que fai alusión o título da exposción. A súa plasmación é, no que atinxe á representación, complexa e chea de matices.

Lembremos que o mundo en que se sitúa o seu proxecto artístico -a nosa estrita contemporaneidade- evidencia, por un lado, unha perda do suxeito no ideal colectivo das vangardas, até o punto de chegaren algúns teóricos a falar de mundo ácéfalo, como fai Jean Clair, mais, simultaneamente, tamén se manifesta unha auténtica obsesión pola imaxe tanto en termos de aspecto exterior como no que refire ao convulso interior que a psicoanálise pon en primeiro plano.

A percepción desde a subxectividade preside estes fotogramas que, coa súa especial relación co espazo e o tempo, se converten en elementos de transmisión que se fan donos dos individuos e dos elementos naturais. Son pezas catárticas percibidas como sombras que se tornan vivas cando a persoa que se achega a elas sente a «urxencia» de experimentar estas obras poderosas e cargadas de significado. Ao encontrármonos con estas intensas e auráticas imaxes, sentimos a súa intensa carga simbólica. Son imaxes que funcionan como saídas de procesos e ciclos ancentrais, como pulo para mergullarnos na comprensión e na interpretación do mundo e do tempo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents