Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cando a arte cambia o mundo

Rebeldía para quen produce/para quen mira

Exposición de Anselm Kiefer no Palazzo Reale de Milán.

Exposición de Anselm Kiefer no Palazzo Reale de Milán.

Reflexionan nestes días en Italia -no contexto da exposición de Anselm Kiefer no Palazzo Reale, Sala delle Cariatidi, de Milán- sobre como a arte pode cambiar o mundo. O pintor alemán presenta 38 lenzos monumentais que observan -entre o mito, a ciencia e a historia- as mulleres que se dedicaron á investigación alquímica e médica, abrindo portas para a desenvolvemento da ciencia moderna.

A historia e a transformación como fío condutor da vida, nun contexto que parece conxelado entre a exuberancia arquitectónica dunha época gloriosa e as feridas dos bombardeos de 1943. Non é casual a elección do recinto se pensamos que en 1953 acolleu unha exposición do Guernica de Picasso, outra obra que nos interpela sobre o poder da arte dende a súa evocación pero tamén na realidade que constrúe.

Falo desta construción, porque, o 5 de febreiro de 2003, no Consello de Seguridade da ONU, aconteceu un acto moi significativo: o tapiz do Guernica de Picasso que se exhibía na entrada deste edificio foi tapado cunha cortina azul ao longo da intevencion de Colin Powell, destinada a xustificar a invasión de Irak. É evidente que se buscaba que o simbolismo anti-bélico da obra non fose un fondo claramente contraditorio e disonante co anuncio da guerra. O Guernica non cambiou o mundo pero é un símbolo que move consciencias; e como se cambia o mundo se non é cambiando consciencias?

Guernica, Pablo Picasso (1937). Museo Nacional de Arte Reina Sofía.

«Guernica» de Pablo Picasso (1937). / Museo Nacional de Arte Reina Sofía

Entón, cando a arte transforma o mundo? Non so é importante a secuencia das palabras e os sentidos que construén senón como se representan na mente e o contexto no que estou a pensar niso. Porque se penso esta secuencia como unha afirmación, trasládome de contado á miña mocidade: unha rapaza de 20 anos, estudante de pintura e que, embriagada pola romantización da arte -porque daquela aínda se escoitaban os ecos das vangardas e a revolución concibíase como algo para o mundo-, cría firmemente nesta posibilidade.

Logo chegou a decepción, e a afirmación converteuse nunha pregunta baixo a sombra das teorías de Foucault sobre como o panóptico tamén se reproducía nos museos, eses contedores para o control. Máis tarde as de Bennett e a visualización dos museos como espazos de condicionamento social e a visión do coñecemento como a expresión das relacións de poder.

Así, a secuencia de palabras interrogativas trocou en negación, á luz tamén das realidades do mercado, da especulación, das cifras multimillonarias das vendas de obras e das multiplicacións dos ready-mades de Duchamp e todas as súas hibridacións que duraron décadas.

Hoxe penso que a afirmación non era incorrecta senón o enfoque, o contexto dende onde pensar o cambio. A arte cambia o mundo cando o artista está enfocado na honestidade da creación e non no produto do mercado. A arte non está fora, está dentro do ser humano. Entón ese anhelo non é un desexo infantil, é un impulso inmanente na humanidade.

A arte sempre é unha forma de rebeldía para quen produce e para quen mira porque producir e observar é parte dunha mesma acción, a arte está dentro de cada un de nós. Hai que expulsar o mercado da ecuación porque non só distrae senón que é un obstáculo insuperábel.

Acaso as conquistas do coñecemento cientifico non se converten en saberes universais de acceso a toda a humanidade? A orixe sensíbel do pensamento e os seus símbolos son o seu funcionamento mesmo, son o medio da construción da realidade, non son simples ferramentas da mente. Somos un universo simbólico no que creamos significados e estas operacións só se producen pola capacidade de crear e imaxinar. Polo que a arte é a única opción para superar a razón cartesiana que sostén unha realidade na que só existe o racionalmente representado. Canto dano fai silenciar o que non está representado pola razón!

Ese é o cambio necesario, o que define con claridade Stanislavski cando di aos creadores: «Ama a arte en ti mesmo e non a ti mesmo na arte.» Todos somos creadores de realidade. Tal vez para que a arte cambie o mundo, hai que rematar de matar o artista.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents