Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Na morada da deusa Nabia

Pena Furada, Coirós

Vista de Pena Furada.

Vista de Pena Furada. / luarnafraga.org

Na parroquia de Santa Mariña de Lesa, no concello coruñés de Coirós, no alto dun espolón rochoso ábrese un oco na pedra que vai máis aló dos caprichos xeolóxicos. É o xacemento rupestre de Pena Furada no que destaca, ademais doutros signos e gravados, a presenza da Moura, unha figura feminina que fixo pensar aos arqueólogos en cultos vinculados á auga e á fertilidade desde a época castrexa.

O gravado, perfectamente visible, podería ser, din os estudosos, unha representación da deusa Nabia —ás veces con grafía «V»—, deidade galaico-romana relacionada coa fecundidade. Canto ao corpo da Moura, este é alongado, mide uns sesenta e cinco centímetros e mostra de forma explícita o seu sexo. Non é unha talla illada, xa que ao redor hai outros gravados, sulcos e coviñas que, en conxunto, configuran un espazo ritual dotado con muros e fosos que delimitan a plataforma rochosa na que se sitúa, con camiño de acceso incluído.

A Moura de Pedra Furada (Coirós). marinasbetanzos.gal

A Moura de Pedra Furada / marinasbetanzos.gal

Hai uns anos un equipo de arqueólogos, con Antón Fernández Malde á fronte, concluíu que, ademais de ser un santuario galaico-romano, o conxunto tamén era un gran almanaque con capacidade de marcar o tempo e as estacións.

Nabia ten unha orientación de leste a oeste e mostra unha clara relación de visibilidade co sol. Así, a disposición das figuras e os diferentes espazos rupestres marcan unha sorte de calendario astronómico. A deidade castrexa ten un compañeiro antropomorfo que só pode ser apreciado en dous momentos concretos: á tardiña e ao amencer do equinoccio de primavera.

O santuario está deseñado para que a luz do sol incida de maneira especial ao mediodía sobre as figuras talladas. Xunto a Nabia hai unha pía cuadrangular para a realización de ofrendas.

O enclave inclúe outros petroglifos e tres portas simbólicas aliñadas, polo que todo indica unha estruturación de culto. O lugar conta cun panel explicativo e é accesible tras unha pequena camiñada, situado preto da contorna natural do Monte do Gato e o río Mandeo. Pertence á zona das Mariñas Coruñesas, declarada Reserva da Biosfera.

Próxima ao lugar atópase outro monumento, a igrexa de Santa Mariña de Lesa, preta ao río Mendo, quizais levantada para cristianizar o enclave. Trátase dun interesante templo de estilo románico de transición ao gótico, do século XIII. Ten nave única rectangular, cunha ábsida tamén da mesma forma.

No interior, o espazo correspondente ao presbiterio conserva elementos románicos, como as catro columnas encostadas, os dous arcos e a bóveda. A ábsida posúe características góticas, como unha xanela oxival dividida en dúas metades por un parteluz, con remate en pedra calada e unha bóveda de cruceiría.

Santa Mariña de Lesa. Turismo de Galicia

Santa Mariña de Lesa. / Turismo de Galicia

Este territorio no que habitan druídas, deuses e mouras forma parte do cordal do Monte do Gato, unha das cimas máis altas da comarca de Betanzos, con preto de 515 metros de altura. Trátase dun espazo con gran biodiversidade, cheo de xacementos arqueolóxicos e vestixios históricos como o castelo do rei Teodomiro, datado no século VI. Este sistema montañoso conforma ademais o límite natural entre os concellos coruñeses de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras.

Teodomiro foi o rei suevo que en torno ao ano 550 ordenou levantar unha torre defensiva no alto. A Xunta declarouna en 1994 ben de interese cultural (BIC) aínda que ata 2021 a súa existencia só era coñecida a través de fontes documentais. Pero en xuño dese ano acháronse restos arqueolóxicos que poderían testemuñar a localización precisa do monumento.

Moi preto atópase A Espenuca, un miradoiro natural sobre a comarca das Mariñas que permite ver o paso do Mandeo sobre o lugar de Chelo e gran parte da comarca. A contorna cobra especial importancia pola presenza da igrexa de Santa Baia, ademais do campanario, que se atopa separado da construción e uns metros mais arriba.

A igrexa do cabaleiro

Santa Baia da Espenuca está no alto do monte, desde onde se domina unha fermosa paraxe que abarca boa parte da comarca das Mariñas. Existe a lenda de que a súa fundación foi levada a cabo por un cabaleiro que para expiar os seus pecados fundou catro templos en zonas elevadas da bisbarra, todos visibles entre si. Dous deles aínda se conservan, santa Baia da Espenuca e santa Marta de Babío (Bergondo).

Santa Baia da Espenuca. Turismo de Galicia

Santa Baia da Espenuca. / Turismo de Galicia

A mesma historia di que o fundador levou unha vida exemplar e morreu na Espenuca. A igrexa, ademais da súa singularidade, conta cun longo pasado. Ten unha espadana afastada do edificio, dunha soa nave e ábsida rectangular. Outra peculiaridade é o acusado desnivel do terreo, que obrigou a escavar a roca, o que condicionou a estrutura da fachada occidental, máis alta que a cabeceira.

O templo suponse incorporado por doazón ao mosteiro de San Salvador de Cines. A tradición afirma que o uso da igrexa puido ser para culto estival da comunidade ou ben un templo de cemiterio, e en apoio disto último están os sartegos de pedra ,de forma antropoide ,que rodean a costrución e que se teñen por visigodos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents