Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tendencias da narrativa galega actual (I)

A novela sen cancelas: Manuel Darriba, Eva Moreda e Emma Pedreira

Os tres autores galegos desafían os esquemas clásicos e exploran a condición humana, a memoria e a invención nas súas obras literarias

Manuel Darriba, Eva Moreda e Emma Pedreira

Manuel Darriba, Eva Moreda e Emma Pedreira

Cando se inicia unha nova sección nun suplemento literario cómpre dar algunhas explicacións sobre a súa xenealoxía e obxectivos. Esta «Tendencias da narrativa galega actual», que se irá publicando no FARO DA CULTURA nos próximos meses, toma como referencia os primeiros vinte e cinco anos do século XXI para intentar facer un mapa subxectivo de camiños e pousas da escrita literaria autóctona. Non pretende ser esta unha sección de catalogación minuciosa, senón unha invitación á lectura e relectura de títulos e autores que coido deberan formar parte da biblioteca galega contemporánea imprescindible.

Nesta primeira entrega falo de autores e novelas sen cancelas, voces e obras que se conectan entre si, sobre todo, pola esixencia estética, por comunicarse coa literatura global do noso tempo principalmente mediante a forma. Novelas que non teñen doado extraer un resumo de cinco liñas nin pretenden recibir os seus e as súas lectoras nun universo demasiado evidente ou recoñecible.

Manuel Darriba

Manuel Darriba (Sarria, 1973) é unha das voces máis recoñecibles e diverxentes da narrativa galega actual. Aínda que a súa andaina literaria comezou na década do 1990, foi xa neste século cando agromaron as súas obras narrativas máis interesantes. O autor séntese coma peixe na auga nas atmosferas míticas, metafóricas, dominadas polo simbolismo. Aprovéitase das ferramentas da literatura distópica para extraer a expresividade que lle axude a transmitir as arelas e medos da humanidade do noso tempo. O bosque é grande e profundo, os relatos que compoñen Elefante ou A realidade debuxan atmosferas inquietantes, violentas e deshabitadas de emocións humanas. Darriba pescuda no esquelete da nosa condición humana nun tempo xa posthumano. Establece unha relación coa literatura sobre a corrosión do capitalismo avanzado que se está a facer noutros sistemas, polo que a súa voz é das máis innovadoras e actualizadas.

Títulos

  • O bosque é grande e profundo
  • Elefante
  • A realidade

Eva Moreda

A narrativa de Eva Moreda (A Veiga, 1981) é das máis singulares do noso panorama literario. Poderiamos encadrar os seus libros no andel da literatura da memoria persoal ou da experiencia, mais nas súas obras o tema case sempre é secundario, subordinado ao rigor expresivo e ao ritmo (Moreda é musicóloga). A vida da autora paira sobre os seus textos, pero sempre esquiva a etiquetas como a autoficción ou o realismo.

Títulos

  • Hortensias, camelias, palmeiras
  • Conventículo
  • Para toda a vida

Emma Pedreira

A terceira das voces «únicas» é a de Emma Pedreira (A Coruña, 1978). Recoñecida tanto pola súa poesía coma pola súa prosa, neste século gañou, entre outros, o Premio Xerais 2018 con Besta do seu sangue. É esta obra, xunto co’A boca da sombra, a máis ambiciosa, no inventario dunha autora versátil e con inquedanzas literarias moi variadas. Son características da novelística de Pedreira a invención de personaxes e historias que viven no gume do improbable, do sinistro, do criminal. A escritora constrúe mitos desde as marxes: Romasanta, asasino hermafrodita; unha cidade dominada polas prostitutas e axexada pola violencia, respectivamente en cada unha das devanditas obras.

Títulos

  • Os corpos invisibles
  • Besta do seu sangue
  • A boca da sombra

Darriba, Moreda, Pedreira. Tres voces que combaten o lugar común, o previsible, o edulcorado, o prêt-à-porter literario. Tres autoras que peneiraron na propia tradición e nas lecturas de literatura universal contemporánea para achar o seu propio estilo, fiel á lingua galega, materia prima coa que traballan dun xeito rigoroso e imaxinativo.

A súa orixinalidade é unha das mellores noticias que nos dan as letras galegas actuais, pois demostran que hai sitio para a alta literatura, esixente desde a propia escrita, mais tamén co lectorado. Que máis alá de esquemas clásicos (como a famosa división entre a xínea de Méndez Ferrín e a de Suso de Toro), existe espazo para unha narrativa que busca aprehender as feridas do noso tempo e que abraza tamén a imaxinación, o pouso lírico e mais o ritmo narrativo.

A forxa da lingua

Nesta narrativa baseada sobre todo na forma xa non serven vellos conceptos sobre a relación entre literatura e lingua galegas. Estas obras e autores non procuran «rescatar» léxico nin representar a fala dun xeito mimético. A súa preocupación estilística pasa máis, segundo os casos, polo traballo na construción de ambientes, na atención aos límites e peculiaridades da lingua oral ou á relación entre linguaxe poética e prosa. No caso de Darriba, a súa achega formal baséase na aparente frialdade, no minimalismo, en certa despersonalización do idioma que lle axude a construír un ámbito expresivo imposible de localizar.

Eva Moreda opta, especialmente nos seus últimos libros, caso de Para toda a vida, Rapazas de Polar e a tetraloxía iniciada con Hortensias, camelias, palmeiras e Conventículo por captar a esencia da lingua oral (fraseoloxía, interrupcións, reiteracións). Nas súas novelas hai unha clara intención de beleza expresiva que nace nesa lingua íntima que usamos nas conversas familiares e informais.

No caso de Emma Pedreira, é patente o seu interese en aproximar a lingua literaria á lingua viva, non tanto a través do calco, senón conseguindo capturar un certo ritmo (nesta tarefa brilla a Pedreira poeta), sen medo a inventar e adaptar palabras. A súa lingua por momentos faise barroca, lúdica, difícil de amansar, que gaña moito na pronuncia en voz alta.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents