As letras sonoras
Diálogos de versos e corcheas

Amancio Prada, durante un concerto. / Rafa Vázquez
Judith R. Iglesias
A música e a literatura levan séculos cruzando camiños. Desde as cantigas medievais ata as experiencias contemporáneas, palabra e son construíron un territorio compartido. Non se trata só de adaptacións. Son creacións conxuntas, unha corrente alterna que atravesa xeracións, linguas e silencios. E se alguén o sabe ben, ese é o compositor Amancio Prada (Ponferrada, 1949), quen fixo dos versos de Rosalía de Castro unha vibración na súa guitarra. E non foi o único.
«1968. Tiña entón 19 anos», escribe na páxina web que recolle a súa completa discografía. «Vivindo en Castela, sentín por primeira vez a nostalxia da terra, o estrañamento do aire, airiños aires... a través dos seus versos (...) Empecei a escoitar dentro de min a súa música. Era como abrir o peito e desafogarse».
Foi entón cando Prada compuxo os primeiros acordes de «Como chove miudiño» e «Un repoludo gaiteiro», dous poemas inmersos no repertorio de Cantares Gallegos (1863). A figura de Rosalía de Castro transcende o mundo das letras e, a través do fío musical, o artista achegounos unha voz próxima, case murmurada, das páxinas escritas.
No inverno de 1975 comezou a gravación do disco completo baixo o nome da poeta, acompañado por Eduardo Gattinoni ao violoncelo. Tal vez, un dos máis emblemáticos. Perdurou na memoria colectiva polas versións canónicas de «Adiós ríos, adiós fontes» ou «A xustiza pola man».
Agora, con motivo do seu 50º aniversario, Amancio Prada ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo o próximo 7 de marzo. «Celebrar medio século dun disco é celebrar a viaxe de toda unha vida», sinalan desde a organización. Festéxase así o momento exacto no que o artista iniciou «unha peregrinación sonora ao corazón da poesía de Rosalía de Castro».
Este diálogo íntimo converteuse nunha manifestación propia. «A voz de Prada, hoxe máis que nunca, é a resonancia dese longo camiñar, pois atesora a devoción do primeiro día e a sabedoría de quen fixo dos versos doutro o seu propio fogar».
Con todo, como dicíamos ao principio, o berciano non foi o único. No 2022, a cantante e compositora galega, Uxía, colaborou co andaluz Javier Ruibal para tender pontes entre o norte e o sur. O resultado foi De tu casa a la mía, un disco recopilatorio de trece temas onde lle poñen música aos versos de Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Conscientes do carácter universal de ambos autores, a proposta tentou concederlles un toque persoal e inédito. «De Granada a Santiago/ De Santiago a Granada/ De tu casa a la mía/ Federico e Rosalía», reza o retrouso da canción que abre o proxecto.
Os clásicos seguen sendo faros para as novas xeracións de artistas que, coas súas propias voces e instrumentos, manteñen vivas as palabras. Da transcendencia de autores como Lorca e Rosalía ás melodías que inspiraron escritores emerxentes, a influencia é recíproca.
Foi en 2016 cando esta idea alcanzou o seu punto máis alto: Bob Dylan (Minnesota, 1941) recibiu o Premio Nobel de Literatura. A pesar da controversia que supuxo esta decisión, a Academia sueca tívoo claro: «Dylan creara unha nova expresión poética dentro da gran tradición da canción americana». O argumento era irrefutable e as fronteiras entre música e creación literaria, cada vez máis difusas. A narrativa respiraba ante o micrófono, igual que os versos de Rosalía de Castro, como fíos de conexión cultural.
Negra sombra
A intersección entre palabra e son segue marcando o ritmo, inspirando novos diálogos. A música non acompaña, reinterpreta. Mentres tanto, «Negra sombra» (Follas Novas, 1888) é o texto lírico máis versionado da historia galega. A peza, que comeza co famoso verso «Cando penso que te fuches», subiu aos escenarios por primeira vez en 1882 da man do músico Xoán Montes. Na actualidade, rexistra máis de 300 versións, incluídas as de Amancio Prada (1975), Luz Casal e Carlos Núñez (1996) e Fillas de Cassandra (2023).
Cando Xoán Montes interpretou a súa versión de «Negra sombra» na Habana (1882), comezou o que poderiamos considerar unha tradición musical. Que pensaría agora Rosalía de Castro, tantas melodías despois do seu primeiro verso? Outros poetas, como Celso Emilio Ferreiro tamén foron musicalizados, convertendo así a literatura en testemuño dun longo proceso, vivo e vibrante aínda na cultura contemporánea.
Os versos son os mesmos; a música, un lenzo en branco. En 1975, Amancio Prada deulle unha nova vida á lírica rosaliana con acordes que acentuaban a triste beleza de «Negra sombra» e facían da melancolía un espello de profundas emocións. Co tempo, a peza experimentou o florecemento de diversas sonoridades: desde o alento pop dos 80 ata o son celta de Carlos Núñez en 1996.
Xa no 2023, Fillas de Cassandra recolleu o relevo da narración para fundir a música tradicional con tintes electrónicos, creando así unha atmosfera rompedora. Seguía a ser, non obstante, «Negra sombra» o fío invisible que conecta xeracións, intérpretes e audiencias. Un legado vivo e, como tantos outros, a literatura que latexa ao compás da música.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas