Un pintor de tipos na Galicia do século XIX
Memoria de Federico Guisasola Lasala

Interior das ruínas de San Domingos de Pontevedra (Federico Guisasola Lasala, 1875). / Museo de Pontevedra
José Luis Mateo
Federico Guisasola foi un artista madrileño asentado desde mediados do século XIX entre Vigo e Pontevedra. Discípulo de Federico Madrazo na Escola Especial de Pintura, Escultura e Gravado de Madrid, instalouse coa familia na cidade olívica e abriu a Academia de Belas Artes en 1852, con seccións de anatomía, escultura e arquitectura, asemade que acadaba certo recoñecemento artístico.
En 1857 presentouse á cátedra de paisaxe da Academia de San Fernando de Madrid que deixara o falecido pintor maiorquín F. Ferrant e que acabou por gañar, porén, Carlos de Haes. Aquela tentativa fálanos dun artista preocupado pola pintura de paisaxe aínda que tamén o encontraremos na práctica do debuxo anatómico e retratístico. Como probas de tal proceder, velaí o «Debuxo de Peregrino» e mais «A cabeza de estudo» coa que gañou a medalla de cobre na Exposición de Santiago de 1858.
En 1859 o seu pai, administrador de Correos, trasladábase a outro destino ao tempo que Federico acadaba unha praza de profesor no Instituto de Pontevedra (1860-1866). Axiña recibiu alá encargos de pintura decorativa como o cadro alegórico que adornou o salón principal do Liceo ou a decoración da inauguración do Conservatorio pontevedrés (1863), descrita na prensa como un «efecto de lúa iluminado á veneciana». Tamén participou aínda dos movementos políticos do país, asinando o manifesto de creación do Partido Demócrata de Pontevedra (1865). Despois da revolta de 1866, Guisasola tivo que marchar ao exilio, instalándose en Salamanca, onde malviviu entre 1869-1872 facendo retratos mal pagados e mesmo exercendo como actor.
Xa etornado a Galicia, comezou a colaborar coas revistas ilustradas destacadas da época, como La Ilustración Española y Americana, a emblemática Ilustración Gallega y Asturiana e La Ilustración Cantábrica, baixo o control dos Chao, editores vigueses esenciais no Rexurdimento galego.
O noso protagonista proveitaba entón as excursións polas terras galegas para pintar do natural acuarelas e debuxos que despois serían publicas; así comezou ao tempo a preparar a súa obra Menestra de tipos populares de Galicia, unha mostra de trece tipos populares copiados do natural e acompañados de descricións de poetas e literatos galegos como Aureliano J. Pereira, Pardo Bazán, Luis A. Mestre, García de la Riega ou Lamas Carvajal
A obra publicouse en 1881 e tipificaba os vigueses co «Retrato de Teófilo» acompañado dunha descrición de Nicolás Taboada na que aludía a este vigués como «el mayor galopín que come pan en Europa».

«Teófilo» (1881) e «La Ilustración» (1879). / Federico Guisasola Lasala.
Luis Rodríguez Seoane (1836-1902) escribiu, da súa parte, un prólogo en forma de soneto que saudaba este repertorio de tipos populares, e un chisco grotescos, como «a arte que salva do esquecemento». O álbum de tipos foi, sen dúbida, un precedente desa clase de publicacións que inspirou algúns dos nosos debuxantes e ilustradores, como Castelao, Maside, Federico Ribas ou Eduardo Padín entre outros.
E tamén colaborou Guisasola nunha das obras máis salientables da edición de tipos populares españois, como foi Las Mujeres Españolas, Portuguesas y Americanas, impresa en Madrid en tres volumes aparecidos entre 1872 e 1877, intento do seu editor, Miguel Guijarro, de achegar este tipo de obras ao nivel artístico dos principais países europeos. Guisasola encargouse de debuxar o tipo de muller de Lugo en 1874.
Debuxos, acuarelas, óleos
O Museo de Pontevedra conserva algúns dos seus debuxos, acuarelas e óleos: o óleo Panorámica de Bueu de 1869 (Museo Massó) é un exemplo magnífico da súa obra paisaxística. Pero Guisasola destacou pola súa capacidade para recoller personaxes populares cun compromiso identitario reivindicativo semellante aos poetas do Rexurdimento.
En 1875 presentou na Exposición Rexional de Santiago tres acuarelas (Interior das ruínas de SanDomingos de Pontevedra, Cego tocando zanfona e Aldeana apoiada nunha vaca) e mesmo tomaba notas para La Ilustración Española y Americana. En agosto daquel ano asistiu aos actos dos Xogos Florais xunto aos poetas e intelectuais galegos daquel tempo.
A súa presenza como ilustrador para estas publicacións atoparémola no gravado que publica na IEA en 1876 co retrato do Padre Feixóo e a visita á casa onde nacera o ilustre benedictino, acompañado de Valentín Lamas Carvajal, ou nos debuxos da apertura da Exposición Rexional de Lugo de 1877.
As acuarelas e óleos de Guisasola estiveron presentes así mesmo na Exposición Rexional de León de 1876 (Mariñeiro e A Ermita de Baco), nos xogos Florais de Pontevedra de 1880 (A Gaivota) ou na Exposición de Belas Artes de Madrid de 1881 onde presentou dúas paisaxes das ribeiras do Eume e o Miño.
Nos últimos anos da súa vida traballou na creación dun Álbum Monumental e Artístico de Galicia para que xa tiña o compromiso de colaboración das plumas de Rosalía, Pardo Bazán, Alfredo Vicenti, Indalecio Armesto, Antolín Esperón e Juan Manuel Paz como deixou escrito o xornalista Nicanor Rey Díaz.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- Argentina identifica a un barco gallego por un posible caso de «pesca ilegal»
- ¿Por qué Marruecos complica cada vez más las cosas a la conserva gallega y Chile compromete a los bateeiros?
- Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia: «Hay indicios de que en la segunda quincena de febrero podría dejar de llover»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Condenan a un vecino de Tomiño que ganó un millón de euros en la lotería a compartir el premio con un amigo
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»