O Museo de Pontevedra explora a iconografía de San Sebastián: entre a agonía e a éxtase
A exposición, comisariada por Xosé Manuel Buxán Bran e Natalia Fraguas Sánchez, analiza a evolución da imaxe do santo como mártir e obxecto de desexo

San Sebastián representado por Francesco Nonni (1925), á esquerda, e en serigrafía de Keith Haring, á dereita.
Froito dunha pormenorizada investigación, a exposición San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada, que se pode contemplar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, achégase á iconografía de san Sebastián a partir dunha larga e variada obra que vai desde gravados do século XVI até imaxes actuais de gráfica contemporánea.
Nos distintos apartados podemos repasar pormenorizadamente as diferentes representacións do santo, o mártir aseteado ligado á beleza, á dor e mais ao pracer. Estamos perante ese mundo que George Bataille analizou en L’Érotisme (1957) e en Les Larmes d’Éros [As lágrimas de Eros] (1961): a íntima relación entre Eros e Tánatos, entre a pulsión sexual e o instinto de morte.
Lembremos que o escritor e pensador francés recorría a imaxes da agonía para expresar o clímax amoroso e á linguaxe da éxtase para representar a morte, seguindo unha liña argumental que xa se pode detectar na lírica grega arcaica, na arte renacentista e barroca -penso en especial en Miguel Anxo e Bernini-, na poesía mística do século XVI e na romántica ou na música de Wagner.
A ligazón a este mundo referencial da iconografía de san Sebastián cómpre situala na primeira metade do século XV cando o santo, protector por antonomasia contra a peste, principia a ser representado cunha sensual beleza apolínea. Temos, nesta liña, o testemuño das Vidas de Giorgio Vasari, onde se conta a anécdota do irresistíbel atractivo erótico que exercía un San Sebastián nu, pintado polo artista Fra Bartolommeo nun retablo para o convento de San Marcos de Florencia. O testemuño de Vasari non é homoerótico senón heterosexual, xa que son mulleres as que confesan o seu «pecado» ao contemplaren a imaxe do mártir, causa que levará a que os freires do convento retiren a imaxe da igrexa.
Con todo, as imaxes do santo desde o Renacemento son tamén o inicio da elevación aos altares do homoerotismo da figura de San Sebastián, aspecto ben perceptíbel na exposición do Museo de Pontevedra, que nos presenta os múltiples matices desta iconografía, que vai desde a sublimación decorativa da violencia até o erotismo do martirio, sempre co santo de corpo nu ou seminu e atravesado por frechas. A perturbadora voluptuosidade, o deleite morboso, a resistencia estoica ou a requintada submisión desfilan en múltiples e variadas imaxes.
Nestas representacións agroman todos os graos entre a vida e a morte: desde a agonía á éxtase e desde a resistencia heroica até a absoluta rendición. É no período barroco onde estas imaxes van atinxir unha intensidade maior, logo moi imitada, pois o pathos da linguaxe barroca acrecenta a intensidade emotiva das imaxes, enfatizando os xestos e os elementos iconográficos: corpo nu, ataduras e frechas.

Vista da exposición. / Museo de Pontevedra
A temática de san Sebastián na arte insírese, pois, no contexto do que se pode denominar como imaxes das paixóns, que na cultura humanística, e desde o século XV, vai presentarse á maneira do que Aby Warburg chamaba unha «fórmula emocional», que explica que perante certos sentimentos, botemos man dunhas comúns formas expresivas.
As representacións do noso santo, de forte carga dramática, igual que moitas imaxes mitolóxicas pagás, fan uso deste catálogo de formas expresivas que conforman un auténtico teatro das paixóns.
Investigación iconográfica
O proxecto expositivo do Museo de Pontevedra xorde a partir da investigación que o profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Buxán Bran presentara en 1995 na Universidade do País Vasco, onde defendeu a súa tese de doutoramento intitulada Homoerotismo na iconografía de San Sebastián Mártir. Unha visión desde o presente. Ao longo dos anos, o comisario e crítico continuou esa investigación sobre o eros e a imaxe do santo mártir, que agora se presenta na actual mostra, fundamentalmente na súa vertente de obra gráfica: desde as técnicas tradicionais do gravado até a edición actual en capas de libros, discos e revistas, carteis e mesmo serigrafías para roupa.
A exposición mostra unha completa representación de imaxes que van desde estampas de mestres gravadores do norte, cuxas pranchas máis antigas son do século XVI (e dos cales posúen copias coleccionistas privados e algúns dos gabinetes de estampas dos grandes museos do mundo) até un mostrario das derivadas da arte gráfica contemporánea que na actualidade seguen a revivir a iconografía e o mito de san Sebastián no ámbito da publicidade.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas