Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A raíña do fotoxornalismo

No centenario de Leica

A Leica de Robert Capa na mostra sobre a súa obra no Círculo de Belas Artes de Madrid.

A Leica de Robert Capa na mostra sobre a súa obra no Círculo de Belas Artes de Madrid. / Eli Regueira

Joaquim Ventura

Joaquim Ventura

Na historia da prensa escrita, a aparición de imaxes fotográficas foi posible cando a tecnoloxía permitiu a impresión en grises e non exclusivamente en branco e negro. Os xornais gañaron público, porque neles viñan imaxes de confirmación do texto e nas páxinas de deportes e de espectáculos aparecían os que foron os primeiros ídolos de masas. A aparición do flash permitía as fotografías de interior, primeiro con trípode e despois con cámaras portátiles de placas.

Pero a difusión das noticias e a competencia entre xornais esixía unha maior axilidade á hora de obter as instantáneas. En consecuencia, unha maior facilidade para que os fotógrafos levasen as cámaras e unha maior velocidade de obturación para captar o movemento con precisión. Estas necesidades comezaron a ser resoltas cando o enxeñeiro alemán Oskar Barnack, que padecía asma, deseñou unha cámara lixeira para fotografías de exterior. Así foi como na fábrica de óptica onde traballaba, Leitz, en 1914 empezaron o probar a que, uns anos despois, sería a cámara Leica. Co gallo do centenario deses prototipos, a empresa organizou unha exposición en 2017 na Fundación Telefónica de Madrid.

A cámara Leica fixo a competencia ás cámaras de fol, que permitían axustalo para conseguir un enfoque axeitado. Entre elas, cabe salientar as Voigtländer, dotadas dunha óptica magnífica froito de máis dun século de traballo desde a súa fundación en Austria. Esta Leica era unha cámara cun obturador 1/20 e 1/500 segundos e temporizador. A diferenza das cámaras de fol, que empregaban película cadrada e un máximo de doce exposicións, Barnack adaptou a película de celuloide de 35 mm empregada en cine (é dicir, de gran produción) pero en horizontal (3x2) en carretes que permitían ata trinta e seis exposicións. O lema de Barnack era «negativo pequeno, grandes imaxes».

Un tamaño tan reducido esixía lentes de gran calidade. Como as Zeiss deseñadas para 18x24 non daban o resultado esperado, inventaron outras a partir das do físico Max Berek. Presentada esa primeira Leica en París en 1925, a finais daquel ano comezaron a ser comercializadas. Tratábase dunhas cámaras lixeiras, compactas e pequenas (cabían nun peto). O seu obxectivo, inventado por Max Berek, era retráctil e permitía un enfoque case inmediato.

En 1927 apareceu a Leica I Schraubgewinde, cun sistema de lentes intercambiables baseado nun parafuso de 39 mm. Podía montar obxectivos de 50 mm (estándar), un angular de 35 mm e un teleobxectivo de 135 mm. Cinco anos despois, a Leica II incorporaba un visor separado (que mostraba unha imaxe reducida do obxecto enfocado) e un visor de distancias, un telémetro. A Leica III, aparecida en 1936, tiña un obturador de 1/1000, circunstancia que aseguraba fotos non movidas.

Como empresa, Leitz foi progresista e procurou reter talento con boas condicións de traballo. Incluso cando, a partir de 1938, os seus traballadores xudeus comezaron a ter problemas, comezaron a seren «transferidos» a delegacións no estranxeiro. Pero por iso mesmo, a empresa foi obxecto ben axiña da intervención das autoridades do III Reich, cuxos dirixentes foron seareiros das cámaras fabricadas en Wertzlar (Hessen).

As cámaras Leica e a calidade das imaxes que obtiñan permitiron democratizar a fotografía, tanto en profesionais como en afeccionados. E entre os primeiros, fixo posible a aparición dos fotoxornalistas, capaces de inmortalizar calquera acción en calquera sitio, como agora –setenta anos despois- podemos facer cos teléfonos intelixentes.

Unha boa selección de fotografías feitas con Leica ven de ser presentada recentemente en Madrid para conmemorar o centenario da comercialización destas cámaras míticas.

As fotos

As cámaras Leica pasaron a ser as raíñas do fotoxornalismo, especialmente en situacións de movemento (guerras, deportes...). A proba de fogo foi a Guerra Civil española. Así, xornalistas gráficos como Robert Capa (pseudónimo da parella formada por Endre Ernö Friedmann e Gerda Taro), Hans Guttman ou os cataláns Agustí Centelles e Antoni Campañà puideron deixar constancia en amplas reportaxes, imposibles sen o concurso de cadansúas Leica.

«Muerte de un miliciano», de Robert Capa.

«Muerte de un miliciano», de Robert Capa. / .

Tamén empregaron a mítica cámara alemá Henri Cartier-Bresson, Elliott Erwitt e Sebastião Salgado, entre outros. Foron feitas con Leica algunhas das fotos máis coñecidas da historia: «Morte dun miliciano» ou «Nenos xogando en Vallecas» (Robert Capa), «O guerrilleiro heroico» (o Che, de A. Korda), «V-J Day in Times Square» (ou «O bico», de A. Eisenstaedt) ou a foto do seminarista porteiro de fútbol (Ramon Masats).

Durante a Segunda Guerra Mundial, as cámaras Leica foron testemuña do que sucedía tanto no bando nazi como nas accións dos aliados. Diversos comandantes do campo de Mauthausen –daquela pensaban que serían impunes- retrataron o que nel sucedía con Leicas. O catalán Francesc Boix e compañeiros seus tamén internados foron encargados de positivar aquelas imaxes, das que clandestinamente tiraron copias que, rematada a guerra, serviron de proba nos xuízos de Nuremberg.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents