Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

As nubes de Ánxela e Christian

Amor san, amor libre

Laura Paz Fentanes

Benu Zula e a Unicornia Branca non é un catálogo de nefoloxía, pero nel recóllense as nubes poéticas descritas por Ánxela Gracián e fotografadas por Christian Villamide: «(...) nubes cosmopolitas (...) trotamundos (...) conciliadoras (...) poetas». A través das metáforas, dos símbolos e doutros moitos xogos poéticos, a autora cóntanos unha historia da que poder sacar unha valiosa lección: o amor non pode sentirse como unha gaiola.

Benu Zula é o ceo coleccionista de nubes, pouco empático e moi posesivo, que remata por namorar dunha nube coleccionista de olores, pacifista e libre, a Unicornia Branca. A súa relación comeza pese ás dúbidas da Unicornia Branca, que axiña padece as consecuencias de estar con Benu Zula. Ao longo do tempo, a Unicornia Branca perde moito, pero, en especial, pérdese a si mesma, a súa identidade, para poder facer feliz a Benu Zula sen importar o custo do seu propio ser. Pola súa parte, Benu Zula segue sen alterar de ningún xeito o seu estilo de vida.

Un día, Benu Zula encerra á Unicornia Branca, mentres el segue a gozar de toda a liberdade da que a priva a ela. Afortunadamente, a Unicornia Branca volve en si, loita pola súa liberdade e cando, tras tanta dor e tanto sufrimento, a acada, Benu Zula queda só, laiándose pola ausencia da Unicornia Branca e rememorando os momentos pasados vividos con ela: «(...) porque Zula nunca aceptou que, cando todo se perdeu para sempre, xa nunca nada volve ser igual porque aquel tempo e aqueles días xa non existen nin van volver existir do mesmo xeito que eran por aquel entón». Resulta, entón, tan significativo que entre esas lembranzas Benu Zula aluda a episodios nos que a Unicornia Branca lle contaba historias, como a do poeta e a muller que andaba nas nubes ou a historia de amor entre o pintor Paul Klee e a pianista Lily Stumpf, que vén o poderían facer reaccionar a tempo de escoitala mellor e comprendela.

En definitiva, Benu Zula e a Unicornia Branca fálanos dos afectos entendidos dende dúas ópticas totalmente contrapostas e incompatíbeis entre si. A través das metáforas e dunha rede moi simbólica, Ánxela Gracián cóntanos unha historia que se torna lección e que nos vén lembrar que o amor non é suficiente se non é san, libre.

Imagen

Benu Zula e a Unicornia Branca (2025)

Autor: Ánxela Gracián / Christian Villamide

Editorial: Medulia

Precio: 17,90 euros

Ideal romántico e frustración

Rítmica e sinxela

Estro Montaña

Hugin e Munin, con tradución de Iago Fernández López, achéganos Felicidade conxugal, novela curta de Lev Tolstoi, escrita cunha prosa rítmica e sinxela. Afastada da grandeza épica de Ana Karenina ou Guerra e paz, o relato constrúese desde a conciencia de María, moza que casa con Serguei, un home dezanove anos maior.

O texto describe o paso dunha relación idealizada a un estadio posterior no que o sol luminoso do amor se vai cubrindo de nubes. María descobre que a plenitude inicial, ao trasladarse desde unha aldea a Petersburgo, vai dar paso a unha anulación parcial do eu: a rutina, os silencios e a desilusión son o custe dunha relación prolongada. O matrimonio do século XIX ruso esixe, cómpre lembralo, conformidade; o individuo debe adaptarse ás normas sociais. O relato activa un horizonte de expectativas no lector propio do ideal romántico, pero Tolstoi vai introducir sombras que cuestionan a harmonía e plenitude iniciais para conducirnos ata un estadio de frustración.

A diferenza de idade, a desigual experiencia dos cónxuxes, as angueiras vitais de María, os desacordos que provoca a entrada no espazo público de lugares como Baden-Baden desatan tensións que afectan o matrimonio, institución que Tolstoi critica suavemente, algo que os seus coetáneos certamente considerarían pouco edificante, pero que os lectores actuais valoran de xeito diferente.

Imagen

Felicidade conxugal (2025)

Autor: Lev Tolstoi (Tradutor: Iago Fernández López)

Editorial: Hugin e Munin

Precio: 14,25 euros

Derrubar muros, construír pontes

Unha experiencia activa

María Navarro

Giuliano Ferri concibe Pedra a pedra como un libro para derrubar muros e construír pontes: as crianzas que aínda non saben ler poderán sentirse lectores e aprender a decodificar imaxes. Ao non haber texto, a atención céntrase en pequenas pistas visuais, recoñecendo emocións nos xestos dos personaxes e sen depender dun adulto para que lles conte a historia. A lectura devén unha experiencia activa e creativa extraordinaria.

Na portada do volume aparece unha xanela de esperanza. O protagonista retira un bloque rectangular e descobre un retallo de natureza: dúas flores que se irán ampliando a medida que avanza a historia e que constitúe toda unha declaración de intencións.

Os libros silentes conforman así ferramentas fascinantes para o desenvolvemento infantil, unha mesma ilustración pode contar cen historias diferentes: a narración cambia cada vez que se abre o libro, o que estimula a capacidadede facer hipótesis e de imaxinar o que pasou antes ou o que acontecerá despois de cada escea. Ademais, libros coma estes rompen barreiras: son universais, un neno de calquera parte do mundo ou con algunha dificultade de aprendizaxe pode entender a mesma obra, o foco está no goce visual e a comprensión narrativa sen a presión do texto. Para contar unha historia abonda unha mirada!

Imagen

Pedra a pedra (2025)

Autor: Giuliano Ferri

Editorial: Kalandraka

Precio: 12 euros

Literatura, historia e feminismo

A mellor prosa para todos

Pilar Ponte

Grazas á Editorial Galaxia xa podemos ler en versión de lectura fácil As malas mulleres, a novela coa que Marilar Aleixandre gañou o Premio Blanco Amor en 2020 e o Premio Nacional de Narrativa en 2022. Adaptada por Jesús Meiriño a oracións curtas, cunha redacción transparente e un léxico cotián, o texto enriquécese coas coloridas ilustracións de Agustina Shuan.

É cativo o catálogo de obras galegas neste formato, por iso é moi boa noticia que Galaxia continúe unha traxectoria que principiaba con obras de Neira Vilas e que á de Marilar Aleixandre sume tamén dúas obras xuvenís de Esteban Folgar e Antía Yáñez. 

Aleixandre leva a cabo unha denuncia da violencia exercida sobre as mulleres pobres a través do que lle acontece no cárcere de mulleres da Galera da Coruña, en 1863, a Sisca, unha adolescente condenada por participar nun aborto. Neste lugar conflúen as figuras históricas de Concepción Arenal, única visitadora de prisións, e Juana de Vega, que traballaran pola mellora das condicións de vida das reclusas A elas únese a presenza de Rosalía de Castro como muller próxima que entende e denuncia. Deste xeito a autora consegue reunir de maneira habelenciosa literatura, historia e feminismo nunha obra extraordinaria.

Imagen

As malas mulleres (2025)

Autor: Marilar Aleixandre

Editorial: Galaxia

Precio: 17,58 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents