Desbotar os indíxenas
A euxenesia étnica en democracia

Membros do pobo sami a fins do século XIX.
A recente ambición de Donald Trump por dominar Groenlandia moveu o goberno danés a unha especial atención pola poboación inuit. E un dos actos que se promoveron desde Copenhague foi o recoñecemento -malia ser Dinamarca país signatario do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos- de que unhas cinco mil mulleres grenlandesas foron esterilizadas, acción pola cal recibirán uns 40.000 euros por persoa.
Foron diversos os estados que, desde a formalidade democrática ou parlamentaria, perseguiron eliminar ou reducir as poboacións indíxenas en nome da superioridade dos colonizadores xa instalados como elite gobernante. Unhas prácticas baseadas en criterios do maltusianismo, o determinismo biolóxico e euxenésicos (velaí o caso do Instituto Sueco de Bioloxía Racial, fundado en Upsala en 1922).
Un país europeo precoz no control dos habitantes indíxenas foi Finlandia verbo do pobo sami. En 2020, Maria Ohisalo, ministra de Interior finesa, recoñeceu a vulneración dos dereitos dos habitantes de Laponia, o único pobo indíxena de Europa. Fixo tal desculpa cando anunciou a creación da Comisión da Verdade e da Reconciliación, que recibira a aprobación do parlamento sami de Finlandia.
Unha discriminación que tamén padeceron durante séculos en Noruega, Suecia e Kola (Rusia), onde moitos nenos e nenas sami eran internados en colexios para desculturizalos. Finalmente, os sami (unhas 100.000 persoas) foron recoñecidos por Noruega (1989), Suecia (1993) e Finlandia (1996) como pobo indíxena e os seus dereitos, incluídos o idioma, a reparación das aldraxes padecidas e a constitución dos respectivos parlamentos.

Nenos sami na actualidade (Noruega). / FdV
Outro caso foi o canadiano. Malia que oficialmente a esterilización de mulleres nativas rematou en 1973, noticias de 2018 mantiñan que despois daquel ano se seguiran practicando. A senadora Yvonne Boyer solicitou á cámara de Ottawa que se investigase nese senso e promoveu a lei S-250.
Desta acción fíxose eco a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos, reunida en Washington en 2019, que denunciou que «de maneira consistente e sistemática» mulleres, adolescentes e nenas indíxenas foron esterilizadas nas provincias de Manitoba, Ontario, Alberta e Saskatchewan. Esterilizacións feitas moitas veces por ligadura de trompas, aproveitando ou inducindo partos por cesárea.
Aínda tiveron que pasar uns anos para que o Senado canadiano estudase en 2014 modificar a código penal para considerar delito castigado ata con catorce anos de cadea tales accións. As diversas testemuñas coincidiron en sinalar que naquelas terras houbo unha xeración perdida.
Incluso en países con alta poboación indíxena se deron casos de esterilización forzada por parte dos gobernos. Sería o caso do Perú durante o mandato de Alberto Fujimori, co Programa Nacional de Salud Reproductiva y Planificación Familiar (PNSRPF). Así o denunciou en 2024 a avogada Leticia Bonifaz, experta do comité da ONU para a eliminación da discriminación da muller.
Outro país cunha importante poboación indíxena é México. Un artigo de Pierre Gaussens publicado en 1921 na Revista Interdisciplinaria de Estudios de género do Colexio de México daba a coñecer diversas prácticas para esterilizar de forma forzada homes indíxenas coa práctica da vasectomía. Un conxunto de prácticas que levaron a que en 2016 a Declaración Americana sobre os Dereitos de Pobos Indíxenas establecese a obrigación dos Estados de «prever e prohibir que os pobos e as persoas indíxenas sexan obxecto de [...] esterilización sen o seu consentimento». Unha práctica, documentaba o profesor Gaussens, exercida anos atrás tamén noutros países como Porto Rico (Operación Mans á Obra), Venezuela, Bolivia, Brasil e, posiblemente, Guatemala.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas
