Espantallos (2012-2025)
Manuel Sendón na Fundación Laxeiro

Perspectiva da exposición «Espantallos 2012-2025» de Manuel Sendón, na Fundación Laxeiro de Vigo. / Eli Regueira
O conxunto de imaxes que presenta Manuel Sendón (A Coruña, 1951) na Fundación Laxeiro en Vigo son o resultado de fotografar a evolución de tres espantallos desde 2012 até a actualidade, dando continuidade a unha serie dotada orixinalmente dun sentido plenamente coherente, á que agora se acrecenta a continuidadade temporal e a narratividade.
En orixe, a serie Espantallos presentaba testemuños da creatividade popular na reutilización de materiais no mundo labrego tradicional, rompendo co tópico do feísmo. Nesta serie a pegada da presenza humana figuraba elidida, captada como arqueoloxía construtiva, como testemuño dun mundo labrego tradicional sempre presente e con capacidade deglutir a modernidade do consumo.
Porén, coa nova secuenciación temporal, que se segue á destrución ou modificación intensa destes materiais, sen perderen este sentido atinxen uns novos valores, que aluden metaforicamente á situación do agro galego e ao contexto mundial da nosa desacougante contemporaneidade.

Marta G. Brea / Edgar Melchor
Estamos, pois, perante unha fotografía que non pretende ser simple fotoxornalismo, mais que tampouco evita o impacto contrastivo e a capacidade de reflexión. Espantallos 2012-2025 é un bo exemplo de como a fotografía pode ser, é cada vez máis, un soporte ideal pola súa capacidade de comunicación plena e directa e, ao tempo, un medio perfecto para a expresión dos máis diversos matices visuais, chea de posibilidades e sutís variantes formais.
Como é ben coñecido, a historia da fotografía é, sobre todo, a historia da ollada e a de Manuel Sendón é unha ollada laica e directa, mais nunca inxenua, que define un lugar, un espazo, un determinado soporte formal, consciente de que quen concibe un espazo e un lugar concreto proba unha presenza e ao tempo unha determinada forma de entender o mundo.
Os Espantallos de Manuel Sendón son metáforas dun mundo rural e dun territorio seiturado polo suposto progreso. Neste cadro formal e temático, o fotógrafo desenvolve un coherente proxecto estético utilizando un traballo realizado inicialmente co concepto de arquivo para unha finalidade cargada de narratividade que non agacha as contradicións sociais que a fotografía fai explícitas, mais que non quere actuar dun xeito paternalista na súa denuncia.
Preséntanos, daquela, a complexidade, o eclecticismo, mais tamén a beleza presente no suposto refugallo, con alusións e diálogos coa produción da arte contemporánea, partindo do concepto de descontextualización.
Valor comunicativo da imaxe
Sendón actúa con consciencia do valor comunicativo da imaxe. No seu caso, a realidade ofrecida perante a ollada do espectador transmite un elemento aberto canto as súas posíbeis lecturas, ao facer referencia á relación entre os materiais escollidos como tema -os espantallos- e a súa función, a súa identidade, as súas posibilidades de seren entendidos desde un sentido estético, crítico e metafórico.
Noutros traballos do autor, como é o caso da serie Ausencias e memoria (2004), Manuel Sendón presentábanos o retrato da ausencia, «a memoria do álbum», álbum en que xa foran arrincadas as vellas fotografías, unha sensación de fotograma inmóbil, que unida ao carácter matérico do reproducido, favorecía a reflexión sobre a relación fotografía-memoria, podendo a primeira servir como substituta da segunda, mais tamén a segunda como substituta da primeira, completando circularmente a ambigüidade da lembranza.
Nesta ocasión, como facía tamén na serie Casas doentes (2006), a ausencia de seres humanos enxalza a súa presenza, a nosa presenza na realidade, creando un paradoxo que é, ao mesmo tempo, visual e interpretativo, sendo simultaneamente imaxes realistas -coa súa carga de ecléctica reciclaxe- e imaxes case non naturais na súa completa soidade.
A fotografía confórmase, por tanto, como un proxecto orgánico que, de certa forma, transmite a plena vitalidade ao amplificar a súa resonancia emotiva. Nesta ocasión son obxectos creados -espantallos- que teñen un relato, unha historia, e que nos lembran a necesidade de dotar de sentido o noso universo vital e cultural.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas
- «Cuando el intestino lo tenemos bien, las arrugas aparecen más tarde»