Cando as pedras piden auxilio
A Torre de Torés nos Ancares

A Torre de Torés a fins dos anos 20 do século pasado. / Ángel del Castillo
Hai lugares que non falan alto, pero resisten. A Torre de Torés, no corazón do concello das Nogais, é un deles. Leva séculos mirando o val en silencio, vendo invernos, guerras esquecidas e xeracións enteiras de veciños. Mais estes días, ese silencio pesa máis ca nunca.
A torre da homenaxe —o resto máis visible do antigo castelo medieval— érguese coma unha sentinela ferida. Non é unha ruína romántica máis: é un símbolo da historia da bisbarra dos Ancares, da vella fronteira oriental do Reino de Galicia, do poder señorial, das lendas da Raíña Lupa e do paso do tempo sen piedade.
Ángel del Castillo, que documentou con detalle o castelo de Torés no ano 1927, escribía sobre a fortaleza: «Bastante arruinada y deshecha, síguense sin embargo muy bien las cercas y defensas exteriores, en las que hay varios torreones cilíndricos de defensa, conservándose en el centro la torre del homenaje de base cuadrada, con almenaje aún, toda ella es de mampostería pizarrosa».
Construída probablemente na Baixa Idade Media —o estudoso situaba a súa orixe a finais do s. XV— a fortaleza formaba parte dun sistema defensivo clave xunto con Doncos e outras fortalezas da zona. A súa torre mestra, de 18 metros de altura, robusta e austera, foi pensada para durar. Muros grosos de 1,5 m de espesor, poucas aberturas, dominio visual do territorio. Todo nela falaba de control, de resistencia, de permanencia. Pero nin sequera a pedra máis dura pode loitar soa contra o abandono.

Vista actual da Torre de Torés. / Xabier Moure
Vázquez Seijas, na súa monumental obra Fortalezas de Lugo y su provincia (1955) xa alertaba do abandono que, na altura, xa evidenciaba o castelo: «No se cuidaron ciertamente los nuevos posesores de la fortaleza de Torés de conservar este importante y antiguo baluarte, tal intimamente ligado a los nobles e ilustres apellidos Ribadeneira y Bolaño.»
Nos primeiros días deste mes de febreiro de 2026, as choivas intensas e o deterioro acumulado fixeron o que o tempo leva anos intentando: arrincar anacos da torre. Caeron pedras, abriron novas gretas, agraváronse vellas fendas que xa avisaban do perigo. Cada desprendemento non é só un problema estrutural: é unha páxina da historia de Galicia que se perde para sempre.
O estado de conservación da torre é delicado desde hai tempo, como veñen denunciando desde a Asociación de Veciños de Torés e o Colectivo Patrimonio dos Ancares. A falta dunha intervención seria e continuada converteu o monumento nun corpo fatigado, incapaz de absorber máis golpes. O que aconteceu estas últimas semanas non é un accidente inesperado, senón a consecuencia lóxica de anos de espera, promesas e solucións que nunca chegan a tempo.
Torés é un Ben de Interese Cultural, a elite do patrimonio de Galicia. Iso, sobre o papel, debería garantir a súa protección. Na práctica, segue exposta á chuvia, ao vento, á vexetación e á indiferenza do seu propietario e das administracións competentes. Cada pedra que cae é tamén unha pregunta incómoda: canto patrimonio máis pode perder Galicia antes de reaccionar?
O propietario actual da torre e o castelo é a Casa de Medinaceli, que no ano 2013 decidiu cedela ao Concello das Nogais durante 25 anos. Desde entón a administración local unicamente levou a cabo unha limpeza da vexetación que a invadía.
Por iso Victoria Elisabeth von Hohenlohe-Langenburg, XXI Duquesa de Medinaceli, ten o deber legal de conservar, manter e custodiar debidamente o castelo de Torés en aplicación do art. 32.1 da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia. Por non cumprir co seu deber as administracións poden e deben obrigala a executar obras de conservación, impoñendo multas coercitivas se fose necesario, executar esas obras de forma subsidiaria se o titular non as acomete e, incluso, iniciar un expediente de expropiación polo incumprimento do deber de conservación (art. 51).

Detalle do coroamento da Torre do Torés. / Galicia pueblo a pueblo
Patrimonio que se esfarela
E, con todo, Torés segue en pé. Ferida, si. Fráxil, tamén. Pero aínda erguida en precario. Como se esperase algo: unha decisión valente, unha intervención urxente, unha man que non chegue tarde.
As Nogais (941 habitantes) pode verse no espello doutros concellos galegos que, nunha situación semellante, decidiron actuar. É o caso, por exemplo, do concello ourensán de Taboadela (1.489 habitantes), que vén de adquirir a Torre de Torán para restaurala e poñela en valor.
Non se trata só dunha torre. Trátase da memoria dunha parroquia, dun concello e dunha comarca —Os Ancares— que ve como un dos seus símbolos máis potentes corre perigo real de ruína irreversible. Trátase de entender que conservar non é un luxo, senón unha responsabilidade colectiva: da veciñanza e de todas as administracións.
As pedras non falan, pero avisan. E estes días a Torre de Torés está avisando con claridade. Escoitala agora pode marcar a diferenza entre salvar un símbolo ou resignarse a contar, no futuro, como foi unha torre medieval que un día estivo aí… e deixamos caer. Porque cando unha torre cae, non é só pedra o que se perde, perdemos un anaco de nós. Caemos todos.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas