Adaptación e apropiación
Cinema e literatura: enésimo capítulo

«Los santos inocentes» (Mario Camus, 1984) / Videomercury
Reflexionar sobre o proceso que carrexa unha adaptación literaria —un ámbito que, por fortuna, semella inesgotable— implica aceptar desde o inicio unha evidencia incuestionable: a diferenza de códigos e linguaxes entre a obra orixinal (novela) e o texto resultante (película). A este respecto, Marie-Claire Ropars cuestiona a pertinencia do termo «adaptación» e aposta por falar de «reescritura» —André Bazin falaba de «escritura»—, ao entender que o encontro entre filme e texto configura un espazo de diálogo mutuo. Para ela, adaptar non é simplemente trasladar, senón asumir un emprazamento lector que se concreta nun novo discurso.
Desde esta perspectiva, levar ao cinema unha obra relevante da tradición literaria resulta lexítimo na medida en que constitúe unha lectura propia e singular por parte do cineasta. O interese non reside nunha reprodución fiel e mecánica, senón na capacidade de reinterpretar o universo semántico da obra para proxectar nel unha mirada persoal, unha determinada concepción do mundo que dialoga coa proposta literaria.
A reescritura (adaptación) implica, polo tanto, unha sorte de «magnicidio«: matar o autor para usurpar a súa mirada e reformular un novo discurso, moitas veces, afastado da intencionalidade orixinal. De aí que Miguel Delibes manifestara nalgunha ocasión que aos escritores adaptados non se lles abonan honorarios por dereitos de autor, senón máis ben unha indemnización por danos e prexuízos.
Non é casual, malia o lamento de Delibes, que moitas das adaptacións máis valoradas sexan precisamente aquelas que se afastan da copia estrita e apostan por unha lectura creativa, capaz de transformar o material de partida nunha obra autónoma con identidade propia. Porén, moitas veces esta reescritura libre provoca en moitos lectores/espectadores certo desencanto, en parte, debido ao aura que aínda conserva o principio de «fidelidade» cando falamos de adaptacións. Se se trata de ser fiel, a que aspectos en concreto? Ao espírito, á estrutura, ao ritmo, á letra?
Outro concepto interesante vén proposto por Francis Vanoye: «apropiación». O proceso de apropiación lévase a cabo en tres niveis e segundo grados de intensidade variables: o socio-histórico (dependente dunha época, dun contexto de produción), o estético (dependente dunha corrente ou movemento), e o estético individual (dependente do autor).
Polo tanto, a apropiación corresponde a un proceso de asimilación dunha obra á visión, á estética e á ideoloxía propias do contexto da adaptación e dos adaptadores. Baixo esta premisa, unha reescritura nos fala non só da obra adaptada ou do autor en cuestión, senón tamén do contexto da obra fílmica resultante e do cineasta responsable da mesma.
Deixando de lado as motivacións económicas que sempre gravitan en torno á industria cinematográfica, e que, de xeito recorrente, impulsan adaptacións de novelas que foron rotundos éxitos de vendas —normalmente, filmadas ao pouco tempo da súa publicación para aproveitar o ronsel publicitario—, o certo é que o empeño por levar á gran pantalla unha obra literaria adoita vir asociado a un impulso individual que xorde xa durante a lectura do libro.
Cando se lle pregunta a un cineasta sobre a razón por levar a cabo determinada proceso de apropiación, na maioría dos casos aluden a unha breve idea que zumega na atmosfera da obra literaria, e non tanto ao argumento como tal. Así, arredor desa idea concentrada, vanse dispoñendo recursos cinematográficos para elaborar un novo discurso, elaborado mediante códigos propios da nova linguaxe, e buscando unha «fidelidade integral» a esa idea reactiva que abrolla coa primeira lectura.

Fotograma de «Hamnet» (2025). / .
Hamnet
A adaptación que a directora Chloé Zhao acaba de realizar dunha das novelas máis exitosas a nivel mundial nos últimos tempos, Hamnet, coa inestimable axuda no guión da propia autora, Maggie O’Farrell, representa un exemplo excelente de reescritura literaria. Ao afastarse dunha interpretación estritamente literal, o filme consegue capturar a esencia emocional da obra, explorando a dor, o amor e a memoria desde unha perspectiva propia. Esta relectura persoal permite que o público se achegue á historia de forma íntima, sen perder a riqueza simbólica do texto orixinal.
Ao reconfigurar espazos, tempos e emocións, a adaptación converte a obra nun diálogo entre literatura e cinema, mostrando que a fidelidade non reside na reprodución exacta senón na capacidade de transmitir o significado profundo da narrativa. Así, Chloé Zhao exemplifica como as grandes adaptacións son aquelas que se apropian do contexto da obra, da estética deste fenómeno literario, e da súa propia estética individual.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- ¿Por qué Marruecos complica cada vez más las cosas a la conserva gallega y Chile compromete a los bateeiros?
- Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia: «Hay indicios de que en la segunda quincena de febrero podría dejar de llover»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años