Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha escena plural

A poesía galega dos últimos vinte anos

De esq. a dta. e de arriba abaixo: Gonzalo Hermo, Yolanda Castaño, Ana Romaní e Ismael Ramos.

De esq. a dta. e de arriba abaixo: Gonzalo Hermo, Yolanda Castaño, Ana Romaní e Ismael Ramos. / FDV

Oriana Méndez

Oriana Méndez

Se algo caracteriza a poesía galega nas dúas primeiras décadas do século XXI é precisamente a disolución do relevo xeracional ordenado e, en consecuencia, a consolidación dunha escena plural e fragmentaria que se encontra en constante reformulación. Os proxectos máis diversos conviven retroalimentándose, facéndose medrar os uns aos outros.

Desde a primeira década dos 2000, o campo da poesía galega comezou a gañar porosidade. Procedencias e formacións distintas crearon e disputaron o espazo nas súas distintas dimensións: editorial, performativa, crítica. Existe, xa que logo, unha atención común ao poema como lugar de creación atravesado pola experiencia e caracterizado pola tensión da linguaxe. Tamén pola súa pluridimensionalidade, ou diálogo con outras artes: o ensaio, a dramaturxia, a música. As afinidades programáticas ficaron, quizais, nun segundo ou terceiro plano.

Neste marco, máis ca falar de grupos definidos, resulta, ao noso ver, máis produtivo identificar liñas de forza que se desprazan e se cruzan ao longo do tempo. Unha delas é una anovada atención ás cuestións relativas á identidade, á masculinidade ou á memoria. Atopámolas en propostas que van de Antón Lopo a Gonzalo Hermo, Ismael Ramos ou Samuel Merino, desde posicións formais e conceptuais diversas. O corpo —sexualizado, doente, desexante, vulnerable—, xa se encontraba no centro da escrita na década de 1990, e nos 2000 seguiu a ser un dos grandes temas ou territorios a explorar. Asemade, reformuláronse tamén leitmotivs presentes a finais do século XX, como vemos na poesía con perspectiva de xénero, amplamente visitada nos últimos tempos, con voces, xa referenciais, coma as de Ana Romaní ou Yolanda Castaño, mais tamén con Silvia Penas ou Andrea Nunes Briones, entre outras. A respecto das relacións entre linguaxe, ideoloxía e condicións materiais da experiencia, encontramos propostas poéticas salientables que van desde Chus Pato a Daniel Salgado, mais tamén ao xa referido Gonzalo Hermo, ou á singular proposta, poderiamos dicir «de culto», de Xabier Cordal.Lonxe de configurar bloques estables, estes itinerarios entrecrúzanse e superpóñense, debuxando un mapa aberto e en movemento no que as afinidades son revisables.

Outro elemento central destes anos é o papel das editoriais independentes e dos espazos de circulación da poesía. Máis aló das grandes editoras históricas, xorde e consolídase unha rede de proxectos que funcionan como verdadeiros laboratorios estéticos. Chan da Pólvora, Apiario Editora ou Malafera apostan decididamente por libros coidados, por catálogos coherentes e por unha concepción da poesía ligada á lectura pública. Non será casualidade que as súas directoras sexan tamén poetas, como tamén acontece, non obstante, con Edicións Xerais e coa colección Dombate de Galaxia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents