Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Sirat», un paraíso para o audiovisual galego

Quedan moitos retos, marxe para medrar, mais cun bo camiño xa andado

Oliver Laxe, na preestrea de Sirat en Navia de Suarna.

Oliver Laxe, na preestrea de Sirat en Navia de Suarna. / Eliseo Trigo / EFE

RC

Sirat, unha viaxe ao límite no deserto que está a ser na realidade un camiño ao paraíso para o seu director, o cineasta Oliver Laxe, e para unha terra, esa que vai sempre na súa maleta, que desborda talento no eido audiovisual. Porque Galicia forma parte desa equipaxe desde moito antes de que os Premios Óscar puxeran o foco na película e a incluíran para acceder ao seu olimpo cinematográfico, facendo historia xa desde ese preciso momento.

Galicia xa estaba cando o filme que opta a alzarse en tan prestixiosos premios co recoñecemento como Mellor Película Internacional, e mesmo na categoría de Mellor Son, se proxectou en Navia de Suarna. Foi un domingo, e non un calquera, porque Laxe, que ten as súas raíces neste concello lucense, estaba recén chegado do Festival de Cannes tras conseguir o Premio do Xurado para a súa longametraxe.

E aínda antes, Galicia tamén estaba, cando o director conduciu a Benedicta Sánchez, unha muller de Lugo de 84 anos e sen experiencia no cine, ao Goya como Mellor Actriz Revelación no 2020 pola súa interpretación en O que Arde.

E aínda moito antes, Galicia estaba. Estaba medrando como un referente na industria audiovisual, cunha aposta desde o propio sector e desde as políticas da Xunta de Galicia por un eido que, á vista está, é hoxe en día estratéxico na Comunidade, consolidándose como espazo, refuxio, lugar seguro para quen ten unha idea e precisa das condicións necesarias para desenvolvela. Así o mostran os resultados, os de Sirat, cunha carreira imparable, e outros moitos proxectos que foron construíndo ese universo do que nos permitimos falar agora, e do que se falará máis alá das nosas fronteiras.

Galicia está, e o seu compromiso co audiovisual seguirá estando, aínda máis fortalecido, cando volva dese periplo da man de Oliver Laxe. Seguirá despois dos Premios do Cine Europeo, das 11 candidaturas coas que participará o vindeiro 28 de febreiro nos Goya (a segunda película que opta a máis premios e a primeira con selo galego que acada tantas candidaturas), da resolución dos Bafta ingleses ou dos César franceses.

Hai moitos máis exemplos, mais o éxito acadado por Sirat é agora mesmo a mostra máis visible deses proxectos persoais que atoparon, entre outros apoios, un importante acompañamento, o da súa terra. Unha que, coas axudas da Xunta de Galicia, está sempre esperta para dar liberdade á creación, para poñer letra a un guión, axilizar procesos, facilitar espazos, ser punto de inspiración, acender os focos, potenciar o talento, dar visibilidade, abrir mercados, atraer a atención, ter presenza e, en definitiva, ofrecer a oportunidade de ser parte dun todo, dunha marca, a da Galicia Calidade.

Precisamente, en consonancia con este apoio, hai uns días publicouse a convocatoria dunha das liñas coas que o Goberno galego colabora co impulso do audiovisual, a que, dotada con 3,5 M€, se centra na produción e coprodución de películas e series galegas, a que estivo nos principios de Sirat. É a principal vía de investimento dentro do programa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Foi creada para acompañar economicamente as empresas do sector desde o xermolo e o desenvolvemento dos proxectos ata a súa produción, rodaxe, difusión, comercialización e exhibición, e o ano pasado cofinanciou outras producións que tamén cómpre lembrar porque igualmente sitúan a industria galega baixo os focos do mundo. 

Falamos de títulos como Decorado, un expoñente do bo momento que vive a animación galega e exemplo do bo facer en moi diversos xéneros. Trátase da terceira longametraxe de Alberto Vázquez, cineasta e debuxante coruñés, e para a que a compañía galega Abano Producións contou tamén con apoio institucional. Entre os seus fitos, a prol do coñecemento e recoñecemento do audiovisual forxado en Galicia a nivel internacional, recibiu unha mención especial do xurado na Sección Oficial do Fantastic Fest de Austin, un dos festivais máis importantes do mundo no seu xénero, ademais de ser recentemente seleccionada para os Goya.

A ela súmaselle Leo&Lou, unha coprodución internacional, con participación da compañía galega Frida Films, que foi rodada, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en diferentes localizacións de Galicia e que conta no seu reparto con coñecidas caras do noso audiovisual como Manuel Manquiña, Marta Larralde ou María Pujalte.

Por outra banda, non deixa de ser curiosa a gran proxección que supón para unha xoia do patrimonio galego, como é o complexo arqueolóxico Aquis Querquennis, no concello ourensán de Bande, converterse no escenario principal de Onte á noite conquistei Tebas, outra coprodución internacional, encabezada pola compañía galega Filmika Galaika, que se presentou na 39ª edición do festival Cineuropa, en Santiago de Compostela, precedida dun destacado percorrido polo circuíto mundial de festivais.

A produción recibiu apoio, ademais, para a súa fase de preprodución e, posteriormente, para a promoción da súa participación en varios certames internacionais, entre eles o Festival de Venecia ou o New York Film Festival. Puido verse tamén na Seminci de Valladolid, onde levou ou premio especial do xurado, e noutras mostras en Austria, Grecia, Francia, Estonia, Bélxica, Tailandia ou no Brasil. Cun reparto e un equipo internacional, foi rodada en galego, portugués e latín para contar dúas historias de amizade separadas por máis de 2.000 anos.

San Simón, tal e como indica o título do filme, localízase na illa da enseada da ría de Vigo, así como noutros puntos como a Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA), na cidade olívica, e o Convento de Santa Clara, en Pontevedra. Este retrato colectivo, inspirado na historia dos homes e mulleres que foron vítimas da represión franquista, ten como director e guionista a Miguel A. Delgado e Andrea Vázquez, da produtora galega Miramemira, que lideraron un equipo técnico e artístico composto por case 300 profesionais, dos que máis do 95% son galegos. Así, no elenco figuran Valentín Estévez (O Corno, Eles transportan a morte, Fatum), Javier Varela (As bestas, O sabor das margaridas, Fariña), Miguel Borines (Los lunes al sol) e Tatán (Matria), que comparten pantalla con actores e actrices sen experiencia, todos da nosa terra.

Nestes momentos, o audiovisual galego está a preparar 26 novos títulos subvencionados a través desta mesma liña en 2025, ano no que se dwotou con 3 M€. Deles, dez corresponden á modalidade de longametraxes cinematográficas, dous á de longas en coprodución internacional minoritaria, 12 á de curtametraxes e dúas á de series de televisión ou plataformas de vídeo baixo demanda.

Todo cunha finalidade, que haxa moitos Sirat, que Galicia continúe a consolidar unha industria audiovisual competitiva, con posibilidades de exportar e dar rendibilidade social e económica á cultura galega.

6,7 m€ para o audiovisual en 2026

Produción e coprodución: pretende fomentar a produción e coprodución de proxectos impulsados por empresas produtoras independentes, que teñan como destino final a exhibición en pantallas cinematográficas e/ou difusión en canles de televisión e plataformas de vídeo. 3,5 M€

Talento audiovisual: ten como obxectivo impulsar a creación de obras audiovisuais noveis en galego a través do apoio á realización e posprodución de curtametraxes e á produción de longametraxes, co fin último de promover o sector creativo da industria audiovisual galega e, ao mesmo tempo, contribuír á normalización da lingua galega a través do sector. 176.000€

Desenvolvemento audiovisual: trátase dunha liña de axudas que apoia a fase da posta en marcha de proxectos audiovisuais galegos (asumir gastos de guión, dereitos de autor, contratacións...) impulsados por produtoras independentes, que teñan como destino final a exhibición en pantallas cinematográficas e/ou a difusión en canles de televisión e plataformas de vídeo. 300.000€

Rodaxes audiovisuais en Galicia: é unha liña de traballo estratéxica que busca situar Galicia como destino idóneo de grandes rodaxes e que ten entre os seus obxectivos principais aumentar a capacidade competitiva das empresas da industria audiovisual galega e incentivar a creación de empregos sustentables que integren a totalidade da súa cadea de valor. 2,2 M€

Festivais do sector audiovisual que se celebren en Galicia: o seu obxecto é apoiar a realización de festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector. Refírese aaqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e a difusión da produción cinematográfica e audiovisual. 310.000€

Foros e mercados profesionais de negocio audiovisuais: estas axudas están destinadas á promoción e comercialización exterior de produtos de contido audiovisual galegos en mercados e foros de negocio de carácter internacional. 80.000€

Videoxogos: dentro destas liñas de actuación, tamén se atopa a creación de videoxogos, co reto de posicionar Galicia como un referente na xeración de contidos e producións competitivas a nivel global e, particularmente, fomentar a competitividade das empresas galegas nesta cadea de valor.Trátase así de abrir unha nova canle de actuación de impulso aos sectores culturais, estreitamente ligada á innovación e á creatividade, outorgando un novo impulso ao desenvolvemento da industria audiovisual cultural e creativa. 150.000€.

Galicia a través do cine

E se Oliver Laxe e outras producións, como as mencionadas, levan a esencia e o talento galego polo mundo, o mundo tamén ten en Galicia o seu sitio. Non é menos importante ter a capacidade de atraer rodaxes, unha liña de traballo estratéxica que busca situar este territorio como destino idóneo de grandes gravacións, sumándolle o talento artístico e a competencia técnica galega. Unha canle aberta pola Axencia Galega das Industrias Culturais para proxectar Galicia alén das nosas fronteiras.

Aquí atopamos esa Romería, da premiada realizadora catalá Carla Simón, ambientada en Vigo e que indaga cun ton íntimo nas relacións familiares. Unha historia universal que podería darse en calquera parte, pero que ten lugar nunha cidade galega, que chegou así ata Cannes.Ademais, bota man da interpretación autóctona nas figuras de Miryam Gallego, seleccionada para os Goya como Mellor actriz de reparto, José Ángel Egido ou Sara Casasnovas.

Na mesma liña, Vigo e a súa área acaparan outra das historias cinematográficas deste ano, a de Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo, pola que Tamar Novas opta ao Goya como Mellor actor de reparto, e na que participan nun elenco 100% galego Javer Gutiérrez, María Vázquez, Carlos Blanco, Xosé A. Touriñan, Marta Larralde, Judith Fernández ou Fer Fraga.

Estreada a principios de mes nos cinemas, e presentada con anterioridade no Festival de San Sebastián, tivo como epicentro da súa filmación en 2024 o concello da Guarda, estendéndose tamén aos de Baiona, Oia, Tui e Vigo. Trátase dunha comedia vitalista para todos os públicos, que conta como un pequeno pobo mariñeiro se une para recuperar a súa rondalla, tras dous anos de loito polo tráxico naufraxio dun dos seus pesqueiros. O obxectivo é competir nun concurso contra outras localidades veciñas, pero sobre todo comezar a mirar de novo cara adiante con ilusión. Unha historia ben recoñecida polos galegos e que chegará agora a outros ollos.

A estas súmanselle outras películas filmadas en distintos puntos da Comunidade como son Dímelo Bajito ou Me has robado el corazón.

O potencial de Galicia no audiovisual non queda só na gran pantalla, tamén nas series. O caso máis recente é Lobo, que se está a gravar nos últimos días en Santiago de Compostela e que pasará por escenarios do Courel, Celanova, Ribadavia, Sobrado dos Monxes ou Monfero, entre outros. É unha produción da galega Vaca Films para Netflix ambientada na Galicia rural da primeira metade do século XIX e que recreará o caso real de Manuel Blanco Romasanta, o “Lobishome de Allariz”, que está a ser interpretado por Luis Tosar.

Será unha das principais apostas da plataforma con estrea prevista para o ano que vén. Para este 2026, no seu catálogo figura a segunda tempada de Clanes, filmada o pasado verán tamén cunha das subvencións do fondo galego para a atracción de rodaxes.

E non nos podemos esquecer neste repaso da longametraxe Antes de nós, unha das películas impulsadas polo Goberno galego, neste caso especialmente para celebrar o Ano Castelao en 2025. O filme, producido pola galega Zenit TV e rodado en numerosos concellos, ademais de Rianxo, céntrase en dous momentos pouco coñecidos, pero claves tanto na vida persoal do intelectual como na xestación da súa figura simbólica para Galicia.

Sirat é agora mesmo un paraíso para o audiovisual galego, mais non o único. Ou quizais Galicia sexa en si mesma un paraíso audiovisual con moitos retos por diante, con moita marxe para medrar, mais cun bo camiño xa andado.

Palmarés de Sirat

  1. Festival de Cannes

    Premio do Xurado.

  2. Premios do Cine Europeo

    Mellor fotografía, montaxe, son, dirección de casting e deseño de produción.

  3. Premios Óscar

    Seleccionada na categoría de Mellor Película Internacional e Mellor Son. (Gala o 15 de marzo).

  4. Premios Goya

    Candidata aos galardóns en 11 categorías. Mellor película, dirección, guión orixinal, música orixinal, son, efectos especiais, dirección de produción, dirección de fotografía, dirección de arte, montaxe, maquillaxe e peluquería, (Gala o 28 de febreiro en Barcelona).

  5. Premios Bafta, Academia británica

    Seleccionada na categoría de película de fala non inglesa.

  6. Premios César

    Candidata na categoría de Mellor película estranxeira nos galardóns franceses.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents