Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Simplemente, esperanzado

Compromiso e futuro

Feira do libro nas rúas de Vigo.

Feira do libro nas rúas de Vigo. / Adrián Irago

Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro

Non vou insistir neste artigo no meu achegamento e compromiso persoal co galego. Xa o contei máis dunha vez e non quero repetirme.

Só direi que, vindo dun castelán imposto socialmente, achegarme ao idioma de noso foi unha das cousas máis fermosas e importantes da miña vida. O que sinto no meu interior non o podería definir con palabras. Tampouco o creo necesario. Pero a sensación da descuberta, de íntimo pracer, de sensatez e de compromiso permanece en min vivamente. É unha felicidade sen adxectivos.

Non foi, iso si, unha viaxe cómoda. Tiven que rachar prexuízos, soportar olladas mudas nada agradables e desviar convencionalismos malintencionados sen desanimarme. Porén, pagou a pena todo ese percorrido: atopeime a min mesmo, acadei sentirme útil na loita pola normalización da nosa lingua e convencinme de que era o meu deber como persoa nacida en Galicia, preocuparme pola cultura e reforzar os meus soños de escritor. Que a parte principal da miña obra estea escrita en galego, resúltame emocionante tendo en conta de onde viña.

Non hai lugar do mundo -Buenos Aires, Medellín, Bogotá, Cidade de México, A Habana, Miami ou Guadalajara- onde tiven a sorte de estar, que non se escoitasen os meus poemas en galego á marxe da conferencia que tivese que dar. E non só recitalos, senón compartilos cos asistentes e emocionarme ao escoitalos ler ou repetir na lingua de Rosalía. Nunca esquecerei a sensación de galeguidade profunda ao recitar na Universidade de Pádova, diversos poemas de Na fogueira dos versos entre escritores/as de toda Europa, que escoitaron con agarimo e respecto versos na nosa lingua. Foi algo máxico.

E agora, neste punto, pregúntome polo futuro do galego. Preocúpame. Ás veces, son pesimista. Gustaríame escoitar falar galego na miña cidade pola rúa: escoito pouco; outras, en troques, véñome arriba ao comprobar que o idioma está presente na escola, ao sentir a forza e o prestixio da nosa literatura ou ao constatar que a xente coa que falo, os comercios onde compro, a rapazada a quen lle falo, non só admiten o galego de boa gana, senón que moitas veces cambian do castelán ao galego con naturalidade e, case diría, con certo orgullo.

Grandes contradicións, que non é doado avaliar. Non quero ser pesimista; tampouco son optimista. Máis ben, esperanzado, porque como di o escritor Václav Havel: «A esperanza non é o mesmo que o optimismo. Non é a convicción de que algo sairá ben, senón a certeza de que algo ten sentido, independentemente de como resulte». Non lle falta sentido ao noso idioma. Porén, como di o meu amigo, o sociolingüista Fernando Ramallo, «o galego vive unha contradición manifesta: acada unha presenza inédita en espazos públicos, pero o uso da lingua pola cidadanía está no peor momento cun descenso que continúa no momento actual». É certo. Todo é contraditorio. Isto último dáme certo medo, mais non quero perder a esperanza. Prefiro quedar cos indicadores positivos que tamén os hai.

Así que, pesimista ou optimista? Simplemente, esperanzado.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents