Quo vadis, Cinema Galego?
Capítulo 1000 da Historia dunha ollada

Fotograma d'A Esmorga / FDV
Nada está perdido -pensarán moitos- se despois de vinte anos discutindo sobre a cuestión identitaria do cinema da nosa Terra, chega un director galego, nado en París, e presenta unha obra en que se fala español, árabe, francés e inglés; protagonizada por un catalán, filmada en Marrocos, coproducida polos irmáns Almodóvar e seleccionada para representar a España na próxima edición dos Premios da Academia dos EEUU. Mais, até que punto pode un fito como o de Sirat invalidar o argumento dos que pensan que soamente se poden considerar galegos os filmes rodados no noso idioma, en Galiza, por cineastas do país e financiados por capital patrio? Pode acaso o concepto de Cinema Galego admitir a posibilidade de interconexións, mesturas ou porosidades na era da información?
Segundo o historiador Ángel L. Hueso, todos os fotogramas que conforman un filme están inevitabelmente ligados á sociedade que os produce, de tal xeito que «en ningún caso sería lóxico pensar», explica, «que un filme poida xurdir de maneira autónoma, alleo ás súas xentes». Conforme iso, o verdadeiro valor das imaxes residiría na súa capacidade para cartografar xeografías coas que o público se orientaría e comprendería as idiosincrasias dos pobos. As conclusións ás que chegaríamos como espectadores dependerían en gran medida da nosa actitude e dos sendeiros que decidísemos transitar, quer como peregrinos mansos, quer como camiñantes afoutos. Noutras palabras, a interpretación final variaría radicalmente en función de se o que elixísemos ver fose cinéma d’auteur, unha comedia garavanceira, ou un thriller experimental, por citar algúns exemplos.
Case catro décadas despois da estrea das tres fitas que marcaron o inicio do cinema en Galiza: Sempre Xonxa (1989, Chano Piñeiro), Urxa (1989, Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal) e Continental (1990, Xavier Villaverde), a calidade dos traballos producidos aquí -avalados polos numerosos galardóns internacionais- permítenos asegurar a continuidade no audiovisual galego daquilo que Godard denominaba «pensamentos capaces de crear formas que pensan».
Desde o seu inicio, o propósito desta sección dedicada ao cinema foi a procura dun tipo de análise «diferente» que centrase a súa observación nos vínculos estéticos que unen as imaxes co pensamento, afastándonos -sempre que fose posíbel- dos formalismos dunha certa crítica tradicional. Entre os numerosos artistas que centrararon o interese das nosas recensións incluímos non só directores de relevancia e longa traxectoria como Ignacio Vilar (A Esmorga) ou Alfonso Zarauza (Ons), senón tamén -e con máis entusiasmo se cabe- a talentosos principiantes como Carlos Martínez-Peñalver Mas (Á procura da estrela) ou Peque Varela (1977). Éxitos como Dhogs (primeira longametraxe do director Andrés Goteira, gañadora de trece premios Mestre Mateo en 2018), +Cuñados de Luis Avilés, O que arde de Oliver Laxe, O corno de Jaione Camborda ou Samsara de Lois Patiño, compartiron espazo coas voces disonantes daqueles que nos falaban desde territorios recónditos da nosa cinematografía: Alberte Pagán (Bs. As), Xurxo Chirro (Vikingland), Eloy Enciso (Longa noite), Helena Girón e Samuel Delgado (Eles transportan a morte) ou Alberto Gracia (O quinto evanxeo de Gaspar Hauser), entre outros.
O porvir do audiovisual galego posibelmente dependa, por unha banda, da nosa toma de conciencia de cal é a súa situación real (nun contexto acaparado polas producións americanas e desprovisto da promoción institucional necesaria) e, pola outra, da vontade dos artistas de se liberaren do xugo de estereotipos culturais e de presións mercantilistas. O triunfo das propostas do Novo Cinema Galego enviadas a festivais internacionais (Locarno, Rotterdam, Copenhaguen, etc) xunto coa crecente popularidade das series made in Galicia nas todopoderosas plataformas de streaming demostran que a cohabitación é un feito. A onde imos entón? Cara adiante sempre, desde este minúsculo puntiño do planeta que non deixa de asombrar. Fin do capítulo 1000.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- ¿Por qué Marruecos complica cada vez más las cosas a la conserva gallega y Chile compromete a los bateeiros?
- Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia: «Hay indicios de que en la segunda quincena de febrero podría dejar de llover»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años