Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un patrimonio colectivo para compartir

O Parlamento galego acolle unha colección de máis de 300 pezas representativas de 120 artistas de finais do século XX e comezos do XXI

Unha sala da biblioteca do Parlamento de Galicia.

Unha sala da biblioteca do Parlamento de Galicia. / FDV

R.C.

Cumprirase a finais deste ano o corenta e cinco aniversario do nacemento do Parlamento de Galicia que, constituído en decembro de 1981, tivo a súa primeira sede provisional no Pazo de Xelmírez, cedido temporalmente polo Arcebispado de Santiago. Con posterioridade, trasladouse ao Pazo de Fonseca, cedido pola Universidade de Santiago. A actual sede lexislativa, no xa emblemático Pazo do Hórreo, estreouse no ano 1989, ao remate da nosa segunda lexislatura. O Pazo experimentou diversas reformas para adaptar o edificio ao seu novo uso e mellorar a accesibilidade do mesmo. Así, na presente décimo segunda lexislatura inaugurouse o novo anexo de entrada ao edificio que eliminou as barreiras arquitectónicas que dificultaban o acceso á institución

Van aló máis de catro décadas do nacemento da primeira das institucións que configuran o sistema autonómico galego. Ao mesmo tempo que foi medrando a nosa Autonomía, o poder lexislativo foi configurando unha variada e valiosa colección de arte contemporánea na que están representadas a práctica totalidade das correntes e artistas galegos máis significativos de finais do século XX e de comezos do XXI. Trátase dun verdadeiro tesouro que se suma aos fondos bibliográficos e documentais relacionados coa cultura e as institucións, tamén depositados na Cámara lexislativa.tr

As obras que conforman este pequeno partenón artístico son nuns casos propiedade do Parlamento galego e, noutros están en depósito por decisión dos seus autores ou propietarios que nolas ceden xenerosamente a todos os galegos e galegas, aos que en definitiva pertencen, e que se poden desfrutar a través das distintas iniciativas destinadas tanto a conservar como a dar a coñecer este patrimonio colectivo.

Todo o caudal cultural e artístico que acubilla o Pazo do Hórreo non tería sido posible sen a aposta decidida e mantida no tempo polos sucesivos presidentes e presidentas da Cámara por enriquecer o patrimonio público e apoiar a vizosa produción artística e intelectual das e dos artistas galegos.

Esta colección non só é unha herdanza cultural, senón tamén unha maneira de seguir apostando por promocionar a creación e produción artística que se realiza en Galicia. Dela forman parte unha ampla representación de artistas vencellados a nosa historia máis recente.

A extensa colección de arte do Parlamento está conformada por obras pictóricas, escultóricas e fotográficas. Tamén se inclúen carteis, fondos documentais, coma a acta da sesión constitutiva da Asamblea Parlamentaria de Galicia, retratos presidenciais, vidreiras de Laxeiro e de Isaac Díaz Pardo, e por último, tapices que representan, na súa gran maioría, escudos heráldicos.

Real Academia Galega de Belas Artes

A institución conta co asesoramento da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), nunha estratexia de longo alcance que implica a catalogación, xestión, ordenación e conservación da colección de arte seguindo os necesarios criterios museísticos.

Nesta senda, o Parlamento de Galicia coa colaboración da RAGBA vén de iniciar un programa de charlas divulgativas sobre a colección de pezas de arte na que os propios académicos estenderán o seu coñecemento a centros universitarios e mesmo a espazos culturais do territorio galego.

O Parlamento é unha institución pública firmemente comprometida coa promoción e difusión da lingua e cultura galega e así o demostra levando a cabo iniciativas como visitas guiadas, exposicións e portais web no noso idioma.

Membros da Real Academia de Belas Artes contribuirán ao seu coñecemento con charlas en centros educativos

O programa “Coñece o Parlamento”, no que se realizan visitas guiadas e xornadas de portas abertas para particulares ou grupos, para así achegar a toda a cidadanía as funcións e o labor diario que realizan os deputados e deputadas e, ao mesmo tempo, dar a coñecer e poñer en valor as obras de arte contemporáneo.

“A Nosa Arte” foi outra iniciativa do Parlamento coa que se puxo a dispor da cidadanía unha escolma do seu fondo artístico. Tratouse dunha mostra integrada en exclusiva por pezas da colección da Cámara que percorreu con gran éxito as grandes cidades galegas.

Nesta mesma liña, a exposición actualmente en itinerancia “40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro”, que mostra 230 dos debuxos que doou ao Parlamento e que durante anos plasmaron a actualidade política de Galicia, está a percorrer as grandes cidades do noso territorio para achegar á cidadanía o talento creativo e a vixencia da arte galega.

No eido dixital, o Parlamento de Galicia coa colaboración da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) desenvolveu e actualiza de xeito continuo o portal xurídico “Lex.gal”, unha ferramenta viva que presenta unha completa base de datos con toda a lexislación ditada pola Comunidade Autónoma galega desde 1981, en galego e consolidada.

Pazo do Hórreo

O edificio que acolle o Parlamento de Galicia foi deseñado e construído para albergar unha Escola de Veterinaria, que só funcionou como tal entre 1915 e 1924.

No ano 1986, a Xunta de Galicia mercou o edificio ao Ministerio de Defensa por 550 millóns de pesetas para convertelo en sede oficial do Parlamento de Galicia.

O edificio, adaptado ao seu novo uso polo arquitecto Andrés Reboredo logo dun concurso de arquitectura, organízase arredor do patio interior, dividido polo Hemiciclo en dous espazos simétricos, e consta de planta de soto, planta baixa, entreplanta e piso alto. En datas posteriores á rehabilitación do complexo, foron escavados os dous patios interiores, nos que se habilitou o espazo necesario para acoller os despachos de traballo das deputadas e deputados.

Rodea o recinto unha verxa singular en forma de lanza e de aspecto oxidado que lle confire unha imaxe característica. Entre o peche perimetral e o edificio existe un xardín botánico, no que destaca a maxestosidade de diferentes especies arbóreas, algunhas moi antigas, plantadas probablemente cando se construíu o edificio, hai un século. Comparten espazo con esculturas de artistas galegos contemporáneos.

Bibliotecas

O Parlamento de Galicia conta con dúas bibliotecas na súa sede do Pazo do Hórreo.

Por unha banda, a Biblioteca Xeración Nós, deseñada por Iago Seara con posterioridade á rehabilitación do edificio, conta con bibliografía contemporánea multidisciplinar e fondos valiosos que están á disposición dos deputados e deputadas, pero tamén dos investigadores.

Por outra banda, a Biblioteca Ricardo Carballo Calero alberga as bibliotecas e coleccións particulares de personalidades como a que da nome á sala, por ser a primeira colección particular custodiada na Cámara, así coma a dos Irmáns Vilar Ponte, Elena Quiroga ou Dalmiro de la Válgoma.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents