Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O vieiro das músicas

A perspectiva 2006-2026

Concerto de Iron Maiden no Resurrection Fest.

Concerto de Iron Maiden no Resurrection Fest. / Eliseo Trigo / EFE

Co pouso que outorga o paso dos anos, podemos afirmar que o 2006 foi un ano clave para a música en galego. Un momento imprescindible para entender o que despois aconteceu na nosa escena até chegar a día de hoxe. Naquela altura, e para contextualizar un pouco, Siniestro Total volvían ao escenario do cine Salesianos en Vigo para celebraenr os seus primeiros 25 e revisar o seu concerto debut do 81. O festival de Ortigueira lideraba os números de todo canto festival existía por estas terras e o folk continuaba a ser o noso xénero máis popular e exportable e con producións de discos, como o inesquecible 10.0 dos históricos Berrogüetto, un dos lanzamentos da década e da nosa historia folkeira. Mais o 2006 traía así mesmo discos que, sen querer, mudarían o paso do que acontecería despois na nosa escena con títulos como o #2 dos The Homéns, con aquelas «Sandra Dee» ou «Desaparece» que nos poñían diante doutro xeito de enfocar o rock galego con melodías cargadas de luminosidade pop, espantando complexos e poñendo o foco na idea dun idioma que tamén era ferramenta preciosa e precisa para poder confeccionar cancións que funcionaban perfectas e cargadas de enxebre lirismo contemporáneo. Fanny & Alexander publicaban o seu Lusco e Fusco, rompendo teitos de cristal sobre o pop electrónico feito no noso idioma e acadando territorios daquela aínda con moito camiño por explorar, polo menos a nivel popular e, ademais, sendo pioneiros no país en publicar en licenzas Creative Commons nun momento clave no que ao debate sobre a xestión dos dereitos de autor se refire. Tamén, aquel ano, se publicaba a Xénese de Dios Ke te Crew, considerado un dos traballos máis influíntes da música galega contemporánea e o primeiro disco de rap realizado íntegramente en galego que trascendeu do propio hip hop para acadar públicos ben heteroxéneos, asemade de ser fonte de inspiración para moitos proxectos posteriores.

Mais o 06 comeza a quedar moi atrás no tempo. O que pasou na nosa música dende aquel momento podemos describilo como unha xigante explosión de creatividade que traspasou estilos e estéticas e que se foi achegando pouco a pouco, e con paso firme, a un status de respeto e credibilidade artística nunca antes experimentado nesa dimensión. Chegaron logo esa inabarcable realidade de proxectos que asentaron unha escena convertida en selva vizosa e manancial inesgotable onde o emprego do noso idioma se normalizou chanzo a chanzo. E o que faltaba na ecuación tamén acabou chegando con grupos consolidando público e novas formacións que foron quen de acadar o que parecía imposible: un apoio popular nunca antes visto por estas terras.

Trátase de nomes que foron, e son quen, incluso de trascenderen alén das nosas fronteiras mentres no país son capaces de encher recintos antes reservados para os máis grandes nomes estatais e incluso internacionais. E claro que non é ouro todo que reloce, claro que as políticas de apoio á nosa música fan tanta auga como case sempre se pode agardar dunhas administracións nas que a sensibilidade co noso escasea. Tamén unha prensa decote mirando moito para o de fóra e pouco para o de dentro, sobre todo nos estados iniciáticos dos proxectos, que é onde máis se necesita e máis habería que apoiar e difundir.

Tamén un entramado festivaleiro en mans do capitalismo máis atroz e con pouco afán de tirar dos emerxentes cunha política de feitos consumados nos que se lle fai caso aos músicos unha vez que xa lograron o éxito mentres se mira pouco o valor artístico e cultural dunha produción galega que, sendo sobresaínte, loita no fango da invisibilidade. A lectura positiva é o caudal de proxectos orixinais e, arriscados que xermolan da xenerosidade artística dunha escena que semella non ter fin nin cancelas cunha produción discográfica que, atendendo a publicacións anuais e número de habitantes igual da para falar record mundial. O futuro é luminoso e máis sería co compromiso da parte mediática e industrial dun país que sempre tende a valorar ben pouco o noso.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents