O renxer rouco do carro da farsa
Facer teatro de noso

O grupo teatral A Panadaría. / Leiticia T. Blanco
En 2015 a Xunta de Galicia e a USC publicaban un ensaio de Inmaculada López Silva centrado na historia institucional do teatro galego que contiña unha análise documentada e sistemática da situación e perspectivas dun sistema en proceso de construción, pois o teatro, como lembraba Antón Figueroa (Nación, literatura, identidade, Xerais, 2001), forma parte dunha cultura en obras, que nunca dan rematado, para ter sequera un edificio sólido. O título do volume de López Silva, Resistir no escenario, exemplificaba o estado da escena galega desde o momento da súa reconstrución desde finais dos anos sesenta do século pasado, proceso tamén analizado por Carlos C. Biscaínho no estudo A Escola Dramática Galega na configuración do sistema teatral (Laiovento, 2007). Eses e outros traballos explican que o teatro galego como campo cultural é froito dunha loita permanente polo dereito a existir, pois, como adoitaba dicir Gustavo Pernas Cora, as xentes de teatro padecen a mesma condena de Sísifo, comezar ano tras ano a dura loita pola subsistencia, como lamentaba un dos personaxes da peza Ensaio (2004), de Eduardo Alonso.
Nos últimos vinte anos a situación non ten mudado de forma substantiva no plano institucional ou estrutural, máis alá dalgunhas novidades como a posta en marcha do Centro Coreográfico Galego, a consolidación dunha Rede Galega de Teatros e Auditorios, ou a creación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, quedando aínda por promover iniciativas de formación superior en danza, teatro musical e teatro obxectos ou formas animadas. Sen embargo, no plano cualitativo a situación ten mellorado de forma significativa. Na actualidade, as artes da escena en Galicia, do teatro á escrita dramática, da danza ao circo, contan cun grupo numeroso de profesionais moi capacitados e cualificados que veñen desenvolvendo un traballo relevante, feito ben loable se consideramos as circunstancias en que o realizan, e que ano tras ano vén explicando a Fundación AISGE nos estudos sobre o emprego no sector, que mostran moitas precariedades no exercicio profesional así como deficiencias notables do sistema. Un sector integrado por persoas que se por algo destacan é pola súa capacidade de emprender, ano a ano, proxecto a proxecto. Aí radica a resistencia da que falaban Gustavo Pernas ou Inma López Silva.
Poderiamos dicir que no país hai vimbios suficientes para facer centos de paxes, pero cómpren medidas para que os creadores poidan dispoñer dos medios de produción para realizar o seu traballo, como acontece en tantos países da nosa contorna: nos teatros e desde os teatros. Falta, pois, unha política cultural orientada a fomentar campo e sistema, e temos ben de exemplos a imitar, como poida ser o caso de Alemaña. Houbo, non obstante, en Galicia unha tentativa de establecer unha estratexia nesa dirección: o Plan Galego das Artes Escénicas, impulsado en 2008 pola Consellería de Cultura en tempos do Bipartito, tan acariñado por Miguel Martín, director da AGADIC.
En Galicia contamos cunha manchea de magníficos actores e actrices, autores e autoras de probada calidade, directoras e directoras de escena de relevo, excelentes coreógrafos e intérpretes de danza, magníficos artistas de circo, compañías con solvencia artística certa, escenógrafas ou escenógrafos reputados, un amplo abano de persoas que se ocupan no teatro de obxectos, sen esquecer os ámbitos da tecnoloxía escénica ou do teatro amador, amais de teatros, festivais, salas independentes, e mesmo persoas que se afanan en investigar o campo. Nunca antes as artes da escena contaron con tanta diversidade artística ou estética, con tantas posibilidades de futuro. Faltan políticas teatrais axeitadas ao desenvolvemento dun sector fundamental no eido da creación e a difusión cultural, desde a administración local á autonómica. Faltan e son urxentes, porque as xentes que van no carro da farsa manteñen ilusións e esperanzas, pero o carro renxe, non canta.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas