O faro cultural de Vigo
Un espazo de privilexio

A crítica literaria, un exercicio imprescindible para o porvir das letras. / FDV
Tras vinte e catro anos e mil semanas, FARO DA CULTURA afonda na tradición de converter as súas páxinas nun espazo de privilexio para a lectura literaria en lingua galega. Celebración que ten o precedente naquelas catro páxinas do pioneiro «Faro das Letras», publicado entre abril de 1993 e setembro de 1996: dúas cabeceiras que puxeron os alicerces para que a literatura galega contase coa visibilidade e mediación da crítica literaria xornalística da que carecía.
Sei, como editor en lingua galega, que é difícil ofrecer un modelo de crítica cultural xornalística de calidade. Reto que asumiu FdC cando solicita aos seus colaboradores unha crítica que analice, avalíe e interprete as obras culturais coa intención de informar e orientar os diversos públicos de forma fundada, sen menoscabo de gabalas ou censuralas en todo ou en parte de forma equilibrada e razoada. Crítica que no caso de culturas minorizadas contribúe a fortalecer as industrias culturais e os sectores creativos, ampliando a sociedade lectora, fidelizando os públicos do cinema, das artes escénicas e dos diversos xéneros musicais, incitando a curiosidade de visitantes a exposicións e museos, concienciando a cidadanía na protección do patrimonio ou mesmo nas manifestacións hibridadas da cultura dixital.
Apostar, en definitiva, pola recomendación xornalística, que sabemos non vive os seus mellores momentos xa que, como noutros xéneros xornalísticos, está ameazada polas redes sociais, sobre todo polo que atinxe a súa autoridade, equiparada a de calquera creador de contido ou influencer que non precisan utilizar os criterios de obxectividade e independencia da crítica xornalística e académica, en boa medida máis pendentes do interese dos departamentos de marketing das diversas industrias culturais. Modelo de crítica asumido por FdC, exercida por colaboradores independentes, que non incorren en conflitos de intereses, hoxe criterios imprescindible para evitar a derrota definitiva da cultura.
Estas oito mil páxinas de FdC constitúen a crónica do que foi a produción cultural galega neste período, dende o entusiasmo da primeira do século, ao que non foron alleas nin a resposta creativa dos sectores culturais da crise do Prestige nin as políticas culturais públicas, como o impacto que tivo o decreto de Plurilingüismo, sobre todo no sector editorial, e a crise da débeda, coincidentes ambas cos gobernos de Núñez Feijoo, nos que diminuíu o volume da produción cultural e artística. Repasar hoxe o milleiro de entregas de FdC –admirable pola súa continuidade e carácter monolingüe, publicación única na prensa galega– permite construír un índice das mudanzas valorativas como das tendencias da cultura galega de inicio de século.
Eis a irrupción das narradoras galegas, que coincide coa aparición do propio suplemento. Eis a obtención dos premios nacionais outorgados polo Ministerio de Cultura a trinta eun creadores e creadoras e a editorial Kalandraka, premiados en todas as disciplinas literarias, mais tamén en xornalismo cultural, moda, arquitectura, fotografía ou artes plástica. Páxinas nas que identificamos a diversificación da industria cultural, atomizada en editoras independentes, pequenas compañías teatrais, cun peso cada vez maior do sector audiovisual e das redes sociais na mediación cultural, que cuestionan o papel do enfoque crítico do propio FdC.
FdC presenta un modelo de crítica independente e lonxe de conflictos de intereses
Especial atención tivo en FdC o seguimento da cultura viguesa e velaí o «Vigo noir», acuñado polo profesor e escritor Xaquín Núñez Sabarís, fenómeno da novela negra localizada en Vigo, como do máis amplo do «Vigo literario», visible no Mapa Literario de Vigo, elaborado pola Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas. Fenómenos que avalan a posibilidade de solicitar a inclusión de Vigo dentro da rede de cidades da literatura da UNESCO, o que contribuiría á proxección de todo o sector cultural. Candidatura que atoparía nas páxinas deste faro cultural de Vigo os seus mellores argumentos para a súa defensa.
Parabéns a FdC por facer posible un proxecto estratéxico para a cultura en lingua galega. Beizóns que merece a empresa e dirección de FARO DE VIGO por continuar coa súa aposta pola crítica cultural de calidade.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas
- «Cuando el intestino lo tenemos bien, las arrugas aparecen más tarde»
