Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mil faros na noite

Facendo amigos (tamén) na cultura

Faro na Costa da Vela.

Faro na Costa da Vela. / FDV

Pedro Feijoo

Pedro Feijoo

Máis que unha cifra redonda, este número 1000 do FARO DA CULTURA é outra cousa: a cristalización dunha forma de resistencia. Case un cuarto de século deixándose a pel na comunicación e posta en valor das nosas letras, da nosa música, da nosa arte... Mil luces prendidas contra a escuridade coa vontade sostida de alumar a nosa cultura.

Porque, por descontado, se o nome escollido para o noso decano non foi casual, o do seu suplemento cultural tampouco: un faro non é un adorno, é unha guía. Un faro non compite coas luces da cidade: un faro é unha luz que permanece, que está aí contra vento e marea para que nós teñamos sempre unha marca mareira nas tebras da incultura. Se o FARO DE VIGO foi durante xeracións unha referencia informativa para a cidade e a súa área de influencia, o suplemento fixo o mesmo con algo tan fráxil como necesario: esta vida cultural que latexa, tantas veces, a contraluz.

Mentres Vigo mudaba de pel coa rapidez coa que se esquecen festivais, se pechan librerías ou se transforman barrios enteiros, estas páxinas foron gardando unha memoria que, ás veces, a cidade mesma parecía empeñada en esquecer. Así, nestas páxinas soubemos de autores que empezaban ––como un servidor de vostedes––, salas que abrían, exposicións efémeras, obras de teatro que duraban unha fin de semana, concertos en locais que hoxe xa non existen. Todo, todo iso que parecía destinado a disolverse na néboa do pasaxeiro, quedou fixado aquí, de maneira que se alguén quere lembrar o latexo cultural daquel Vigo das últimas dúas décadas e media, non ten máis que abrir estes mil números.

Porque si, Vigo pode presumir de dinamismo, de industria, de luces que se ven de lonxe. Pero tamén é verdade que ás veces parece sufrir dunha certa amnesia selectiva respecto á súa memoria cultural. E, con todo, a nosa historia recente está atravesada por editoriais valentes, por música que marcou xeracións, por teatro combativo, por poesía, por artes plásticas, por nomes que transcenderon as nosas fronteiras. Aí, tamén cando as voces corporativas non souberon alimentar o lume desa chama, este Faro sempre estivo aceso, se cadra discreto pero sempre constante.

Grazas a estoutras luces, os lectores do FARO DA CULTURA fomos coñecendo: autores grazas a unha entrevista de Lourdes Varela; libros por unha crítica de Pilar Ponte ou Oriana Méndez; bandas musicais pola recomendación de V. Neira... E así fomos formando, entre todos e case sen nos decatar, unha voz cultural a partir do aprendido aquí cada semana.

Un faro non se levanta para evitar as tormentas, senón para que, chegado o momento, poidamos orientarnos no medio delas. Durante mil números, este suplemento foi iso para Vigo e para Galicia: unha luz fixa, paciente e necesaria. Dentro doutros mil números, quizá volvamos presumir sen complexos da nosa identidade. Mentres tanto, este FARO DA CULTURA seguirá facendo o que mellor sabe: guiarnos para non deixar que esquezamos aquilo que somos nós mesmos. E resistir.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents