Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mil entregas

A xeira de FARO DA CULTURA

S/T

S/T / FDV

Foi no mes de abril do 2002 cando Ceferino de Blas -sempre na nosa memoria- se dirixiu a Xosé Ramón Pena para propoñerlle a creación e, xa que logo, a coordinación dun suplemento de periodicidade semanal, redactado en lingua galega, que se fose encargar de dar noticia das diversas actividades que se estaban a levar a cabo na cultura de noso. Unhas semanas máis tarde, e con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, dedicadas ese ano á figura e obra de Frei Martín Sarmiento, daba inicio entón a traxectoria de FARO DA CULTURA. Cómpre sinalar que, antes diso, Xosé Ramón Pena xa dirixira, a mediados dos anos 90 do pasado século, outra publicación, se ben que dedicada en exclusiva ao eido literario e baixo o rótulo de «Faro das Letras», nestas mesmas páxinas de FARO DE VIGO.

E foron, precisamente, algúns dos colaboradores de «Faro das Letras» -Estro Montaña, Román Raña, Xosé Feixó, Carlos L. Bernárdez, Manuel F. Vieites...- aqueles que se incorporasen de contado ao nacente proxecto. Canda deles, novos nomes -Natalia Álvarez, Daniel Lavesedo, María Navarro, Dorinda Castro Soliño, Joaquim Ventura, Armando Requeixo,Alberte Reboreda, Vituco Neira, Iago Fernández, Román Padín Otero, Lois Alcayde Dans, Héctor Paz Otero...- permitiron, xa desde os primeiros compases, que as páxinas de FARO DA CULTURA puidesen dar conta da actualidade no eido non só da literatura senón aínda da escena, do cinema, das artes, da arqueoloxía, da antropoloxía, das ciencias sociais, da música..., en fin da crecente actividade que nos envolvía e envolve. Polo demais, e no transcorrer de mil semanas, e no percorrido de vinte e catro anos, novas asinaturas chegaron asemade ás páxinas do noso suplemento; é de destacar, certamente -feliz signo dos novos tempos-, a crecente presenza de nomes femininos nestas páxinas e velaí, daquela, as firmas de Maruxa Gestoso Álvarez, Pilar Ponte, Marcela Santorun, Raquel López, Avelina R. Gil, Oriana Méndez, Judith Iglesias, Lourdes Varela, Tere Gradín...

Dar testemuño, pois, daquilo que se produce en Galicia nos diferentes eidos da cultura e, especialmente, en idioma galego: tal viña, e vén, ser o primeiro dos obxectivos a acadar.

FARO DA CULTURA non existiría, certamente, sen o apoio e mais o agarimo, semana tras semana, por parte de todos os seus lectores e lectoras

Mais sempre á súa beira, ofrecermos noticia así mesmo do percorrer cultural alleo -ao cabo formamos parte ineludíbel do mundo- e que tamén forma, certamente, parte de nós. En fin, atender como lle cómpre a calquera outra aportación que teña o noso país e mais os nosos creadores como motivo: tales constituíron, e constituén, o propósito arreo das páxinas semanais de FARO DA CULTURA.

Coordinado desde o ano 2016 por Miguel Pena Alonso -e continuando, emporiso, Xosé Ramón Pena, ao seu lado, como asesor literario-, FARO DA CULTURA non sería posíbel, así e todo, sen o apoio, o agarimo..., a axuda amiga da dirección e de todas as xentes que forman parte de FARO DE VIGO -de maneira especial, Salvador Rodríguez e Elías Regueira-Pero, desde logo e sobre todo, non sería unha realidade se non contásemos, como moi felizmente si contamos, con esoutros alento e afecto por parte de todos os lectores e lectoras que nos seguen semana tras semana. Porque son Vdes., ao termo, e sen ningunha dúbida, os destinatarios e destinatarias do noso quefacer. Por e para Vdes. ten sentido e existe realmente FARO DA CULTURA. Moitas grazas por permaneceren connosco nestes mil números de andaina. Como naquela simpática historia, contando sempre coa súa complicidade, o noso afán está enmarcado en continuarmos xuntos «até o infinito e aínda máis alá.» 

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents