Lingua e cultura
Espazos abertos

Vigo, unha cidade aberta ao mundo: vista da ría de Vigo. / Marta G. Brea
Que un suplemento cultural redactado integramente en lingua galega chegue ao número 1000 revela unha forma de continuidade ben significativa. Somos moitas as lectoras que mantemos unha atención sostida ás propostas culturais que se amosan desde as páxinas do FARO DA CULTURA; lectoras teimosas, ademais,que precisamos unha ventá, un furado no cerebro que osixene as neuronas e alixeire a vida fóra da ameza visguenta do mal. Nese xesto latexa a pregunta pola necesidade da literatura, tamén en galego.
Non sempre buscamos o mesmo nela. Hai quen chega á lectura para recoñecerse, quen o fai para perderse, quen entra en mundos alleos para comprender mellor o propio. Hai lectoras que esperan da literatura unha mirada crítica, outras unha intensidade emocional, outras un desafío intelectual ou unha experiencia estética que non se deixa reducir a mensaxes nin utilidades. Sabemos que a literatura non ofrece unha función única nin estable. Cambia co tempo, coas xeracións, coas biografías lectoras. E todo iso sucede nunha lingua concreta. A literatura é unha práctica extrema da lingua, unha exploración das súas posibilidades, polo que precisa dunha lingua forte e dúctil capaz de asumir complexidade, matices, contradicións. Hai lectores en galego porque hai unha lingua, mol ou irta, rigorosa ou sarcástica, que favorece a creatividade e a recepción.
Por iso resulta sorprendente que o goberno galego considere que a nosa é unha lingua capacitada para uns mesteres pero non para outros: Literatura si. Ciencia non. Unha lingua bífida? Se a lingua é o espazo da creación e do coñecemento, non debera dividirse en disciplinas nin xerarquías. A literatura, a filosofía, a música, a ciencia, ou o pensamento matemático comparten unha mesma esixencia: a precisión e a imaxinación.
Hai tradicións intelectuais que o demostran. No seu libro Dos signos de Stendhal aos imaxinarios de Musil (Laiovento, 2008), o matemático e escritor Xenaro García Suárez desenvolve, entre outros, un problema formulado por Raphael Bombelli no século XVI: determinar a aresta dun cubo sabendo que o seu volume garda unha relación concreta co dun paralelepípedo, ata chegar a unha ecuación aparentemente abstracta —x³ = 15x + 4— que obriga a pensar o espazo, a medida e a linguaxe que os formula. Non importa aquí a solución, senón o feito de que ese razoamento, complexo e exacto, poida ser pensado, explicado e escrito en galego con plena naturalidade.
A literatura, nese sentido, tampouco conforma un territorio illado. Ben polo contrario, constitúe de seu un espazo aberto no que se cruzan formas de pensamento máis diversas. Sigamos, entón, a irrigar o coñecemento coa arteria lingual. Celebremos mil números máis para o FARO DA CULTURA.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- ¿Por qué Marruecos complica cada vez más las cosas a la conserva gallega y Chile compromete a los bateeiros?
- Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia: «Hay indicios de que en la segunda quincena de febrero podría dejar de llover»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
