Galicia é un mundo

O conselleiro de Cultura, José López Campos, acompañado polas delegadas da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e en Ferrol, Martina Aneiros, e polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes. / X. Crespo
Os galegos e galegas temos a sorte de vivir nunha terra que é moito máis que un territorio delimitado por mapas administrativos. É unha terra cunha fonda raíz histórica e cultural forxada ao longo dos séculos. Unha terra na que a paisaxe, a lingua, a cultura, o patrimonio, as tradicións e a memoria colectiva se entrelazan para dar forma a unha realidade e a unha identidade que é común, pero que varía segundo o territorio porque Galicia, tal e como dicía Vicente Risco, é un mundo.
Galicia é un mundo, un complexo e diverso no que o patrimonio cultural ocupa un lugar destacado. Isto é así porque falar de patrimonio na nosa terra é falar de riqueza, de orgullo e de identidade. Castros, mámoas, pontes medievais, igrexas románicas, catedrais, torres, castelos, mosteiros, pazos, cruceiros, hórreos... todos eles conviven e conforman unha rede composta por preto de 800 bens de interese cultural e máis de 80.000 elementos catalogados que se espallan por todo o territorio e que contan a súa propia historia.
Herdeiros como somos de todo este patrimonio cultural, a nosa identidade é debedora de séculos de historia, pero tamén é unha consecuencia de anos de coidado, preservación e posta en valor. Proba disto é que o imaxinario da Galicia que hoxe coñecemos non sería o mesmo sen o traballo feito polas xeracións que estiveron antes para que o patrimonio cultural continúase contando a nosa historia.
O patrimonio cultural é, polo tanto, unha herdanza recibida dos nosos ancestros, pero tamén é unha responsabilidade que na actualidade debemos asumir desde o conxunto de toda a sociedade e non exclusivamente desde as administracións. Con esta convicción, e desde o privilexio cultural e patrimonial co que contamos por vivir nesta terra, é o momento de facer cambios e unir esforzos para facer fronte aos desafíos actuais e, xuntos, avanzar, traballar e seguir apostando por unha Galicia que é única en todas as súas expresións.
É o momento, polo tanto, de ser ambiciosos e procurar uns cambios lexislativos que nos permitan ser máis áxiles e útiles para a cidadanía e as administracións, pero sen renunciar o rigor e ao coidado do noso patrimonio. Uns cambios, polo tanto, que se centran no procedemento administrativo e poñen o foco na importancia de contar cun patrimonio cultural activo, accesible e integrado na vida da comunidade, pero que non alteran os criterios de protección.
A nosa identidade é debedora de séculos de historia e de anos de posta en valor
Con esta premisa, e sempre avalados por criterios técnicos, fixemos unha modificación na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia que converte este texto nunha lei que protexe con cabeza e corazón. Unha normativa que busca non só preservar o noso legado e garantir unha protección eficiente e respectuosa dos elementos patrimoniais, senón tamén dar resposta aos problemas do día a día dos galegos e galegas.
Esta reforma, que responde a unha metodoloxía técnica, nace tamén do convencemento de que a redución da burocracia e a axilización na tramitación administrativa non supón ningún risco para os valores culturais; da experiencia de ter sido elixido alcalde ata en catro ocasións, con catro maiorías absolutas, para defender os intereses do meu pobo e do proceso de escoitar as demandas dos alcaldes e alcaldesas de Galicia que, con independencia do partido político no que militen, teñen unha gran sensibilidade co patrimonio cultural galego.
Para entender e necesidade destes cambios é importante coñecer con exactitude cal é a nosa situación. Ata o momento, a Xunta de Galicia era a única administración autonómica que informaba sobre actuacións en todo o territorio, con independencia de cal sexa o grao de protección patrimonial do elemento. Isto supón que ata agora se precisaba o mesmo trámite para renovar o pavimento dunha estrada ou para a instalación dun caleiro nunha vivenda particular que para actuar na fachada dunha catedral, renovar o tellado dunha igrexa ou recuperar un mosteiro.
En termos numéricos, isto tradúcese en que cada ano a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xestiona máis de 30.000 expedientes, cun prazo de resolución que oscila entre os 6 e os 12 meses, dependendo da provincia, a tipoloxía ou a afectación do elemento. Uns longos tempos de espera que, en moitas ocasións, supoñían un impedimento para a cidadanía ou as institucións para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais.
É por este motivo, e co desexo de facilitarlle a vida aos veciños e veciñas de Galicia, que decidimos impulsar unha modificación que, sen perder de vista a importancia de protexer o noso patrimonio, adapte o contido deste texto normativo á realidade actual. Non se trata de falta de sensibilidade, de delegación de competencias ou de carencia de compromiso coa conservación dunha das nosas xoias culturais máis importantes. Trátase de ser eficaces e de xerarquizar o patrimonio cultural en función do seu nivel de protección e complexidade de xeito que a Xunta de Galicia conserve as competencias naqueles casos máis singulares ou que requiren coñecementos e persoal máis específicos, mentres que as administracións locais poderán reducir os tempos de espera e axilizar a tramitación ao autorizar as actuacións nos bens con menor protección.
Sendo un municipalista convencido e, despois de ter a sorte e a gran fortuna de ser alcalde do meu pobo, A Estrada, coñezo de primeira man cal é o funcionamento e cales son os problemas da xestión municipal e como vai afectar esta modificación nas administracións locais. Pero é precisamente esta experiencia como alcalde a que me leva a seguir avanzando co convencemento de que os propios concellos son os que mellor coñecen o seu territorio e os máis interesados en coidar do seu patrimonio cultural.
Non teño dúbidas de que, con independencia de cores e ideoloxías políticas, non hai ninguén que estea máis apegado e máis próximo aos problemas da veciñanza que os rexedores e rexedoras municipais. É precisamente por iso polo que estou convencido de que non podemos contar cun aliado mellor que os concellos para coidar do noso patrimonio cultural e traballar xuntos para que esta gran riqueza cultural que é hoxe un motivo de orgullo para toda Galicia continúe sendo un motivo de satisfacción e un símbolo de identidade para as xeracións do futuro.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas
- «Cuando el intestino lo tenemos bien, las arrugas aparecen más tarde»
- Todos los MIR de último año de Medicina de Familia se interesan por trabajar y ocho aceptan incorporarse ya
