Faro Rosalía Ferrín
Referencias de vigor literario

Antiga sede de FARO DE VIGO na rúa Colón / FDV
Atribúeselle a Xosé María Posada Pereira, xornalista e poeta, o nome do FARO DE VIGO. Foi el o único en Galicia que saudou a saída ás laxes da viguesa rúa Real en 1863 de Cantares gallegos. Ademais a súa recensión reproduce íntegro o «Airiños, airiños, aires». Ceferino de Blas sempre puña a énfase en que non era pouco mérito tendo en conta que Rosalía de Castro era figura relevante asociada, polo seu impresor Juan Compañel e o seu home Manuel Murguía, a El Miño (antes La Oliva), competencia comercial e ideolóxica do FARO. Posteriormente e xa noutro contexto, o da Restauración (1880), Nicolás Taboada Fernández (fillo de Taboada Leal), escritor e xornalista, publica na primeira páxina do FARO DE VIGO unha extraordinaria recensión de Follas novas, lonxe do desconcerto que o novo libro xeraba. Taboada Fernández, primeiro cronista de Vigo, encara dun xeito visionario e desde a capital da Terra de Turonio os grandes retos da obra, incluída a súa dimensión épica e subxectiva, para afastala da, como el di, «lírica geremíaca», do «modo convenido», dos «triviales conceptos». Será Follas novas ocaso e non alborada, pero tamén por iso obra de gran beleza, coma o «fatigado Sol que marcha a hundirse en las montañas de Occidente, impregnando su última carrera de hermosísimos colores y de sorprendentes tintas». Aquí ben podemos aclarar que as montañas de occidente sempre serán, acolá as están, as nosas illas, as nosas Sías.
Pasando naturalmente por Álvaro Cunqueiro, que fixo do xornal vigués unha referencia literaria de extraordinario vigor, o FARO non deixou de estar coa cultura galega. De Rosalía de Castro a Méndez Ferrín. O escritor ourensán, considerado unanimemente o máis grande do noso tempo, é tamén o máis prolífico articulista en galego da historia das nosas letras. E no FARO, desde 1954!, está a maior parte da súa produción deste xénero. Sexa no Faro do Luns, sexan nas columnas da «Segunda feira» ou na da sexta, «Os camiños da vida», sexa con aquel popular «Consultorio dos nomes e apelidos galegos» dos sábados que axiña se converteu en libro ou na emblemática sección que o seguiu (2007-2020) co título de «No fondo dos espellos», logo recollida en tres volumes editados pola Universidade de Vigo, o conxunto aínda felizmente vivo das colaboracións de Ferrín no FARO é extraordinario. Antón Capelán, que documentou coma ninguén toda a produción literaria do noso autor, recolleu cos seus títulos en A semente da nación soñada máis de dous mil artigos publicados só no xornal vigués ata o 31 de decembro de 2007. Navegar nesta oceánica produción, que un día tamén ten que ser recollida e agrupada, pode non parecer doado, pero non somos soamente nós e Manuel Bragado os que consideramos os artigos de Xosé Luís Méndez Ferrín referentes indiscutibles e agardabamos expectantes tanto a chegada da «Segunda feira», para lle pormos á semana un reparador inicio de ilusión e confianza, como a dos «Camiños da vida», para sentirmos de perto os soñados vieiros do lecer e da alegría. Eran, son e serán os artigos de Ferrín a alta literatura ofrecida na condensación e na gramática do formato xornalístico. Dono do galego todo en tódolos xéneros, vai Ferrín ás fontes do cervo cantigas ou ás do bíblico dos salmos, ás cadeas de Don García, que son as nosas, e ás de Príncipe, fura ata Prisciliano, Exeria ou Adosinda, descóbrenos unha Teresa de Castro insólita e unha Rosalía filla de Nerval, lévanos polo Bierzo e as freguesías, ós curros dos cabalos ceibos e ás formigas do entroido de Laza, á arte abstracta da vangarda rusa e á Gadaña de Reimundo Patiño, ó circo familiar dos Feijoo e á demolición do Tamberlick, a Vilar de Perdizes e todo o reino de Portugal e á Irlanda irmá de Seamus Heaney, a Pepe Rei e ó 1972 obreiro antifascista, ó bacallau do Natal e ó viño lado do Ribeiro, lévanos en fin de bolina ó universo enteiro que nós temos, con saudades mesmo herdadas do tranvía, entre o Galiñeiro e aqueloutras montañas do solpor que son as Sías.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas
