Facer arqueoloxía en Galicia
Unha nova conciencia pública do patrimonio

Xacemento arqueolóxico deo castro de San Cibrao de Las (Punxín/San Amaro, Ourense). / Brais Lorenzo
No cambio de século, falar de arqueoloxía en Galicia era, para moita xente, evocar castros entre toxos, mámoas medio esquecidas e escavacións de verán que aparecían un día no xornal e desaparecían ao seguinte. Hoxe o panorama é outro. A arqueoloxía galega non só mudou de ferramentas: mudou de escala, de ritmo e mesmo de presenza pública.
Un dos grandes xiros veu da man da tecnoloxía. Se nos anos noventa e comezos dos dous mil a escavación seguía dependendo case exclusivamente da paleta, da libreta e da cámara compacta, hoxe os equipos profesionais traballan con drons, fotogrametría, xeorradar, escáner láser 3D e sistemas de información xeográfica que permiten analizar o territorio como nunca antes. O LiDAR, en particular, revolucionou a mirada sobre a paisaxe: baixo a masa forestal documentáronse novos xacementos, estruturas descoñecidas como as rodas da Idade do Bronce, cabanas e muros que levaban séculos ocultos. Galicia, cuberta de vexetación e con relevo complexo, atopou nesta tecnoloxía unha aliada decisiva.
Nas últimas décadas afianzáronse institucións de referencia como o Incipit e as universidades. A arqueoloxía preventiva e a investigación académica convertéronse nun campo estable, xerando equipos multidisciplinares con arqueólogos, restauradores, topógrafos e especialistas en patrimonio. Este proceso non estivo exento de tensións: cambios legais sen consenso parlamentario nin aval do Consello da Cultura Galega, debilidade do servizo de inspección para evitar o deterioro e incluso a perda progresiva do noso patrimonio (área arqueolóxica de Tourón, mosteiro de Albeos, castelo de Torés, etc.), ou un catálogo público accesible a través da rede que aínda ten moita marxe de mellora. Pero tamén permitiu profesionalizar o sector e ampliar o número de intervencións realizadas en todo o territorio, algunhas delas exitosas e paradigmáticas: San Cibrao de Las, Campo Lameiro, Castrolandín, Aquis Querquennis, castelo de Pambre, os gravados do Outeiro dos Lameiros (Baiona) ou os da Coutada (As Neves).

Campamento romano de Aquis Querquennis (Bande, Ourense). / FDV
Paralelamente, mudou a relación coa sociedade. Se antes a escavación era un feito case silencioso, hoxe moitos proxectos contan con visitas guiadas, obradoiros, redes sociais activas e cobertura mediática constante. Os medios de comunicación incorporaron a arqueoloxía á súa axenda cultural con máis regularidade, e cada descubrimento xera debate e curiosidade. A arqueoloxía deixou de ser un asunto de especialistas para converterse, de forma crecente, nun relato social compartido.
Tamén os concellos comezaron a ver o patrimonio arqueolóxico como un recurso identitario: non sempre mediante grandes orzamentos, pero si cunha maior conciencia de que o pasado pode ser motor de cohesión social e un atractivo turístico incuestionable. Por iso hoxe en día a recuperación de castros, petróglifos, mámoas ou castelos forma parte das estratexias turísticas e culturais de moitas administracións locais e provinciais.

Perspectiva xeral do castelo de Pambre (Palas de Rei, Lugo). / FDV
Dous actores especialmente relevantes neste cambio foron as asociacións en defensa do patrimonio e as comunidades de montes. Foron moitas as que comezaron a implicarse activamente na protección e divulgación dos bens arqueolóxicos situados nos seus montes veciñais, no seu concello ou na súa bisbarra. Este diálogo entre propiedade colectiva, divulgación e coñecemento científico abriu novas vías de xestión participativa da nosa herdanza común.
Con todo, os desafíos seguen aí. Frear o despoboamento do rural, completar os traballos de Galicia Nomeada de forma profesional, traballar na prevención de incendios forestais ou combater o espolio clandestino de xacementos. A investigación arqueolóxica precisa financiamento sostido. A posta en valor require mans profesionais e creatividade para non converter o patrimonio nun decorado explicado por mans inexpertas.
A arqueoloxía galega dos últimos vinte anos é, en definitiva, unha historia en transición: da escavación illada á paisaxe cultural analizada con datos masivos; do silencio ao relato público; da dependencia institucional exclusiva á colaboración entre universidades, administracións e comunidades. Unha disciplina que aprendeu a traballar coas novas tecnoloxías e a falar con voz propia.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas