Etnografía de noso
Retos acadados e desafíos cara ao futuro

Visita guiada no Museo Liste. / Alba Villar
Comecei a miña andaina no FARO DA CULTURA un xoves de novembro de 2002, cando o noso suplemento ía polo número 17. Desde aquela, fixemos revisión crítica e divulgación de moitas iniciativas culturais etnográficas e antropolóxicas que puñan a nosa terra no centro do estudo e que contribuíron á reivindicación e recuperación do noso patrimonio cultural material e inmaterial. Hoxe, día no que celebramos nada menos que o número 1000, cómpre botar unha ollada atrás, para revisar o traballo ben feito e analizar os camiños abertos polos que transitará a próxima antropoloxía galega.
Nun día de celebración coma hoxe prefiro ser moderadamente optimista, e imos partir dos brotes verdes que se comezan a ver a pesar de tanta cultura globalizada. Para comezar, podemos situarnos na crise da cultura tradicional que se veu xestando a partir fundamentalmente da segunda metade do século pasado. Esta decadencia veu acompañada dun fondo sentimento de desvalorización do propio, ou mesmo dun certo folclorismo na súa estima. Foi a partir dos anos 70 ou 80 nos que por fin se puido pousar a vista no noso e darlle un novo valor positivo; comezaron daquela a aparecer grupos de música que recuperaban os sons tradicionais desde un punto de vista cultural e reivindicativo. Xa desde o mundo académico, será en 1971 cando a Universidade de Santiago de Compostela proporá unha materia de Antropoloxía; haberá que agardar ao 1987 para que aparezan os primeiros cursos de doutoramento da disciplina. En 1976 nace o Museo do Pobo Galego, que xogará un importantísimo papel ata os nosos días na conservación, recuperación e difusión do noso patrimonio. Ao longo dos anos 80 e 90 continuarase ese labor de documentación e recuperación, profesionalización académica e difusión pública, transicionando desde un enfoque folclórico a outro crítico e académico. O novo milenio trouxo unha diversificación nas liñas de investigación, cada vez máis abertas á recuperación do patrimonio, por unha banda, e á análise crítica desde unha perspectiva de xénero e unha ollada á migración e á exclusión social, por outra; a maiores, foron xurdindo cada vez máis museos etnográficos (o Museo Liste abre no 1999, por exemplo) e diversas aulas de interpetación cultural en distintos puntos da nosa xeografía; cada vez son maiores os cursos de formación e difusión da nosa cultura tradicional; e mesmo o Día das Letras Galegas tense adicado neste último ano a reivindicar as nosas cantareiras tradicionais.
Pero non todos son luces, senón que temos importantes retos que afrontar e moito camiño por percorrer. Unha das eivas que sufrimos na nosa terra é a inexistencia dun grao independente en Antropoloxía Social e Cultural. Unicamente contamos con Departamento de Filosofía e Antropoloxía, na área de Antropoloxía social na Facultade de Filosofía da USC. Isto fai que os novos investigadores teñan que saír fóra a se formaren ou ben realizar estudos a distancia, o que dificulta o achegamento dos interesados á disciplina e a posteriori, a interpretación antropolóxica alén das recompilacións culturais descritivas. No eido social, o principal problema é unha cuestión de relevo xeneracional. A nosa disciplina pon un dos seus centros nas persoas e no seu rico patrimonio cultural inmaterial. Se deixamos desaparecer certas xeracións sen ter falado con elas, terá desaparecido tamén parte da nosa riqueza sen que poidamos recuperala nunca máis. Así que corre présa actuar. E, para rematar, un terceiro problema: precisamos de políticas activas que promovan o desenvolvemento e conservación do noso acervo cultural e asemade políticas culturais e educativas que garantan a valorización, mantemento e perpetuación da nosa riqueza cultural. Precisamos de iniciativas que atraian á mocidade a mirar con orgullo a cultura dos seus antergos. pois só sabendo quen fomos poderemos chegar a deseñar quen queremos ser.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas