Crónica da BD galega
Con vontade de futuro

Exposición «Viñetas desde o Atlántico». / Iago López
Máis aló de Castelao, a BD galega «consciente» nace na década dos 70 con autores como Reimundo Patiño, Xaquín Marín, Xosé Díaz, Chichi Campos, Ulises L. Sarry, Pepe Carreiro, Xosé Lois González ou Fran Jaraba. Con todo, foi a partir do 2000 cando o cómic galego experimentou unha notable efervescencia, marcada por novas editoriais, colectivos e a consolidación do festival Viñetas desde o Atlántico, creado en 1998 baixo a dirección de Miguelanxo Prado.
Xa no verán de 2001 aparece o colectivo Polaqia, fundado por Kike Benlloch, David Rubín, Bernal Prieto, Jano e Alberto Vázquez, creadores que se autopublican. Entre o 2003 e o 2009 editan a antoloxía Barsowia coa colaboración de Emma Ríos, Luís Sendón, José Domingo ou Álvaro López. Tamén aparece a asociación cultural BD Banda coa súa revista homónima. Estes colectivos asintan as bases do panorama do cómic actual.
Entre 2002 e 2004, a revista infantil Golfiño —que nace en 1999 das mans de Edicións Xerais— foi publicada de forma gratuíta como suplemento de La Voz de Galicia. Dirixida por Miguel Vázquez Freire e Fausto Isorna, converteuse nunha iniciación infantil á BD e tamén nun escaparate para autores como David Rubín, Kiko da Silva, Xaquín Marín ou Norberto Fernández.
O Premio Castelao de Banda Deseñada, outorgado pola Deputación da Coruña, inaugúrase no 2005 cun prometedor David Rubín. Entre os seus galardoados tamén está Bea Lema, «recente» gañadora do Premio Nacional del Cómic en 2024 por El cuerpo de Cristo (O Corpo de Cristo); e, por suposto, Kiko da Silva. Este último eríxese, ademais, non só como un dos nosos autores máis relevantes senón tamén como un baluarte da BD en galego. Así, fundou en 2007 a revista Retranca, que deriva en Retranca Editora. En 2012 crea O Garaxe Hermético en Pontevedra, primeira escola de cómic e ilustración de Galicia que contribúe a profesionalizar o sector e, máis importante, xerar unha comunidade creativa viva. En 2019 celébrase a primeira edición do premio de BD asociado á escola. Un ano antes, en 2018, aparece a revista anual A viñeta de Schrödinger impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, revista que dirixe.
Lonxe de forxar unha grande industria, o cómic galego reflicte o seu histórico minifundismo e a autoedición é un dos seus eixos fundamentais. Os festivais de zines e autoedición (Autobán na Coruña, Fun Fun Fun! en Santiago ou Vaia Vaia en Lugo) serven para descubir novas autoras e autores e achegar propostas máis experimentais. De aí iniciativas editoriais como Demo Editorial, que nace en 2008 da man do artista Manel Cráneo, ou Fosfatina creada por Rubén Romero baixo o paraugas da Editorial Elvira en 2014. Mención especial para a defunta Noite Líquida, proxecto cooperativo dos xeniais Begoña García-Alén e Andrés Magán.
Xa nos últimos cinco anos, o cómic en Galicia atravesa un período de certa consolidación. Aínda que o número de publicacións continúa sendo baixo (unha media de entre 30 e 40 anuais), os espazos que as rodean expándense; fano de forma modesta, pero fano. A última edición de Viñetas desde o Atlántico reuniu máis de 70 creadores nacionais e internacionais e atraeu máis de 50.000 persoas. En Vigo inaugurouse a Comicteca Afundación, primeira biblioteca especializada en cómics de Galicia, cun fondo que segue aumentando. Rinoceronte Editora, Edicións Embora, Aira Editorial, Demo editorial e Editorial Elvira seguen publicando obras interesantes e necesarias. A revista infantil O Papagaio cumpre dez anos ensinando e divertindo. E, sobre todo, hai moitas autoras e autores con ganas de crear. Queda BD en galego para tempo.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas
- «Cuando el intestino lo tenemos bien, las arrugas aparecen más tarde»
- Todos los MIR de último año de Medicina de Familia se interesan por trabajar y ocho aceptan incorporarse ya
- De rozar el 9 en Bachillerato a una FP
- Lisboa anuncia un acuerdo para reemplazar las tripulaciones portuguesas en la pesca por marineros indonesios