Comunicar cultura en galego
Grial e Faro da Cultura

Unha das salas da Real Academia Galega (A Coruña). / FDV
A saída do número 1000 do FARO DA CULTURA ofrece unha excelente ocasión para reflexionarmos sobre a importancia e os retos de comunicar en galego cultura feita en galego. De certo, a nosa cultura afronta o desafío de ampliar a súa audiencia ata contar con públicos de abondo numerosos e diversos, de dispor dun mercado das dimensións necesarias para o sostemento dos emprendementos. Para tal, os produtos culturais precisan ter visibilidade nos medios de comunicación. O FARO DA CULTURA vén ser unha achega exemplar, polo que merece os nosos parabéns.
A presente reflexión ofrécese desde a experiencia de Grial, que Galaxia puxo a andar en 1963, despois dunha primeira tentativa tronzada pola censura franquista, nun episodio de represión político-cultural ben coñecido. O público galego non é consciente de que se tata da revista cultural en galego máis antiga é, ao mesmo tempo, unha das máis veteranas de España. De todos os xeitos, o máis relevante está na constatación das transformacións sufridas pola esfera cultural galega nas últimas décadas, tanto no que atinxe a públicos e produtores, coma no tocante a axentes, soportes e medios, e todo isto nun contexto de profundos cambios sociais acompañados de modificacións de tendencias, linguaxes e estéticas.
Unha reflexión global sobre todo o devandito está aínda pendente de desenvolvemento. Tal tarefa reborda, con moito, o alcance dunha achega coma a presente. O ano pasado, Grial contribuíu á conmemoración dos 75 anos da Editorial Galaxia mediante a celebración de catro foros con cadanseu eixo temático. Os títulos dan idea da pertinencia dos asuntos tratados e da concepción de cultura en que se asenta a revista, como espazo de construción colaborativa tanto de cidadanía canto de imaxinario compartido: Cultura, artes e identidades, Sociedade, economía e territorio, Impacto social da ciencia e da tecnoloxía e Comunicación e novas tecnoloxías. As achegas, publicadas na propia revista, ofrecen elementos valiosos para un diagnóstico e algunhas propostas.
Referíame antes á experiencia da revista. Desde a súa fundación ata os anos oitenta, Grial era practicamente a única revista cultural galega, e dirixíase a un público moi restrinxido, porque en Galicia había moi poucos profesionais da cultura (xornalistas, docentes, etc.), mentres que, nun contexto de persecución da lingua e afogamento da cultura do país, a audiencia desta era mirradísima. Estaban vixentes políticas enérxicas de erradicación da lingua galega e de analfabetización masiva en galego, mais, ao mesmo tempo, unha ampla maioría da poboación o tiña como primeira lingua na fala. Os reducidísimos círculos cultos do país lían o galego aos poucos —era tarefa ardua— e escribíano ás apalpadas —era angueira titánica. No centro da cultura estaban dunha banda, a letra impresa, e doutra banda, o pensamento humanístico. Non é casualidade que o cerne e motor da Xeración Galaxia fose un grupo de ensaístas.

Portada número 1 da revista cultural Grial / FDV
En catro décadas, a situación mudou radicalmente. Temos unha cidadanía cun nivel educativo moi superior —medido en titulacións académicas—, e o segmento dos cincuenta anos de idade para abaixo estudou a lingua e a literatura galega. Pero este segmento xa non é maioritariamente galegofalante, valora e practica a cultura escrita moito menos do corrente noutros tempos, e atópase intensamente exposta a produtos audiovisuais (a maior parte dos cales alleos, cando non contrapostos, a calquera acepción razoable da palabra cultura), xa non da radio e a televisión, senón das redes sociais e internet. As devanditas características agudízanse, como é sabido, conforme baixamos nos tramos de idade. E, para máis, estamos descubrindo (se cadra demasiado tarde) que as tales redes son manipuladas por magnates firmemente decididos a sacrificar no altar do seu lucro persoal as liberdades cidadás, os tecidos colectivos de solidariedade o futuro da mocidade.
Por outra banda, o sector de profesionais da cultura medrou exponencialmente, igual que a cantidade de produtores e de produtos culturais, ao paso que se incrementou o número de publicacións, a tal punto que un ás veces ten a impresión de que o valume de textos difundidos é superior ao persoas dispostas a lelos. Isto é así, outras razóns, porque reina a especialización, que fragmenta as parcelas de coñecemento, as visións da realidade e os públicos, deixando pouco ou ningún espazo para a difusión do coñecemento e os espazos de diálogo ilustrado na esfera pública. Así, as reflexións ben fundadas e os debates argumentados fanse imposibles. Perante estas realidades, non se trata de entoar ladaíñas catastrofistas, senón valorizar o labor de iniciativas como Grial e este FARO DA CULTURA, cada unha no seu espazo, e de chamar a atención para a necesidade de mantelas, reforzalas e darlles todo o pulo que merecen e que precisan.
Suscríbete para seguir leyendo
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas
