Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As mesas infinitas

Figuración da narrativa galega do século XXI

De esq. a dta. e de arriba abaixo: Pedro Feijoo, Marilar Aleixandre, Xabier Quiroga e Emma Pedreira.

De esq. a dta. e de arriba abaixo: Pedro Feijoo, Marilar Aleixandre, Xabier Quiroga e Emma Pedreira. / FDV

O Efecto 2000 fai referencia á suposta cadea de erros informáticos que se ía producir coa chegada do século XXI, motivando un cataclismo tecnolóxico. Finalmente non aconteceu nada: aquel 1 de xaneiro os bancos, os hospitais e os marcapasos seguiron a funcionar correctamente. Non obstante, se nos fixamos na historia dalgunhas disciplinas artísticas, aínda ten sentido acreditar un certo Efecto 2000. O crítico Hal Foster, cando quixo estudar a evolución das prácticas artísticas europeas e norteamericanas do período 1990-2015, detectou que se volveran demasiado vastas e heteroxéneas para seren periodizadas historicamente. E o mesmo acontece, mutatis mutandis, cando pretendemos estudar a literatura galega deste primer cuarto de século. Só atopamos combinacións de autores e feitos literarios heteroxéneos que, cando adquiren unha determinada notoriedade, semellan enganadoramente representativos.

Agora centrémonos na narrativa de ficción. Arredor do 2010, os indiscutibles cabezas de cartel eran Manuel Rivas e Suso de Toro, cuxas literaturas xa distaban moito entre sí. Á altura de 2020, malia que ambos os dous seguían en activo, a narrativa galega xa non se comprendía sen as achegas de Ledicia Costas ou Pedro Feijoo, cuxas literaturas eran, non obstante, fenómenos mercadotécnicos. Ao mesmo tempo, a narrativa galega de hoxe vese condicionada polo boom das escritas femininas e do xénero negro, así como polos repuntes da ciencia ficción, a fantasía épica e as novelas comprometidas coa memoria histórica. Se collemos, ademais, cada unha destas categorías e as situamos nun portaobxetos de laboratorio, comprobaremos que os autores e autoras correspondentes proveñen de mundos estéticos moi diversos: que ten que ver As malas mulleres, de Marilar Aleixandre, con A boca da sombra, de Emma Pedreira? Que ten que ver Ninguén queda, de Brais Lamela, con Coa man esquerda, de Xavier Quiroga? Que ten que ver… Non fai falta acumular diferenzas até reducir a narrativa galega a unha sucesión de espellos enfrontados.

Por outra banda, volvendo ao colo de Hal Foster, cómpre lembrarmos que «a arte non é meramente unha cuestión de proxectos desconectados entre si […], senón que aínda se desprega mediante un continuo debater». Téndoo en conta, unha das formas máis coherentes de organizar a narrativa galega do século XXI sería partillala en debates, sen deixar de reparar en que tales debates sempre favorecen a polinización cruzada entre diversas tradicións, franxas históricas e sistemas literarios. Os debatentes repartiríanse en mesas. E os lados destas mesas estenderíanse cara ao infinito, garantíndolles un sitio a todos os vivos e os mortos que tiveran algo que achegar. Así poderiamos sentar Rivas, De Toro, Lamela e Quiroga nunha mesma mesa dedicada ás novelas comprometidas coa memoria histórica, e xuntalos con, por exemplo, o espírito de Xosé Fernández Ferreiro, autor de Agosto do 36. Durante o tempo de debate, os críticos rondariamos as mesas para poñer a orella e tomar nota das mellores intervencións, aquelas que, con sorte, resistirían a erosión dos mercados e a amnesia do público.

Polo demais, tamén poderiamos esperar a que os debatentes marchasen para escorrentar os fumes coa man e ler o futuro nos pousos do café. Leríamos o mesmo de sempre: que o futuro da narrativa galega depende das sorpresas que deparen os vellos e das achegas que realicen os novos. E da supervivencia, claro, do galego. Mentres este permaneza en pé, a nosa literatura continuará sendo un xeito de nos relacionar en nome propio co mundo e unha vía de participación nese foro de mesas sen remate visible. Se damos chegado á metade do século, xa revisaremos as teses de Hal Foster. Se damos chegado á metade de século, xa revisaremos as nóminas de nomes propios. De momento, felicitémonos polo recoñecemento crítico e comercial que os e as artífices da narrativa galega actual están a percibir dentro e fóra das nosas fronteiras.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents