Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

Herdar a Casa Grande

Memoria entre paredes

Fabio Rivas

«Estela é o final da saga das Estelas; despois dela, o nós só se conxugará en pasado. A estirpe de mulleres que aguantan con todo e casan novas con homes desapegados morrerá con ela.»

Non hai que fochicar moito na narrativa galega contemporánea para decatármonos de que a vivenda transcendeu a súa función habitacional para se converter nun receptáculo de silencios e nunha personaxe de seu. Con A casa grande, Olaia Sendón (Ourense, 1978) insírese nesta tradición das «novelas de casa» ao ofrecer unha obra que é, dalgunha forma, unha autopsia xeracional clínica e cun pouso de melancolía.

A trama, que parte da morte da matriarca e do proceso de baleirado físico da vivenda familiar, emprégase de pretexto para desenterrar os estratos de sedimentación emocional que definiron unha estirpe. O que en aparencia é a narración dunha mudanza actúa, en realidade, coma unha sorte de cirurxía de como o espazo doméstico sostén a idiosincrasia dunha liñaxe; o acto de desbotar obxectos transfórmase aquí nunha catarse necesaria para os vivos.

A estrutura polifónica serve como medio para contrastar cada unha das perspectivas das voces narradoras que, a través de diferentes obxectos —unha caixa de galletas, unha torta de mazá ou un secreter—, detonantes da memoria, nos falan do seu pasado común. Un dos eixes fundamentais da novela de Sendón é a crítica ao patriarcado como forza que fai invisible e lle dá forma á vida das mulleres. A figura do pai, o Milmáns, representa unha autoridade incontestable nunha vivenda sostida sobre os folgos das mulleres. Marcos, o fillo varón, recoñece que o seu pai era un tirano, mais el gozou dos mesmos privilexios de xénero desde o berce. Mentres a súa irma Estela se dedicaba ás angueiras do fogar, el podía permitirse sentar no sofá a ler, fomentando nel unha independencia que a ela se lle negaba.

A face máis escura do patriarcado déixase ver na historia de Paulina, a tía avoa asasinada durante a guerra. O seu crime foi dobremente borrado: primeiro pola violencia física dos verdugos e logo polo silencio da propia familia, que preferiu dicir que entolecera por mor dun home que admitir a atrocidade.

Por último, desde un punto de vista lingüístico, cumpriría darlle unha volta aos innumerables xerundios que enchen o texto e mais ao xa tan estendido emprego da fórmula ter + participio para traducir erroneamente os verbos compostos casteláns.

Imagen

A casa grande (2025)

Autor: Olaia Sendón

Editorial: Xerais

Precio: 17,95 euros

Redondela cultural

Unha nova entrega de SEREN

Lucía Seoane

Chega ás páxinas de FARO DA CULTURA o boletín número 9 de SEREN (editado polo Seminario de Estudos Redondeláns), que vén incluír os textos correspondentes aos anos 2021-2025, o que determina que se trate dun amplo volume que comprende un total de 245 páxinas. E faino SEREN, como así mesmo acontecía coas oito anteriores entregas, presentando un conxunto de moi interesantes e documentadas aportacións nos eidos da arquitectura, da antropoloxía e da etnografía, do espazo literario, das ciencias sociais... que, sen dúbida, han de resultar do agrado e do interese de todos os nosos lectores.

Así, ábrese este novo boletín co traballo da autoría de Antonio Soto sobre «Terra de Maniola. Unha vella división medieval esquecida» ao que lle seguen esoutros arredor de «O pazo de Xasamonde», da autoría de Xesús Antonio Gulías Lamas e «A igrexa de San Pedro de Cesantes á luz dalgunhas dúas visitas pastorais e o libro de fábrica», texto de José Martínez Crespo e Francisco Alvite Lago. Carlos Alberto Antuña – «Redondela na obra de Francisco Ávila y la Cueva» -, José Ángel Gesteira Pazos – «O xogo das escanículas» -, Almudena Suárez Cerviño e Dolores Míguez Montes – «Auga con nome de muller» - ou Manuel Costas Duarte – «Dous grandes vocalistas de Redondela: Llan e Blas» - son outros/outras dos autores que participan no número que estamos a comentar.

Vaian, en consecuencia, a nosa benviva e parabéns para unha publicación senlleira e de calidade.

Imagen

Seren (2025)

Autor: VV.AA.

Editorial: Seminario de Estudos Redondeláns

Conta os sensentidos

Homenaxe e reflexión

María Navarro

Un traballo escolar, unha lembranza e certa curiosidade están na base do volume que, baixo o título Alicia e a mestra de Oza, asina Paula Carballeira e publica Edicións Xerais de Galicia e que vén a ser unha homenaxe a todas aquelas mulleres que nuns tempos difíciles alzaron a súa voz contra os «sensentidos» dunha época na que a represión chegaba a todos os recunchos.

O diario é o formato elixido por Lola para que o alumnado vaia dando conta das reflexións, investigacións e demais pensamentos sobre unha muller especial nas súas vidas e así chega Alicia a coñecer a mestra de Oza. O camiño que percorre antóllase sorprendente polo que ten de misterio, de revelación, de secretismo e supón quizais un punto de inflexión na vida da protagonista, prodúcese unha recontextualización dos seres que están ao seu redor e tamén un certo impacto psicolóxico que anima ao lectorado a deixar de ser un observador pasivo que tenta unir pezas para pasar a averiguar as circunstancias e dar resposta ao porqué se producen tales feitos.

A proposta plástica de Iván R. -coa combinación de fotografías propias da época na que transcorren os feitos lembrados e imaxes desenfadadas que constitúen debuxos narrativos en branco e negro- suxire cotiandade e realismo cun certo matiz de introspección que fai pensar ao lector no seu pasado por ver se atopa tamén algún dato que revele ou explique quizais algún aspecto escuro ou escasamente explorado ao que se poida atopar xustificación.

Imagen

Alicia e a mestra de Oza (2025)

Autor: Paula Carballeira (Ilustracións de Iván R.)

Editorial: Xerais

Precio: 16 euros

Poema en plenitude

Inscritos nunha trabe de ouro

Oriana Méndez

Gonzalo Hermo regresa cun libro de «poesía extraordinaria» que vai máis alá do esencial, alén da visión: acada a transparencia. Un xesto de tenrura (Chan da Pólvora), recoñecido na XXII edición do prestixioso Premio Miguel González Garcés, contén as palabras necesarias para colocar a imaxe no seu xusto lugar.

Podería dicirse que no libro se desenvolve o tránsito do corpo ferido ao corpo que se recoñece. Desa viaxe, emerxe unha forma de clareza que se percibe dende o primeiro poema, «Rito de pasaxe», cando escribe: «camiño descalzo, sen vestixios da viaxe, / contando as pegadas que me separan do inverno». Alguén volve de algures. As capas vanse levantando sen présa. O tempo é o centro silencioso destes poemas, a estrutura profunda que organiza todas as experiencias: a infancia, a perda e tamén a esperanza dunha continuidade. E preséntase en tres dimensións que se complementan. O tempo é distancia que permite unha perspectiva sobre o vivido: «O mundo é grande cando o lembro». O tempo suspéndese e, nun intre, algo cobra sentido. A experiencia está fóra do pasado e do presente, fóra da cronoloxía, pois pertence a un tempo vertical: «cando a luz te sorprende nunha fraga e o tempo detén o seu camiño». O tempo é tamén unha oportunidade: ábrese cara ao futuro e a experiencia recomeza: «Tempo, sé xeneroso comigo».

Un xesto de tenrura é un neno tocado por un anxo e un adulto que lembra aquel instante. Os poemas afirman a identidade a través da familia, da perda, da memoria corporal e da lingua como espazo estable –«Só permanece a lingua do berce»–. Son poemas inscritos nunha trabe de ouro, alumearán o lector e permanecerán: «Escribo para atopar o xesto de tenrura que acariñe o meu corpo / medrando no tempo».

Imagen

Un xesto de tenrura (2025)

Autor: Gonzalo Hermo

Editorial: Chan da Pólvora

Precio: 19 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents