Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ilustracións para un país

As capas da Editorial Galaxia no MARCO

Obras expostas na mostra «Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia» no MARCO de Vigo.

Obras expostas na mostra «Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia» no MARCO de Vigo. / Eli Regueira

Inserida nas conmemoracións dos 75 anos da Editorial Galaxia, o MARCO de Vigo presenta a mostra Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia. A exposición repasa o percorrido visual da editorial viguesa seguindo a traxectoria dos catro responsábeis gráficos do deseño das publicacións: Xohán Ledo (1950-1979), Francisco Mantecón (1979-1985), Manuel Janeiro (1979-2010) e Hayat Husein (desde 2010 até o presente).

Moi atinadamente, o comisario, Xurxo Martínez González, incorpora unha escolma de obra pictóricas e escultórica de artistas centrais da arte galega do período do creación da editorial que influíron na concepción dunha imaxe ligada á configuración cultural de Galicia e presentes nas ilustracións e no deseño editorial. Estamos a falar de Carlos Maside, Luís Seoane, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Xosé Eiroa e Urbano Lugrís.

Neste ámbito expositivo salienta a presenza das capas deseñadas por Luís Seoane na década dos cincuenta para a colección «Monografías de Arte Novo» (1954-1957), onde o artista, que naquela altura vivía exiliado na Arxentina, fai un uso sintético e requintado da cor, cunhas capas monócromas que vibran como horizontes cromáticos que funcionan como limiares da obra dos artistas que protagonizan os libros. Estamos perante exemplos ben representaivos do extraordinario labor de grafista do grande pintor galego.

A destacar tamén neste ámbito da exposición a presenza de Xaime Isla Couto, autor do primeiro logo da editorial e figura central no proxecto de Galaxia cabo de Francisco Fernández del Riego ou Ramón Piñeiro. Isla Couto é homenaxeado ao estar presente o retrato del que realizou Carlos Maside, un óleo que entendemos entre o mellor da retratística galega do seu tempo.

Este mundo referencial, ligado ao Movemento Renovador da Arte Galega é o do primeiro deseñador de Galaxia, Xohán Ledo (1917-2006), un artista fiel aos mesmos principios figurativos e aos mesmos motivos temáticos dos seus grandes referentes: Carlos Maside nomeadamente, mais tamén Luís Seoane.

Nas súa capas e ilustracións percibimos a reelaboración de temas populares, exentos de todo folclorismo, tratados con solidez, rigor formal e equilibrio, e, á vez, cheos de cor e lirismo, cuns matices que dotan as obras dun ar entre fauve e naif, froito dunha liberdade na maneira de afrontar o traballo creativo que é onde reside unha das súas principais virtudes.

A influencia de Maside evidénciase no vigor da composición e na expresividade do debuxo, así como na exaltación da cor e da luz, trazos que caracterizaban a pintura madura do autor de Pontecesures e que se poden percibir na obra de Xohán Ledo desde comezos dos cincuenta, cando inicia o seu traballo de deseño e ilustración para o proxecto editorial de Galaxia.

Exposición «Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia». MARCO de Vigo. Febrero 2026. Eli Regueira

Outra parte da exposición. / Eli Regueira

Novos deseños

Os deseños de Mantecón e Janeiro presentan o paso ao novo mundo do deseño gráfico moderno. Neste sentido cómpre lembrarmos que Mantecón foi tamén un destacado pintor e nos seus deseños é evidente o coidadoso e elaborado tratamento formal, a súa paixón pola recta, pola precisión construtiva, ese colocar unha liña ligada ao espazo cunha total elocuencia, ao que une un uso singular do trompe-l’oeil, da transparencia que abre e define simultaneamente o espazo.

Poderiamos falar, referíndonos a estes aspectos, da procura dunha identidade de razón xeométrica e ritmo poético, realidade que se pode percibir no conxunto do seu traballo, en especial nalgunhas series dos oitenta -cando traballa de deseñador de Galaxia- e elabora un tipo de deseño que salienta polo coidado formal e a acentuada vontade de rigor.

Finalmente, cómpre destacar o rigoroso traballo da actual deseñadora de Galaxia, Hayat Husein, que nos sitúa no deseño gráfico publicitario actual, marcado pola vontade de suxestión da imaxe, o carácter sintético, a utilización de bancos de imaxes e a aplicación de técnica informáticas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents