Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Territorial e orgulloso

O «Disco Comarcal» da Familia Caamagno

A Familia Caamagno ao completo.

A Familia Caamagno ao completo. / David Silva

V. Neira

Disco Comarcal: tal vén ser o título do novo traballo da Familia Caamagno. Con el, os de Sigüeiro veñen celebrar, ademais, os seus primeiros quince anos de percorrido musical polos nosos palcos, xa consolidados entón como un dos proxectos máis sólidos e persoais da nosa escena e sempre amarrando ben o discurso nese son tan recoñecible e perfectamente artellado arredor da denominación de orixe Oroso.

E velaí que os Caamagnos nos propoñen outra volta de torca de lírica territorial e orgullosa de saber de onde veñen e probablemente tamén cara onde van. Trátase, pois, do comarcal como centro do mundo e como hábitat natural desa especie oitenteira con tanta historia, tanta amizade e un anecdotario tan infinito como vivido. Trátase asemada da sensación de pertenza a un lugar e a un tempo que abofé que eles levan tamén consumido en vaso de tubo e cegados polo neón e mais o estrobo.

Os Caamagno fálannos de bares, de discotecas, do traballo, do paso do tempo, de horas que van e veñen, de días debullados entre rutinas, de noites apoiados nunha barra e de presentes que queren máis luz e menos nubes sobre o tellado. E é precisamente aí onde este «disco comarcal» se torna delicioso e perfecto para degustar a pequenos grolos, moi amodo, gastando conto cos aliados do disco-pub pero tampouco sen deixar que as pedras de xeo se derritan de todo e nos augen demasiado os tróspiros.

Luminoso e con guitarras que chispean o xusto, este Disco Comarcal abrolla entre unha sorte de melodías, harmonías e esqueletes rítmicos tan pop como queren. Sen demasiada ornamentación para a galería pero intensos cando a situación o precisa. Como unha cassette nun Orión disparando cancións que abren o melón do existencialismo menos «cool» pero si definitivamente máis cercano e engulido.

Cancións tan redondas, xa que logo, como a que outorga o título ao traballo, pezas tan pegañentas como «De paseo en Portugal», ou «Segnor do pasado»; pezas coa trepidación acesa a golpe de bombo, caixa e timbal como «Bomba de calor» ou «Milagre económico» e pezas tan gozables como as nosas preferidas «Xa sei quen dis» ou «Antigos astronautas» fan do traballo unha pílula de enerxía positiva e de vitamina D recomendable por calquera médico de cabeceira que se prece. Oito cancións que funcionan xenial tirando as unhas das outras e conformando a mellor entrega dunha Familia Caamagno que soa máis engraxada e convencida que nunca.

Retranca a saco, claro, pero tocando o botón xusto para que o conto se manteña sempre co punto de mira claro e estable. Un disco que coloca o grupo un chanzo máis arriba nesa concepción orgánica dunha escena galega que, comercialmente falando, cada vez parece máis alonxada dos vellos rituais rockeiros e popeiros.

Gravado e producido por Raúl Pérez, nos estudios granadinos La Mina, o Disco Comarcal xa está preparado para poñernos a bailar nuns directos onde a Familia Caamagno abofé que repartirá diversión, retranca e rock de destilería con etiqueta, alonxado do garrafón, si, pero seguro que disposto a deixarche unha boa e merecida resaca. Mentras búscao polas plataformas e vaite aprendendo as cancións para ser o máis enterado nunhas presentacións nas que máis vale que leves calzado cómodo.

Javi Maneiro, músico.

Javi Maneiro. / Cedida

Maneiro e Heredeiros

Maneiro deixa os Heredeiros da Crus despois dunha ducia de discos publicados xuntos e dun monllo de e concertos ás súas costas. Dende o ano 1992 no que comezaban a ensaiar xuntos en Castiñeiras (Ribeira) e dende aquel iniciático concerto na tradicional Festa da Dorna, Javi xunto aos Heredeiros convertéronse nun fenómeno músico-social nunca visto por estas terras cunha banda de rock como protagonista.

Cunha actitude sempre provocativa, unha calidade musical tan certeira como sobresaínte e cunhas letras que non deixaron a ninguén indiferente, os Heredeiros conquistaron varias xeracións de galegos e galegas que nunca faltaron á chamada cerimonial dos seus concertos, sendo un dos capítulos máis inusuais e extraordinarios da nosa escena musical ao longo das últimas tres décadas.

Agora o seu vocalista baixase do carro argumentando que xa non se sente cómodo cantando esas cancións e ese xeito de expresar -que foron marca da casa e do exitoso camiño da formación- xa que agora quere percorrer outros carreiros que no grupo tiña difíciles de explorar.

De aquí en adiante oxalá teñamos uns Heredeiros sen Javi e coa forza de sempre e un Maneiro inmerso na súa aposta para aportar o seu xeito de facer música, persoal e libre de ataduras, como xa deixa ver na súa primeira entrega despois da separación do grupo cunha canción titulada «A miña mellor versión» e que funciona como unha auténtica e, hai que dicir, magnífica declaración de intencións.

Os divorcios sempre son cousa de dúas partes, case sempre difíciles de dixerir e incluso dolorosos pero os demais nin para dar tabaco debemos estar. Se tal, lembrar os concertos gozados con eles xuntos e agardar a que por separado continúen a repartir tanto solaz como poidan a unha parroquia que sempre os tivo no seu olimpo musical.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents