O cantar dos cegos
Unha aposta polo patrimonio inmaterial

O cego de Padrenda (Castelao, 1910) / Museo de Pontevedra
Maruxa Gestoso Álvarez
Os cantares de cego foron composicións populares, da man dos propios invidentes, ou de mendigos ambulantes, que percorrían feiras, romarías, as prazas das vilas…, cantando e contando historias chamativas. A pesar de que a tradición puidera vir de máis lonxe, a primeira referencia escrita que temos sobre tales cantares aparece recollida por frei Martín Sarmiento quen, no seu labor de dignificación do noso, menciona os cantares de cego como parte da cultura popular galega aló no século XVIII.
Logo, xa no XIX e XX tiveron moita sona; gustaban de historias macabras e sensacionalistas: narraban asasinatos, crimes ou accidentes; cantaban guerras e feitos históricos; falaban de amores desgraciados; relataban milagres, lendas e feitos extraordinarios.
Era habitual, daquela, que os cegos vendesen os pregos coas letras dos cantares como medio para gañar a vida. Ás veces acompañábanse dalgún instrumento musical como a zanfona, sobre todo, ou do violín; de xeito menos frecuente, tamén da pandeireta.
Por vía de regra, aparececían sós mais as veces tamén podían relatar as súas historias acompañados do seu lazarillo, que os podía axudar con algunha percusión. Dalgúns deles chegaron ata nós os seus nomes: José Martínez, o Cego de Ourense; Manuel Fernández, o Cego de Tui; doutros tan só os seus alcumes: o cego de Gondomar, o de máis sona do Val Miño, o cego de Padrón, que vendía follas impresas; o Cego de Lugo, acompañado do seu lazarillo…
Se nalgún momento foron considerados un xénero menor, cómpre que recoñezamos todo o que lles debemos: axudaron ao mantemento do galego como lingua viva nos peores momentos, cando foi silenciado, perseguido e desprezado; achegáronnos os sons daqueles tempos permitíndonos coñecer os gustos populares da música de noso de hai douscentos e trescentos anos; e son unha fonte valiosísima de información para coñecer a mentalidade e a vida cotiá da Galicia tradicional durante todo ese tempo.
En 1986 faleceu o derradeiro dos cegos tradicionais, o señor Florencio, O Cego dos Vilares e con el remata toda unha importante tradición do noso patrimonio cultural inmaterial.
Mais a historia non remata aquí. Afortunadamente, a musicóloga Dorothé Schubart- aínda non sabemos os galegos e galegas todo o que a esta muller debemos- pasou unha tempada na nosa terra e entre as súas recolleitas de cantares puxo os seus ollos tamén nos cantares de cego. Á canda de Antón Santamarina, ambos recompilaron unha morea de romances que, doutro xeito, estarían hoxe perdidos no esquecemento.
E xunto a eles, coma non, Mini e Mero, ou sexa Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias, dous referentes claves da música tradicional. Comezaron formando parte de Fuxan os Ventos e adicáronse profundamente á recollida, estudo, divulgación e recuperación da tradición oral galega.
Grazas a eles podemos hoxe falar da recuperación do romance de cego como xénero literario, cunhas características determinadas -texto longo, narrativo, repetitivo,...- e cunha clara función informativa pero tamén moralizante. Todo iso sen esquecer o importante labor divulgativo con multitude de charlas, recitais, visitas a escolas e centros culturais.
E se de difusión falamos, non podemos deixar de nomear os novos cegos, os actores e actrices que desenvolven hoxe o papel por feiras, vilas ou mesmo polo Camiño de Santiago. Xentes coma Luís Henrique Correa, o Caruncho, coñecido músico e regueifeiro que en espectáculos de cantar de cego se converte no Cego de Matamá e que, xunto coa súa guía Chus Iglesias, interpreta os seus romances.
Ou Anxo García e Ignacio Vilariños, integrantes da compañía de monicreques Seisdedos, que percorren o Camiño cantando e recuperando o Bululú, un xénero teatral ambulante onde uns monicreques acompañan as historias do cego. En definitiva, xentes que fixeron e fan no seu labor cotián que poidamos seguir disfrutando da cultura popular e que podamos seguir coñecendo quen somos.
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas