Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cicloliteratura

De letras e bicicletas

Fotograma de «O ladrón de bicicletas» (1948).

Fotograma de «O ladrón de bicicletas» (1948). / Arquivo

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Armando Requeixo

Armando Requeixo

Un amigo moi querido, Vicente García Martínez, que foi ciclista profesional e fatigou as estradas da Iberia cos Álvaro Pino, Pedro Delgado e outros mitos do ciclismo peninsular e que aínda hoxe, na sesentena, roda oitenta quilómetros diarios, tenme preguntado en máis dunha ocasión ata que punto o mundo da bicicleta orixinou memorables fitos literarios. Estas liñas queren responder a esa curiosidade e tentan espellar o fascinio que, dende a primeira hora, cativou os máis diversos autores para facer dos velocípedos os protagonistas da súa escrita.

Hoxe sabemos que foi o barón alemán Karl Drais Von Sauerbronn quen en 1817 creou un primeiro vehículo de paseo con ciclos que serviu para que a xente adiñeirada puidese desprazarse e enredar polos xardíns e parques da Europa daquel tempo. A súa «máquina andante», que así a chamou, foi logo mellorada por outros ata que John Starley en 1885 fabricou a que podemos considerar a tataravoa das actuais bicicletas. Mais antes diso xa andaba Mark Twain montado nunha Highwheeler ou Grand Bi, un prototipo inventado en 1869 polo tío de John, o inventor James Starley. James creou un biciclo cunha xigante roda dianteira e unha pequena roda traseira que entusiasmou a Twain, quen aprendeu a andar nela a base de dar zoupadas e non dubidou no seu ensaio Domando a bicicleta (1884) en recomendar: «Consegue unha bicicleta. Non te arrepentirás... se vives».

E tamén foi un gran pedaleador Tólstoi, quen deprendeu a andar en bici cando tiña xa 67 anos. Fíxoo nunha Safety que lle regalaran dende a Sociedade Moscovita de Amantes dos Velocípedos e, para poder andar nela, tivo mesmo que tramitar unha licenza para rodar pola capital do país. Agora ben, a cicloliteratura máis sinalada escribiuse dende mediados do pasado século ata os nosos días e, malia haberen inesquecibles poemas dedicados ao velocípedo (poño por caso, a «Balada da bicicleta» de Alberti ou a «Oda á bicicleta» de Neruda), é no eido narrativo onde alcanzaron maior fama.

Quen non lembra ese monumento cinematográfico que é O ladrón de bicicletas (1948) de Vittorio de Sica? Pois ben, ese clásico do neorrealismo italiano levou á gran pantalla a novela homónima publicada dous anos antes polo pintor e novelista Luigi Bartolini. E se Bartolini describía pesaroso os tres roubos de bicis que sufrira nos duros anos que seguiron á II Guerra Mundial e o Luisito de As bicicletas son para o verán (1977) de Fernando Fernán Gómez soñaba tamén no aciago 1936 cunha bicicleta, distinta era a memoranza ciclista que tiña Henry Miller, quen en A miña bicicleta e outros amigos (1978) recordou a intensa relación que tivo dende pequeno coas bicis, en xeral, e coa súa, en particular, á que cualificou como a «única e verdadeira amizade», ata o punto de coidala con máis meco que se fose un Rolls Royce.

Singular, sen dúbida, é a visión dos velocípedos en A revolución en bicicleta (1980) do arxentino Mempo Giardinelli. que relata a historia de Bartolomé Gaite, un exoficial do exército do Paraguai que agarda no seu ‘cabalo de aceiro’ a oportunidade para unha insurrección armada.

Sensación inusitada é tamén a que causa na novela do alemán Uwe Timm O home do velocípedo (1984) o taxidermista Franz Schröder, quen circula polo Coburgo de fins do século XIX nun estraño enxeño que non é senón un biciclo da época, o que acabará por desatar unha pequena revolta entre os partidarios do velocípedo e os da bicicleta baixa nun relato cheo de humor e fantasía.

Remato. E fágoo con dous títulos cicloliterarios ben distintos: dunha banda, esa marabilla da prosa que é A miña querida bicicleta (1988) de Miguel Delibes, unha narración na que o xenio valisoletano conta as súas experiencias ciclistas dende a nenez, nun tempo no que as bicis non tiñan marchas, pero si matrícula, e onde a escaseza de coches facilitaba o pracer de pedalear sen temor. E, doutra parte, non quero deixar de mencionar a recente Sócrates en bicicleta (2021) da autoría do ciclista e filósofo Guillame Martin, unha peza de ciclosofía que fabula un Tour de Francia que é, en realidade, unha carreira intelectual con equipos que son países e non marcas, e onde o equipo grego está conformado, á parte de por Sócrates (líder do equipo e vencedor da Rolda dos Cárpatos e do Tour do Peloponeso), por Platón (gregario de luxo) ou Aristóteles (campión do Tour de Macedonia), que rivalizan co equipo xermano, constituído por Kant, Schopenhauer, Hegel, Husserl ou Leibniz, comandados nada máis e nada menos que por Einstein, quen consegue convencer a Nietzsche para que corra con eles, pero tamén a Marx e Freud.

Por Galicia

Galicia é tamén terra de ciclistas tanto coma de escritores. Que llo digan senón ao Carlos Casares de Lolo anda en bicicleta (1996), o rapaz que ás agochadas subía á bici de seu pai no garaxe da casa. Ou que llo conten a Serafina, a protagonista de A filla do ladrón de bicicletas (2011) de Teresa González Costa, que quere ser equilibrista nun circo subida á súa Celerífera. Ou que llo discutan a Mundo, o neno que pedalea na bici dun celador de telefonía na Historia da bicicleta dun home lagarto (2014) que fantasiou Fina Casalderrey. En todas tres a nosa mocidade deixa voar os soños derriba de velocípedos, sinal de que, dende ben noviños, nesta terra nosa imántannos as letras e os ciclos. E que sigamos rodando.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents