Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A fonte da Casa da Inquisición de Corzáns

Un «locus amoenus» en Salvaterra de Miño

Portalón monumental da Casa da Inquisición de Corzáns.

Portalón monumental da Casa da Inquisición de Corzáns. / Alberte Reboreda.

A Casa da Inquisición de Corzáns, en Salvaterra de Miño, érguese como unha sombra elegante da historia. Construída no século XVII, foi residencia de membros vencellados ao Santo Oficio, aínda que máis como símbolo de poder que como cárcere de tormentos. A súa arquitectura señorial, con muros robustos, escudos heráldicos baixo capelo e patio interior, fálanos dunha época na que fe, privilexio e nobreza eclesiástica camiñaban da man. Esta casa grande rural conserva ecos de segredos, xuízos murmurados e vidas observadas dende as xanelas de pedra. É memoria feita granito, historia que respira.

O conxunto destaca, sobre todo, polo seu colosal portalón de acceso, un limiar de pedra entre dous tempos. Construído en sólida cantería granítica, imponse pola súa sobriedade e equilibrio, máis propio do poder que da ostentación. O gran arco de medio punto, perfectamente doelado, abre paso como unha boca silenciosa que durante séculos viu entrar autoridade, pasos medidos e decisións graves. O seu promotor foi Bartolomé Barbeito y Padrón, veciño de Corzáns, doutor en dereito canónico e primeiro inquisidor do Tribunal de Galicia.

A apenas cen metros ao suroeste da casa, atopamos unha fonte monumental escavada na terra que conserva muros de cantería finamente labrada e unha elegante planta en U. Este manancial é coherente co propósito da casa, erixida en 1688 como lugar de repouso para cregos pobres da familia do inquisidor «i vecinos de esta feligresía a falta de aquellos», segundo reza unha inscrición.

O Concello de Salvaterra vén de acometer as obras de rehabilitación integral deste manancial que consistiron na desmontaxe do muro frontal, a retirada da vexetación que o abafaba sen control e a reconstrución do muro de contención lateral esquerdo. O propósito foi asegurar a estabilidade estrutural e recuperar este espazo singular onde a historia e a utilidade conviven, mantendo a fonte viva e en uso.

Este nacente extraordinario é agora un auténtico locus amoenus, un motivo literario clásico que describe os lugares idealizados, harmónicos e pracenteiros, normalmente na natureza. Caracterízase pola presenza de árbores, sombra, auga e unha atmosfera de calma e beleza, converténdose nun espazo de refuxio, reflexión e descanso. Presente xa na literatura grecolatina, este lugar ideal perdurou ao longo dos séculos, especialmente na poesía medieval (recordemos a «fontana fría» da que falaba Pero Meogo nas súas cantigas) e renacentista, como escenario simbólico onde o ser humano se reconcilia co mundo e consigo mesmo.

A fonte, escavada na terra, preséntase como un pequeno santuario de pedra, descanso e silencio na que soportar as abafantes tardes de verán. Os seus muros de cantería pechan un espazo fresco e recollido, onde a auga repousa nun pequeno estanque / lavadoiro de escasa fondura, cuberto de follas e memoria. Na parede principal ábrense catro ocos rectangulares organizados de forma piramidal: tres deles son antigas fresqueiras, pensadas para resgardar bebidas e alimentos da calor estival, aproveitando a humidade constante do lugar.

Cando estivo en uso, alá polos séculos XVII e XVIII, cada fornelo estaba pechado por unha porta de madeira enrasada coa pedra, discreta e funcional. Daquela, a fonte non era só lugar de abastecemento, senón tamén unha extensión doméstica soterrada concibida para o ocio e o benestar, onde a arquitectura e a vida cotiá dialogaban ao fresco coa natureza.

O interior desta singular peza arquitectónica acolle tamén un banco corrido pensado para o descanso simultáneo de varias persoas. O muro frontal, conformado á imaxe dun retablo pétreo, aparece dividido horizontalmente, ao igual que o portalón monumental, por unha imposta horizontal que organiza simetricamente os catro ocos do seu frontis.

Detalle da fonte e das fresqueiras da Casa da Inquisición de Corzáns. Salvaterra de Miño. Alberte Reboreda

Detalle da fonte e das fresqueiras da Casa da Inquisición de Corzáns. / Alberte Reboreda

Fresqueiras e arquitectura

Nas casas que dispuñan de fresqueira, esta localizábase con frecuencia no exterior da cociña, debaixo da escaleira ou na adega. Esta modalidade de fresqueira móbil é a que Eladio Rodríguez (1958-1961) define como unha «especie de jaula de alambre para conservar frescos algunos comestibles», a mesma que aparece en boca de Carmen, a protagonista de Cinco horas con Mario (1966), a obra de Miguel Delibes.

Pero as tres fresqueiras da fonte de Corzáns son bens arquitectónicos, non mobles, polo que casan mellor coa definición que ofrece Rivas Quintas (1988): «Aparador, lacena con tea metálica para deixar alimentos, de uso antigo (...) fresqueira, refrixeradora». Esta fresqueira abríase con frecuencia no muro norte ou leste das casas para aproveitar o efecto do movemento natural do aire frío (por ser máis denso, tende a abaixar) e conservar así bebidas e alimentos que requiren dunha refrixeración lixeira.

A función destas lacenas ventiladas era, xa que logo, situar nelas potes, xerras con bebidas e pratos con alimentos. A proximidade da auga garante frescor constante para todos eles sen necesidade de mollalos directamente. En resumo, as fresqueiras integradas nunha fonte, como esta de Corzáns, son en Galicia unhas raras estruturas hidráulicas destinadas á conservación natural de alimentos, baseadas no aproveitamento da auga de manancial, da sombra e da inercia térmica da pedra.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents