Retrato de Álvaro Xil
Petando na conciencia dun pobo

Álvaro Xil en Lugo, 1924. / Arquivo Municipal de Lugo
O Museo Provincial de Lugo constitúe unha visita obrigada. Tanto como o é percorrer a muralla romana deica sorprender as altas torres catedralicias que Luís Pimentel, poeta amado por Dámaso Alonso, ollaba ao lonxe nos seus paseos nas aforas da urbe. Que poesía tan viva, fráxil como rosa de cinsa.
Nesta cidade, de fría xeografía e amable anchura, precísase un tempo xeneroso para visitar cada sala do museo. Os mosaicos; o «carneiro alado», peza cume da ouriveiría celta; os voluminosos elos da «Mariscala» onde Pardo de Cela foi agrilloado antes da súa execución; ou as coleccións de pintura fan unha batería de atractivos motivos para o amador da arte e do saber.
Este espazo débelle moito a Álvaro Xil, quen aló naceu en 1905 preto da porta de Santiago. Alistouse na herdada tarefa militante de petar na conciencia dun pobo para que esperte e ao abrir os ollos mire ante si unha nación en obras, como debuxou Castelao. De certo, Xil encamiñouse a este cometido. Na revista Ronsel, símbolo do vangardismo da Xeración do 25, iniciouse cun artigo dedicado ao seu veciño e amigo Xesús Corredoyra. Trátase dun pintor dun manierismo próximo ao Greco, se me permiten a licenza xenerosa. Reparen Vdes. neses dedos alongados do retrato que fixo de Castelao ou dos fondos de tebregoso misterio no óleo de título Santeiro. Dígase así mesmo que a súa irmá María é de igual mérito. Vaian ao referido museo, pois, para xulgaren esta humildísima opinión.

Vista exterior do Museo Municipal da capital luguesa. / Arquivo Municipal de Lugo
Arredor deste círculo intelectual, Álvaro Xil fórmase na disciplina non regrada de Galiza como tarefa. Así o resumiu Paz Andrade quen, anos despois, dedicaría a Xil un poema en lembranza do seu paso como preso por San Simón, campo de concentración franquista.
Álvaro chega a Pontevedra na Misión Biolóxica capitaneada por Cruz Gallástegui e compartida co enxeñeiro Basanta. Entón era a boa vila un fervedoiro político-cultural ao cal non foi alleo o mozo lucense que fixa lazos con Alexandre Bóveda. Por iso, nas cartas escritas ao saber da súa condena a morte, redacta: «Querido Basanta: «Cunha forte aperta de despedida, que lle prego faga extensiva a Xil e a tódolos irmáns, o prego de que non se esquenza dos meus».
Tras ser liberado de San Simón, Álvaro vai traballar nas empresas dos irmáns lucenses Fernández López. Comeza daquela unha exitosa traxectoria empresarial: Zeltia, Pescanova, Frigsa…
Ao coñecer este rostro da abundancia económica, puido escoller o esquecemento e adxurar do compromiso coa patria. Non o fixo. Persistiu no deber dende unha posición reservada pero activa como demostra Ricardo Gurriarán na voluminosa biografía publicada pola Xunta e mais o Foro Enrique Peinador. Unha obra, ben documentada e ilustrada con fotografías, que relata as súas silandeiras contribucións: a protección a Ramón Cabanillas, Lorenzo Varela ou Celso Emilio Ferreiro; a axuda a Virxinia Pereira, así como a recuperación da obra de Castelao; a colaboración co Laboratorio de Formas e Museo Maside; a aposta financeira na Editorial Galaxia; ou o patrimonio en pintura e arqueoloxía que o Museo de Lugo ofrece de balde ao público.
Unha homenaxe
Meses atrás fíxoselle homenaxe na praza natal e lembrouse a importancia do Congreso de Economía de 1925. Aquela iniciativa manifesta un tecido empresarial (de baixa cotización) con vontade de tecer país, pensar país, construír país.
Xil é, ademais, peza na reconstrucción do Partido Galeguista tras a guerra. Piñeiro, destacado a Madrid en misión política aínda hoxe discutida, ten nel o apoio económico. Incluso, tras ser preso, foille de axuda coma Ben-Cho-Shey e Isabel Algarra.
Gurriarán tamén pon na mesa un debate moral obvio como é compartir a militancia clandestina e á vez residir entre círculos económicos franquistas. A cuestión está para valorar e debater prro cómpre documentarse antes das soflamas lapidarias. Por iso, os libros como os museos son e serán aliados do saber; e o saber achéganos á verdade.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los profesores rechazan participar en las excursiones por el mal comportamiento del alumnado
- El virus sincitial releva a la gripe como principal causa de ingreso en Medicina Interna
- Argentina identifica a un barco gallego por un posible caso de «pesca ilegal»
- ¿Por qué Marruecos complica cada vez más las cosas a la conserva gallega y Chile compromete a los bateeiros?
- Prohibida la circulación de camiones por la A-52 entre Ourense y Ponteareas desde este viernes y hasta nuevo aviso ante la previsión de nevadas por Ingrid
- El despido de una trabajadora con la que se casó dos meses después termina en sanción por fraude
- Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia: «Hay indicios de que en la segunda quincena de febrero podría dejar de llover»
- La solidaridad en Xinzo: bares y panaderías llevan provisiones a los ganaderos que protestan en la A-52