Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un mapa para ler Galicia

As paisaxes culturais de noso

Vista da Panificadora de Vigo.

Vista da Panificadora de Vigo. / Elías Regueira

Galicia é unha constelación de lembranzas. Un territorio no que, cada monte, camiño e lugar agocha parte dunha historia entrelazada. É memoria; ás veces, invisible a simple vista. Mais ese patrimonio espállase polo país alén dos grandes monumentos. Debuxa vivencias que aínda resoan grazas ao recordo, á transmisión oral e ao compromiso dos que traballan por conservalo. Nesta noite estrelada, ponte etérea entre os fragmentos históricos e o devir futuro, as novas tecnoloxías xogan un papel fundamental.

É precisamente a medio camiño entre o pasado e o presente onde se sitúa a aplicación web impulsada por patrimoniogalego.net, unha ferramenta colaborativa que convida a percorrer Galicia desde outra perspectiva. A través do teléfono móbil pódense explorar as paisaxes culturais que nos rodean e descubrir, sobre o propio mapa, os 620.000 bens catalogados ata o momento: desde xacementos arqueolóxicos e arquitectura relixiosa ata pezas etnográficas, fontes, minas ou elementos inmateriais, como oficios, tradicións ou vestixios da nosa propia herdanza oral.

Interpretar o lugar que habitamos é a premisa fundamental desta plataforma, desenvolvida polo xornalista Manuel Gago Mariño. Para conseguilo, combina tecnoloxía, coñecemento compartido e memoria. A experiencia complétase ademais co Inventario do Patrimonio Galego, elaborado pola Xunta, e unha capa de microtoponimia procedente do proxecto Galicia Nomeada, impulsado pola Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa administración autonómica. Con todo, o papel das persoas usuarias é clave para acadar o éxito. O resultado? Un mapa vivo, de 14.000 recursos visibles actualmente na plataforma, no que converxen fontes institucionais e achegas cidadás.

Agora ben, a realidade aumentada e a Intelixencia Artificial abren as portas das infinitas posibilidades. Grazas a estas ferramentas, o usuario pode identificar os elementos patrimoniais da súa contorna inmediata e interpretar mellor a paisaxe cotiá que a acompaña. Se paseamos por López Mora, poderemos observar o escudo que coroa a rúa e que moitas veces pasa desapercibido. «É unha placa única na cidade, por técnica e autoría, que estivo a piques de desaparecer ao derrubar o edificio onde se localizaba anteriormente», explican desde a plataforma. Así, este apoio permite engadir capas de significado ao situar cada espazo no seu contexto histórico e cultural.

Salinas do Areal

Salinas do Areal / patrimoniogalego.net

Lugares aparentemente baleiros, como montes, antigas leiras ou cruces de camiños, revelan a presenza esquecida de muíños, restos de actividades forestais ou estruturas ligadas aos usos e tradicións. En Vigo, a app rexistra espazos naturais como o Brañal da Bouza e informa sobre as condicións meteorolóxicas na zona, ao tempo que amosa as diferentes especies de aves e árbores que nos atoparemos polo camiño. Ofrece tamén información detallada da panificadora viguesa, as salinas romanas da rúa Rosalía de Castro ou a Mina de Neptuno. Sen unha cronoloxía exacta documentada, esta mina subministraba auga a varias fontes do interior das murallas do casco vello vigués. Ademais, posuía unha imaxe pétrea de Neptuno (1795) que hoxe viste os xardíns do Pazo Quiñones de León; e faino coma se sempre estivese aí.

Este catálogo social comezou o seu percorrido no 2011 coa vontade de afrontar unha das principais problemáticas da cultura: o descoñecemento. Polo tanto, convértese nunha ferramenta de difusión, aberta e dinámica, que conta coa participación cidadá como garantía de futuro. Lonxe de ser un inventario pechado, vive en constante construción. Iso si, o verdadeiro reto está en empregar estas tecnoloxías sen perder a dimensión humana que define o patrimonio; entendendo a cultura como un proceso e non como un dato illado na inmensidade da rede.

Panel publicitario de Pedro Domecq en Vigo.

Panel publicitario de Pedro Domecq en Vigo. / patrimoniogalego.net

Vigo, no mapa da memoria

Entre o número 1 e 3 de Policarpo Sanz atópase unha das paisaxes histórico-culturais máis curiosas de Vigo: o panel publicitario de Pedro Domecq. Configurado por un azulexo cerámico de boa calidade, amosa a pé de rúa a estética propia da primeira metade do século XX. O anuncio leva no mesmo lugar desde 1926, despois de ser «fabricado pola empresa La Valencia Industrial con base no esbozo dun debuxante xerezano de apelido Gómez», explica patrimoniogalego.net.

De compras por Príncipe ou visitando as famosas luces do Nadal da cidade, máis dun observaría o león de formas tridimensionais e o rótulo que claramente informa: «Vinos y coñac Pedro Domecq. Jerez de la Frontera». O que non se le é o tempo. Cen anos despois, a urbe é ben distinta. Sen ir moi lonxe, naquela época, o edificio que contén o Museo do Marco aínda era un cárcere e a rúa estaba dividida polo tranvía.

A tecnoloxía permite botar unha ollada atrás e interpretar os anos que construíron esta paisaxe urbana. «Os valores artísticos do panel, así como o zócalo pétreo que lle serve de peana, foron suficientemente representativos e valiosos como para ser incluído no catálogo do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) do Concello», engade a plataforma dixital. Protexido na actualidade cun biombo de cristal, é testemuña dos distintos tempos que converxen no presente.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents