Libros destacados da semana

FdV / FdV
VV. AA.
Contos de reclusión na cotiandade
Elegantes e irónicos
Fabio Rivas
«E con este último misto, aproveitando os restos de fósforos do lateral, entende por fin o propósito da súa colección. Antonia prefire que a lembren por suicida e pirómana antes que como nai dun drogadicto». Polo momento poucas obras destinadas a un lectorado adulto publicou Cuarto de Inverno. Contamos algunha peza teatral, algún poemario e un par de ensaios. En consecuencia, o lanzamento deste Carnívoras e domésticas, que xusto vén de se reimprimir, significou a súa primeira publicación dun libro de relatos.
Se por algo lle teño un grande agarimo á editorial é precisamente polo coidado co que tratan cada volume, polo devezo de publicar pouco pero publicar ben, para asegurarse de que cada libro que saía do prelo sexa un pequeno artefacto xeitoso pero contundente. Neste caso, os contos veñen acompañados por ilustracións de María Montes.
Sobre as dificultades de traballar co relato curto xa moitos escribiron antes: a condensación, a necesidade de suxestión máis que de desenvolvemento, o delicado equilibrio entre o que se di e o que se cala fan do conto un xénero especialmente esixente, tanto para quen escribe como para quen le. Jorge Rodríguez (Vigo, 1993) ten boa man para levalo a cabo. En Carnívoras e domésticas resolve estes desafíos xogando con textos de aparente —todo neste conxunto é aparente— sinxeleza formal, mais ben cargado ata o biquelo de densidade simbólica.
Cada un dos relatos avanzan cunha prosa limpa e precisa, sen reviravoltas nin artificios lingüísticos, pero deixando sempre unha fenda pola que facer a fotosíntese e por onde se filtra a incomodidade, a obsesión e a soidade. Un dos maiores acertos do libro é a de crear atmosferas tensas a partir de situacións recoñecibles e de tratalas, nas máis das veces, desde a ironía e a elegancia.
En conxunto, o libro preséntase coma un volume harmónico e maduro, onde os relatos parecen dialogar entre eles sen perder cadansúa autonomía. A ollada de Jorge Rodríguez, atenta ás marxes e aos xestos cativos, dá boa conta do oficio de relator e contribúe a subliñar a personalidade dun libro con máis visos de permanecer na memoria que de agradar. Velaquí, xa que logo, un debut no relato curto que, ademais de xustificar a recente reimpresión, nos advirte de que o autor aínda ten moito que dicir no noso sistema literario.
O ronsel de Eurípedes
Humanizando os mitos tráxicos
Estro Montaña
Rinoceronte Editora vén de publicar dúas traxedias de Eurípides: Heracles e Medea. Esta última é un personaxe fundamental do teatro clásico; repudiada por Xasón, vai tomar unha vinganza terrible que provoca a morte da filla de Creonte de Corinto -ca que pretende casar Xasón-, a do propio rei Creonte e, no paroxismo, a dos fillos que tivo con Xasón.
En Heracles atopamos unha crítica aceirada contra os deuses en contraposición coa actitude máis íntegra dos humanos. Eurípides trata este mito esencial da cultura grega -máis coñecido pola forma latina Hércules- en tres partes. Despois de capturar o can Cerbero, retorna a Tebas, onde acaba con Lico, o rei que quería asasinar a súa familia. Pero entolecido pola deusa Hera, mata tamén os seus fillos e a Mégara, a esposa. A obra remata co encargo de Anfitrión para que enterre dignamente os seus fillos. Heracles asasina os fillos nun ataque de loucura pero aínda que non é culpable, queda destruído moralmente.
Tamén Medea se vén achegar a aquilo que resulta monstruoso; ela, que é unha muller estranxeira quebra a orde masculina do Oikos e faino dunha forma deliberada. Como heroína tráxica, amosa un amplo espectro de dúbidas e emocións. Obra de gran beleza proxectou os seus pantasmas na literatura universal. En Galicia, foi recreada por Manuel Lourenzo, Andrés Pociña, Luz Pozo Garza e Xan Babarro. Heracles tivo menos recorrido, pero cómpre sinalar a súa influenza en Séneca.
Crer na maxia
Con pensamentos positivos
María Navarro
O título fala de tristeza e de unicornios e a verdade é que os dous termos, lonxe de oporse, se complementan. A tristeza inicial dá paso á alegría porque uns rapaces, levados polo degoiro de que os seus desexos se cumpran, afánanse na procura de elementos que sirvan de antídoto e abofé que os atopan: nun recuncho afastado, na biblioteca, cunha cabra psicópata ou nun bar que ten as horas contadas, calquera circunstancia é aproveitada, calquera espazo serve para que Gustavo, Teresa e Xayree-Amanda argallen unha aventura con final feliz no que todos gañan.
Por iso, ao comezo de curso, os libros convértense nos aliados perfectos capaces de que se cumpran os soños dos mozos: que o bar volte ter clientes, que Gloria consiga cumprir o seu soño de debutar como artista e que o cantante de rap Diente de Garlic fique coa súa filla.
Reaccionar ao que pasa ao seu redor ten recompensa para os amigos, crer na maxia que rodea as lecturas pode ser unha terapia que arranxe determinadas situacións que teñen que ver coas emocións e coa xestión dos sentimentos que, a miúdo, manteñen a pequenos e maiores pendentes de axentes externos cando o arranxo ou desarranxo se atopa no interior do problema mesmo.
Cando os acontecementos cotiás non alcanzan a explicar a realidade, a maxia toma o relevo e as palabras seguidas de pensamentos positivos logran reverter a situación como sucede na historia Tres nenos tristes e medio unicornio, escrita por Beatriz Giménez Ory, ilustrada por Cinta Villalobos e que podemos gozala en galego da man de Rosario Baleirón Sóñora.
Voz de vítima
Brasil, Yoknapatawpha
Iago Fernández
En 2014, a escritora brasileira Tatiana Salem Levy recibiu a noticia de que Júlia, a súa mellor amiga, fora violada nos arredores de Vista Chinesa, un coñecido miradoiro do Río de Xaneiro. A novela literaturiza unha suposta carta que Júlia, anos despois, escribe aos seus fillos para explicarlles o sucedido. Ás poucas páxinas, non obstante, decatámonos de que a carta é demasiado descarnada para se dirixir a uns nenos e de que Júlia, aínda que poida reservala para o futuro, se serve indirectamente da escrita para facer co trauma da violación algo máis que padecelo inutilmente.
Ese «facer co trauma» é, en realidade, o que Salem Levy literaturiza, e para darlle unha forma axeitada, conta co respaldo dun referente literario moi claro: Santuario, de William Faulkner, unha novela estruturada a partir do soslaio dunha violación. Poderíase dicir que Vista Chinesa, ao lle dar voz á vítima, fai explícito todo aquilo que Faulkner apenas suxire, comezando pola propia violación e rematando polos impactos familiares, psíquicos e sociais.
A narrativa de ambos os autores ten importantes puntos en común, como o desbordamento estilístico ou a desorde temporal, pero, de novo, todo canto en Faulkner contribúe a escurecer os feitos do relato, Salem Levy emprégao para recrear a experiencia de Júlia do xeito máis vivo posible.
Vista Chinesa obtivo un enorme éxito de vendas no Brasil, quizais por ser un claro exemplo de novela literaria de calidade que, ao tempo, aborda unha cuestión de actualidade social. Non importa que non sexa redonda ou que, ás veces, a historia resulte un tanto protocolaria: trátase, ante todo, dunha novela digna e necesaria que reafirma o atractivo comercial das cousas ben feitas.
Parabéns a Xerais por esta decisión editorial.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los profesores rechazan participar en las excursiones por el mal comportamiento del alumnado
- El virus sincitial releva a la gripe como principal causa de ingreso en Medicina Interna
- Argentina identifica a un barco gallego por un posible caso de «pesca ilegal»
- ¿Por qué Marruecos complica cada vez más las cosas a la conserva gallega y Chile compromete a los bateeiros?
- Prohibida la circulación de camiones por la A-52 entre Ourense y Ponteareas desde este viernes y hasta nuevo aviso ante la previsión de nevadas por Ingrid
- El despido de una trabajadora con la que se casó dos meses después termina en sanción por fraude
- Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia: «Hay indicios de que en la segunda quincena de febrero podría dejar de llover»
- La solidaridad en Xinzo: bares y panaderías llevan provisiones a los ganaderos que protestan en la A-52