«Refugallo paintings»
Almudena Fernández Fariña en SVT

Diferentes obras da exposición e vista dunha das salas. / Elías Regueira
O espazo de arte SVT de Sirvent presenta até o 13 de febreiro unha exposición da pintora Almudena Fernández Fariña (Vigo, 1970) que leva por título Refugallo paintings. Trátase dun conxunto moi coherente de obras, conformado por cadros de pequeno formato e un chan-mural monócromo. Nos cadros xógase co contraste dun marco que encadra un conxunto ben variado de materias de reboutallo -en xeral ligados ao traballo da creación artística- que ocupan o lugar da pintura, desde retrincos de lenzo até vellas brochas ou lapis gastados.
O traballo de Almudena Fernández Fariña podemos situalo no ronsel de reflexións contemporáneas sobre o estatus do cadro como obxecto figurativo moderno. Neste sentido, cómpre lembrarmos que o cadro (e o marco que o limita e cingue) é unha invención relativamente recente. En contraste coas antigas imaxes vencelladas a unha función de culto ben precisa e a un espazo determinado, o cadro é un obxecto que xa non é defindo pola súa función de culto relixioso nin polo lugar de exposición fixa, porén está fortemente connotado e ligado a valores de consumo e prestixio, con interese económico e cunha aura cultural indiscutíbel.
Na maneira de achegarse a este tema por parte da artista viguesa podemos observar como crea as obras desde presupostos fortemente conceptuais; con todo, estes non lle serven para esquecer o carácter visual e táctil do feito pictórico, antes ao contrario, exacerba ambos, forzándoos, como forzada está a súa estrutura, con seus «refugallos» sometidos a un marco deliberadamente connotado desde a tradición da pintura de cabalete, constrinxidos nun espazo limitador que, lonxe dun sentido puramente abstracto, nos leva a situacións referenciais.
Cómpre termos en conta que o conceptual e o visual son ámbitos que se definen pola súa condición artística, é dicir, como parte de prácticas que moran no mesmo mundo: o territorio da arte, o campo da estética. Teñen un mesmo calado categorial e, xa que logo, son procesos lexitimados, comparados e comparábeis. Operacións como a realizada pola nosa artista non cuestionan este presuposto da común artisticidade, ben pola contra, reforzan o noso sentido reflexivo sobre a representación e a realidade. En certo sentido estas operacións revelan que as imaxes provocan en nós reaccións, respostas complexas que superan as súas simples calidades formais.
Materiais pobres
Os cadros de Almudena Fernández Fariña destacan polo uso de materiais pobres, aparente lixo, ao que remite o título da exposición. Son obras que posibilitan, sen dúbida unha intensa reflexión ligada aos límites da pintura como espazo de representación e ao espazo cultural como escenario das máis diversas concrecións contextuais.
É evidente que con esta actitude o que a artista nos acaba por mostrar sitúanos nunha problemática estritamente contemporánea, lonxe de pasados debates como os que se centraban na dicotomía abstracción-figuración; encádranos nun contexto distinto –o actual- en que a arte é plenamente consciente da súa carga histórica, mais tamén do seu acervo de fonda cultura visual, de xeito que a obra devén en reflexión metapictórica, sendo os diferentes cadros os que funciona como un dispositivo de partida, co marco como cerna argumental, como contedor de imaxes e como obxecto mudábel e vendíbel, nun proceso que combina o reflexivo mundo interior e o sentido simbólico, en campos de exploración van desde a representación dos límites da imaxe até a utilización e reflexión sobre a realidade natural e a artificial.
O resultado sitúanos diante dun tipo de pezas que falan por si mesmas, de forza intensamente realista, funcionando como unha alegorías de si mesmas, entre a suxestión sacral do feito artístico, que o marco evidencia, a valoración do material na súa máis primaria elementalidade e a vontade de comunicación.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los profesores rechazan participar en las excursiones por el mal comportamiento del alumnado
- El virus sincitial releva a la gripe como principal causa de ingreso en Medicina Interna
- Argentina identifica a un barco gallego por un posible caso de «pesca ilegal»
- ¿Por qué Marruecos complica cada vez más las cosas a la conserva gallega y Chile compromete a los bateeiros?
- Prohibida la circulación de camiones por la A-52 entre Ourense y Ponteareas desde este viernes y hasta nuevo aviso ante la previsión de nevadas por Ingrid
- El despido de una trabajadora con la que se casó dos meses después termina en sanción por fraude
- Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia: «Hay indicios de que en la segunda quincena de febrero podría dejar de llover»
- La solidaridad en Xinzo: bares y panaderías llevan provisiones a los ganaderos que protestan en la A-52