«Adelina»: un día de furia
Unha novela gráfica de Sandra Lodi contra o idadismo

A novelista gráfica luguesa Sandra Lodi. / Arquivo
Agás desgraciadas excepcións, todas e todos imos para vellos. A calidade de vida dunha sociedade mídese polo coidado e respecto polos seus anciáns. O índice de envellecemento en España só foi en aumento nos últimos anos, situándoo entre os países con máis maiores de Europa, cunha poboación de máis de 64 anos preto do 21%; porcentaxe que aumenta ao 27% se falamos de Galicia. A pesar das evidencias primeiras e os datos segundos, é tristemente frecuente que nos atopemos con diferentes graos de malos tratos sistémicos ao facernos maiores.
Non só é unha cuestión de idadismo, termo que describe a discriminación e prexuízos con base na idade, senón tamén da estrutura da sociedade: desde a, en ocasións inocente pero igualmente molesta, infantilización e condescendencia coas persoas maiores ata a precaria, explotadora e en demasiadas ocasións inhumana, xestión das residencias (que, desde logo, non mellora coa privatización), pasando pola violencia burocrática chea de «palabros» incomprensibles e trámites limitados ao online e as apps.
Se isto enfurece un pouco a quen está lendo, podedes imaxinar canto máis a alguén que está encerrado nunha residencia con todas as súas facultades ben afiadas. Este é o caso de Adelina, unha muller internada contra a súa vontade que un día decide fuxir.
Con este arranque cheo de forza, que non decae ao longo da obra, comeza Adelina, novela gráfica de Sandra Lodi (Lugo, 1994) que se alzou co XIX Premio Castelao de Banda Deseñada 2024 e que se converte no sétimo volume da colección gráfica da editorial Galaxia. Adelina é así unha crítica social fresca e con grandes doses de humor. Sandra Lodi apunta que «as persoas inadaptadas son as que nos permiten evolucionar» e iso é o que fai Adelina, o seu personaxe: sinala moitos problemas da sociedade ao longo do seu persoal día de furia.
O motivo polo que Adelina decide escaparse da residencia é a vontade de recuperar a súa autonomía, volver á súa casa e vivir como lle dea a gana. A fuga de Adelina convértese nunha serie de encontros inesperados, obstáculos cotiáns que deveñen en absurdos ao pensar en por que aceptamos socialmente certas cousas e pequenos triunfos que poñen sempre no centro a importancia da independencia e a dignidade humana.
Esta idea sitúase como núcleo temático sen caer na traxedia, pero mostrando unha protagonista forte que se resiste contra a perda de decisión que a miúdo acompaña o trato na vellez. E é, sen dúbida, a definición do carácter de Adelina o que fai brillante a novela. Ela é unha muller con moito carácter, obstinada e vivaz, cuxa determinación non se ve mitigada pola súa idade; unha imaxe que se afasta do estereotipo de ancianita dócil e entrañable á que coidar. Lodi consegue subverter con humor e sensibilidade ese estereotipo cun personaxe principal feminino, maior e activo. Moi activo.
Ao longo das 110 páxinas a cor, a autora desprega un estilo enérxico. A pesar dunha composición de páxina clásica e unha paleta de cor non especialmente contrastada, consegue un gran dinamismo grazas a un detallado e expresivo estilo lineal e á moi boa caracterización dos personaxes. Os seus trazos transmiten movemento e humor inmediatos.
Sandra Lodi é ilustradora, deseñadora e artista plástica. Estudou Belas Artes na Universidade de Salamanca e fixo un mestrado na Accademia dei Bele Arti dei Brera en Milán. Os seus inicios no mundo laboral estiveron vinculados coa dirección de arte e o deseño gráfico en axencias, antes de dedicarse por completo á ilustración. Publica regularmente na revista satírica Mongolia e en El estafador, ademais de colaborar con outros medios de prensa. A súa obra foi recoñecida con varios galardóns ademais do Premio Castelao, incluídos o Premio Curuxa de Humor Gráfico e o Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi pola obra Papóns.
Castelao en Pontevedra (1916-1936)
E outro Castelao da banda deseñada… o escritor, pintor e caricaturista Miguel Pérez Ramudo (Cambados, 1996) publica o BD Castelao en Pontevedra (1916-1936), un repaso gráfico e biográfico da estancia en Pontevedra do rianxeiro.
O autor abarca estes vinte anos en 64 páxinas editadas por Almacén de Fábulas para o Museo de Pontevedra, da man da Deputación de Pontevedra. A obra é un diario en primeira persoa no que, a través dos seus pensamentos, Castelao nos introduce no ambiente cultural da época, incluíndo outros grandes intelectuais e artistas como Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Antonio Losada Diéguez ou Alexandre Bóveda. Así mesmo, o cómic fai un percorrido por momentos clave da súa vida, tales como a intervención na Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), a viaxe a Francia, Bélxica e a Alemaña (1921), a morte do seu fillo (1928), a edición do álbum Nós (1931), o desterro en Badaxoz (1934) e todo o acontecido en 1936: a súa elección como deputado pola Fronte Popular, a campaña e aprobación do Estatuto de Galicia e o alzamento militar que provoca o seu exilio.
O libro componse por diferentes recursos visuais, desde viñetas que recrean obras do máis famoso rianxeiro, fotografías de Castelao e a súa vida e diversas imaxes de arquivo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los profesores rechazan participar en las excursiones por el mal comportamiento del alumnado
- El virus sincitial releva a la gripe como principal causa de ingreso en Medicina Interna
- Argentina identifica a un barco gallego por un posible caso de «pesca ilegal»
- ¿Por qué Marruecos complica cada vez más las cosas a la conserva gallega y Chile compromete a los bateeiros?
- Prohibida la circulación de camiones por la A-52 entre Ourense y Ponteareas desde este viernes y hasta nuevo aviso ante la previsión de nevadas por Ingrid
- El despido de una trabajadora con la que se casó dos meses después termina en sanción por fraude
- Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia: «Hay indicios de que en la segunda quincena de febrero podría dejar de llover»
- La solidaridad en Xinzo: bares y panaderías llevan provisiones a los ganaderos que protestan en la A-52