Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O que ocultan as pedras

Galicia e o seu patrimonio urbano invisible (I)

Vista exterior da Casa da Parra, en Santiago de Compostela.

Vista exterior da Casa da Parra, en Santiago de Compostela.

Din que o paseante vocacional olla para arriba. É a mirada ergueita, perdida, en turistas e locais versados na arte da conversa sobre a propia cidade ou a cidade soñada. Diante de nós, casas, residencias, pazos urbanos ou rurais e pequenas vivendas de deseño que forman parte dese estraño e anárquico conxunto que denominamos «patrimonio»; é dicir, o almanaque de cousas da patria próxima e a extensa.

O «patrimonio invisible» é iso. Todo o que forma parte das cidades e aldeas que ten valor histórico, comunal, mais segue a ser privado ou de difícil visita. Son moitos os lugares en Galicia nos que a pequena propiedade conserva as cancelas para o grande público, como vén de ocorrer nas cidades de Santiago de Compostela e Pontevedra, entre outras localidades, na Semana do Patrimonio Invisible, evento que promove visitas en grupo aos xacementos e lugares aos que non se pode entrar todos os días.

É chamativo que a ledicia de pasar o valado do íntimo e entrar no tesouro patrimonial non foi algo alleo á literatura recorrente de pazos e casas grandes de finais do século XIX, en Galicia e alén. Tratábase dun estilo literario que, con grande profundidade descritiva digna do papel couché actual, versado na propiedade inmobiliaria dos e das socialité da moda, glosaba os cadros, pedras, claustros e grandeza anterga dos grandes lugares arredados do ollo público.

Ese morbo, coa beleza esquiva do oculto, foi traballado na afamada novela Os pazos de Ulloa, da condesa de Pardo Bazán e, no mesmo mar atlántico, a considerada como escritora predecesora da novela gótica inglesa, Ann Radcliffe, en Os castelos de Athlin e Dunbayne, que nos achega a unha realidade escocesa do medievo e a vida nas fortalezas que ben nos soa á dos vellos galegos do Antigo Reino.

Casas como a da Parra, en Santiago, conservan esa atracción polo inaccesible que temos ao pasar polos sitios cotiáns. Trátase dun edificio de 1683 deseñado polo arquitecto Domingo de Andrade. Non nos interesa agora tanto a vide vexetal que lle dá o alcume contemporáneo. É mellor que neste momento observemos con máis detalle a que está traballada en pedra, na fachada do inmoble que rodea con ricos froitos a porta principal que dá a praza da Quintana. É o mundo floral, rico e sensual do barroco compostelán no que as formas da casa deixan gravada na pedra dun insigne edificio un verxel, un «Edén xacobeo» que nos relembra ao antigo bosque libredón.

O «libredón», Liberum Donum («libre de dono»), foi a foresta contada na narrativa rexia e interesada ao redor da inventio, o descubrimento do corpo do Apóstolo Santiago. No corazón do contemporáneo bosque barroco, enriba das escadas que comunican dúas alturas da cidade, entre o desaparecido e románico Pórtico do Paraíso e a Quintana, o lugar dos mortos, xace este edificio que é parte do noso proceso institucional.

Casa da Parra xungue a Galicia do Antigo Reino, o que chega en memoria aos tempos de Andrade (deseñador da torre da Berenguela da catedral) coa Xunta de Galicia dos nosos días. A razón? O edificio acubillou durante anos, antes do seu traslado a San Caetano, a sede da vicepresidencia da Xunta de Galicia en tempos de Xosé Luís Barreiro Rivas como titular do cargo.

Debaixo desta casa temos outro segredo parrimonial nas raíces do vello libredón, pois Santiago de Compostela garda ben os seus silencios. Neste caso, o silencio dun símbolo de colaboración entre a mitra santiaguesa e o poder civil local. Se o paseante do que falabamos antes ollase agora para abaixo no momento en que ascende as escadas da Quintana poderá ver, no canto dalgúns escalóns, unhas pequenas rendixas metálicas. Son para levar o osíxeno a outro tesouro patrimonial invisible: o inicio da que ía ser a fachada gótica da catedral de Santiago, nunca rematada, impulsada no seu día polo prelado Xoán Arias, axudado daquela pola burguesía compostelá. Hoxe, varios arcos apuntados e as bases de dita nova fachada, que houbera cambiado radicalmente a natureza do plano urbano da cidade, xacen incompletas, á sombra do Barroco.

Unha aperta para a cidade olívica

De Santiago a Vigo non só media unha hora en coche pola autoestrada para dúas cidades que comparten unha herdanza patrimonial invisible. O teatro-cine Fraga, hoxe en proceso de renovación por parte da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, foi unha sala de cine construida en 1942 na viguesa rúa do Uruguai e deseñada polo arquitecto Luis Gutiérrez Soto, arquitecto afamado na España de posguerra e impulsor do racionalismo hispano, autor tamén dos recoñecibles Cines Callao de Madrid e da reforma do actual bar Museo Chicote, na Gran Vía da vila e corte.

Este edificio instalado na memoria viguesa foi concibido polo empresario carballiñés Isaac Fraga Penedo, dono da distribuidora e produtora de filmes máis exitosa da Galicia dos anos 1940 a 1960.

O empresario foi decisivo no aspecto exterior do cinema, cunha clara influencia do barroco compostelán na desproporcionada entrada e deseño das ventás, resultado do galeguismo histórico do magnate do cinema. Este edificio, por certo, tamén fai de ponte entre a Galicia do pasado e a do presente, pois a súa inacabada reforma, aló polo 2007, daquela en mans da extinta Caixa Nova, foi deseñada polo recoñecido arquitecto contemporáneo César Portela.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents