Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

Un relato xuvenil

Para entreterse un anaco

Fabio Rivas

«O poder está en ti, en nós, en quen nos rodea. As cartas son a forma de recoñecelo, de expresalo. Son como unha máquina que traduce dun idioma que case ninguén entende a outro que comprendemos a maioría.» Argonautas no labirinto foi a obra gañadora da terceira edición do Premio de Novela Camiño de Santiago, que vén convocando desde o ano 2018, cunha periodicidade trienal, a Academia Xacobea.

Como é doado interpretar, unha das características que esixen as bases é que se lle conceda un papel protagonista ao propio Camiño de Santiago, mais coa liberdade de tratalo desde a perspectiva que cadaquén considere oportuna. Neste caso cóntasenos a historia de Argus, un rapaz cunha memoria prodixiosa que, dun día para o outro, é incapaz de lembrar nin quen son os seus pais. Canda dous amigos, Rodri e Runa, comeza unha aventura polo Camiño coa finalidade de recuperar os recordos.

Chama a atención, primeiro de todo, que nun certame que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia as bases permitan explicitamente a concorrencia de obras orixinais en castelán. Así é que nesta edición saíu gañador Fernando García Calderón (1959), autor sevillano cun bo feixe de novelas publicadas, e algunha premiada, en español. Sae en galego logo de ser traducida por Agís Villaverde, presidente da Academia Xacobea, e se partimos da base de que a mellor virtude dunha tradución é que non pareza unha tradución, o texto deixa moito que desexar: castelanismos léxicos, gramaticais e sintácticos abundantes, ausencia de fórmulas lingüísticas de noso etc.

Para falarmos do contido, se a tratamos como unha novela destinada a un lectorado mozo, a segunda metade da obra —ateigada de maxia, fantasía e elementos históricos do Camiño— é entretida e interesante, cumpre cos mínimos esixidos, pero todo o percorrido ata ese punto de inflexión é pouco máis ca unha extensa presentación ás veces soporífera e con fragmentos prescindibles. Se cadra, polas súas características de novela xuvenil sería moito máis axeitado que estivese incluída na colección Costa Oeste da propia Galaxia.

O argumento avanza por acumulación duns capítulos (correspondentes a cada unha das casas do xogo da oca) que non sempre se integran ben entre si e que, en máis dunha ocasión, parecen obedecer ao desexo de introducir un novo elemento simbólico ou histórico antes ca a desenvolver con coherencia a psicoloxía dos personaxes.

Imagen

Argonautas no labirinto (2025)

Autor: Fernando García Calderón

Editorial: Galaxia

Precio: 24,70 euros

Íntima e dolorosa

Con recomendable intensidade

Xosé Feixó

Medio sol amarelo, de Chimamanda Ngozi Adichie (Abba, Nixeria, 1977), publicada en 2006 e editada agora en galego por Rinoceronte Editora en tradución do inglés de Moisés Barcia, é unha poderosa novela ambientada na chamada guerra de Biafra (1967-1970), en realidade a guerra civil de Nixeria, conflito que marcaría con fondura a historia e futuro dese país.

A través das vidas de Olanna e a súa irmá xemelga Kainene, o intelectual Odenigbo, amante da segunda, o británico Richard e o mozo servente Ugwu, Chimamanda constrúe un retrato moi íntimo e doloroso dun pobo que loita pola súa identidade e supervivencia. Olanna abandona a comodidade da capital para enfrontarse á guerra; Kainene, práctica, tenta manter a súa vida e amor no medio do caos; Ugwu, un rapaz rural e curioso, convértese en observador privilexiado da devastación e das contradicións humanas.

A novela denuncia as orixes da guerra: o colonialismo, o papel das potencias estranxeiras e o silencio internacional ante a fame usada como arma de guerra, a violencia e as inxustizas que perduran despois do conflito, pero chama á esperanza como guía de sanación e solución das direrenzas creadas por fronteiras artificiais deseñadas por potencias coloniais, as tribos e as diversas culturas internas e externas. Unha grande obra que retrata un evento e un proceso longo e complexo aínda inacabado. Moi interesante e recomendable.

Imagen

Medio sol amarelo (2025)

Autor: Chimamanda Ngozi Adichie

Editorial: Rinoceronte Editora

Precio: 21,85 euros

Sinxelo e tenro

Todo un acerto

María Navarro

Carlos Labraña e dramaturxia téñense convertido en termos inseparables, tanto é así que dende finais dos anos 80 ata a actualidade deu ao prelo case unha cincuentena de títulos nos que a arte da palabra feita teatro foi merecente de numerosos galardóns e recoñecementos como o que vén de publicar Edicións Xerais de Galicia na Biblioteca Dramática Galega O carteiro de Ximaraos, décimo terceiro Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil.

O texto, sinxelo, tenro e cun trasfondo duro, invita á reflexión, a valorar aos que temos ao redor, a pensar que cada un dos nosos actos ten máis reperscusión da que coidamos, a manter acesas as lembranzas porque nos axudan a camiñar e a vivir de modo que un nunca marcha de forma definitiva se pervive nos demais.

Tres personaxes principais parolan cada un dende a súa perspectiva de como van afrontando o día a día. Xoán e a súa nai coidan do avó e mergúllanse no seu universo facendo das súas intervención aventuras maravillosas coas que percorren o mundo visitando épocas e espazos sorprendentes en boca do vello. Non falta tampouco alusión á profesión de carteiro, no seu tempo único vínculo físico entre persoas separadas pola distancia, portador de noticias trascendentais da vida, ademais de figura respectada pola súa discreción e honorabilidade.

O xénero teatral é unha das formas artísticas máis fascinantes ao posuír unha dobre vida, ademais da representación podemos gozalo plenamente na intimidade da lectura e, neste caso, amenizado polas ilustracións de Luz Beloso. Todo un acerto!

Imagen

O carteiro de Ximaraos (2025)

Autor: Carlos Labraña

Editorial: Xerais

Precio: 15,15 euros

Grande alegoría

Poesía madura

Héitor Mera

Falabamos da poesía de Luís Valle hai algo máis de tres anos. Naquela altura era Alianza o volume que ocupou a nosa atención e da que sacamos conclusións positivas do labor do seu autor. Con todo, ademais do dito e da traxectoria prolífica anterior, este Somos sorprende, é outra cousa. É un proxecto moito máis ambicioso. Que poderíamos poñer en valor deste poemario? O contido?, a forma?, a lingua? Dá igual dende o punto de vista que un o vexa, Somos é unha expresión absoluta do mellor, ata a data, deste poeta.

Non hai dúbida que a manifestación de índole ontolóxica aparece dende o mesmo título. Palabra chave que vai marcando os diferentes enunciados que van dar a reflexión filosófica, a enunciación reivindicativa ou a expresión lírica máis doce. Todo ten cabida neste macropoema. Somos, efectivamente, é un único poema que percorre todo o libro. Unha grande alegoría que formalmente se manifesta co ritmo da lingua de lava dun volcán. Un sumatorio de poder que se manifesta sen parar no avanzar coas imaxes, as metáforas, o ritmo interno dun poema que semella que non ten fin e ao tempo non ten feblezas. Avanza, e o lector ten que deixarse levar, primeiro sorprendido, despois agradecido por poder gozar dunha manifestación poética explosiva e, ao tempo controlada.

Todas esas imaxes, ademais da forma, do ritmo, teñen un plus de calidade con respecto a outros traballos do autor. A nosa sensación é que a lingua está máis coidada ou cando menos, se cadra, atendendo ás caracteríticas do propio proxecto, é máis rica. O esforzo creador que hai detrás de Somos lévao por este vieiro porque doutra maneira sería complicado compor un poema-poemario coma este.

Un novo chanzo no percorrer de Luís Valle. Un poeta para nós sempre correcto, resolutivo, hoxe xa noutro punto na nosa estimación. Poeta maduro, cun traballo moito máis logrado que, non queremos ser atrevidos á hora de dicir certas cousas, atopou un camiño axeitado e que puxo as expectativas moi altas se cara ao futuro. É iso non é malo… Todo o contrario.

Imagen

Somos (2025)

Autor: Luís Valle

Editorial: Xerais

Precio: 12,30 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents