Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Aquí e agora

Guillermo Monroy, radicalmente presente

Tres cadros da exposición «Guillermo Monroy, aquí e agora» na Fundación Luís Seoane da Coruña.

Tres cadros da exposición «Guillermo Monroy, aquí e agora» na Fundación Luís Seoane da Coruña. / Carlos L. Bernárdez

Na Fundación Luís Seoane pódese contemplar -comisariada por Ángel Cerviño- unha completa e atractiva visión da pintura de Guillermo Monroy (Vigo, 1954-1982). O pintor vigués realizou unha obra entre a figuración e a abstracción, sempre coa cor cun protagonismo central, que se nos ofrece como un dos mellores exemplos do espírito de renovación que viviu o contexto artístico galego de finais dos anos 70 e inicios dos 80. O seu ambiente formativo é o do Vigo e da Galicia dos últimos anos do franquismo, un mundo en plena mudanza que Monroy reflicte con senlleira personalidade.

Influído desde os seus comezos pola herdanza fauvista e a nova figuración dos sesenta, Monroy é un mestre da liña curva, da cor brillante que constrúe o espazo e afirma as calidades vivaces e vitalistas por medio de amplas extensións de cores planas ou veladas que serven para unha simplificación dos motivos representados.

A estes presupostos mantense fiel na súa breve e intensa traxectoria, realizando, en certo sentido, unha arte que se afasta de modas conxunturais a pesar da clara impronta epocal. A súa pintura é esencialmente lírica e evocativa, como a Matisse, por pormos un nome referencial da arte do século XX.

A carga icónica tamén está presente mais para el a cor sempre tivo un valor nuclear, o que unido a un uso remarcado da liña serve para crear un conxunto de formas, en ocasión orgánicas, noutras nitidamente figurativas, que se ligan entre si ás veces por veciñanza e outras encabalgándose e que se mesturan nunha disposición espacial.

Unha procurada e especial relación entre os ámbitos espaciais do cadro é outro dos alicerces da obra de Guillermo Monroy, que constrúe unha elaborada simultaneidade de percepción, que caracteriza toda a súa pintura e que hai que entender non só como espazos para un campo de intervención artística, senón como constituíntes dun territorio de reflexión. É o lugar onde a observación do mundo, a memoria e o pensamento se unen, presentándonos un mundo pensado e experimentado a través do ollo do artista e espellado de xeito múltiple sobre si propio.

A obra Monroy posúe, alén diso, esa heteroxeneidade que trascende a pintura como técnica, e que é utilizada polo pintor para pescudar sobre a relación entre os límites da propia obra e a contorna. Monroy reforza a relación singular interior-exterior, tan característica do conxunto da súa produción, xogando, neste sentido, o cromatismo un papel fundamental que fai salientar as cualidades envolventes das obras.

  • Guillermo Monroy, aquí e agora

    Artista: Guillermo Monroy Curadoría: Ángel Cerviño Local: Fundación Luís Seoane, A Coruña Até o 15 de febreiro de 2026

A luz é outra das chaves para a comprensión do traballo do pintor, sendo a pincelada e a imaxe revelada baixo efectos lumínicos non un límite, senón un ámbito para suxerir a profundidade ou para o reflexo. A luz e a liña abren o espazo nesta dupla dirección: para adentro e para fóra, afondando, proxectando para un interior virtual e espellando liña, cor e luz, nun diálogo non realizado en pura complementaridade senón entendido como aberto e libre.

O resultado é extremadamente equilibrado, deixando na ollada do espectador todo un abano de suxestións con tramas de vivo cromatismo onde brillan alfaias de luz e cor. Hai, pois, en todo o traballo, unha sensación de liberdade pictórica, que se consegue por medio dunha aposta completa e moi meditada pola técnica, o que axuda tamén a modular as sensacións e a crear complementarias e desemellantes percepcións.

Guillermo Monroy, en 1978.

Guillermo Monroy, en 1978. / Guillermo Cameselle

Tenso cromatismo

A relación abstracción-figuración ou o uso da cor en canto elemento de expresión e de composición son algunhas das cuestións presentes no seu traballo. Na súa obra conforma un universo de tenso cromatismo, que procura dunha captación intensa. Se cadra, unha das chaves do seu traballo foi ese carácter ao mesmo tempo vitalista e rigorosamente estruturado, que desde o pormenor e a pincelada nos leva á abertura espacial e á viva sensación lumínica, e desde esta novamente ao punto inicial, nunha espiral envolvente.

Finalmente, o que nos propón o artista son distintas maneiras de ollar, mesmo no sentido máis literal, ollar desde distintas distancias e puntos de vista. Un tema de longa tradición na historia da pintura mais que na súa proposta se torna plenamente actuante e pertinente e de estrita actualidade como o título da mostra quere salientar con esa referencia, absolutamente oportuna, ese «aquí e agora» que subliña a absoluta modernidade das súas procuras.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents