A épica dos malos
Reinar no inferno, servir no ceo

Bryan Cranston como Walter White en «Breaking Bad». / Arquivo
De Torquemada a Hitler; de Iván o Terríbel a Stalin ou de Drácula a Hannibal Lecter e de Darth Vader a Norman Bates, podemos construír un universo do mal moi diverso. Hainos hipócritas, psicópatas, maquiavélicos, monstros, fanáticos, vítimas sociais, etc. Reais ou imaxinarios, están atravesados por algunha ambición desmesurada, xa presente no primeiro da serie, Lucifer, que preferiu «reinar no inferno que servir no ceo».
Lucifer, como moitos malvados, non naceu malo e, así como o heroe ten o súa viaxe épica, o maligno, ao seu xeito, tamén. As persoas perversas non se recoñecen malas, cren nas razóns que xustifican os seus actos. E así comeza a súa travesía, cunha ruptura, unha orde social que deciden non respectar polo ben de algo ou alguén, un ben pactado na comunidade que en termos xerais marca a fronteira da «benignidade».
O dicionario define o canalla como alguén ruín, infame ou vil. Ás veces empatizamos cos viláns de ficción, claro que si, todos temos algún que, dende a butaca ou o sofá e secretamente, desexamos que gañe, especialmente aqueles que foron vítimas dalgunha inxustiza social ou de ideas reviradas pero comprensíbeis ou, se cadra, de evidentes patoloxías.
Quen non sinte pena polo Joker de Arthur Fleck? Despois de todo, neste caso, é un enfermo mental, non hai consciencia nel do seu mal. Pero hai outros aspectos das súas biografías que os exonera en parte, aí está Darth Vader: recoñecemos nel as nosas propias frustracións e de xeito nietzchiano pensamos que o que se fai por amor vai máis aló da dicotomía ben ou mal.
Como non sentir complicidade en Breaking Bad polo personaxe de Walter White? Pero ese tipo non deixa de ser un narcotraficante asasino e as súas accións non son exactamente heroicas. Mais fóra da ficción non sentimos empatía nin complicidade cos xenocidas ou psicópatas reais, ninguén quere empatizar cun monstro porque pensamos que o mal está no outro.

Fonte do Anxo Caído (Madrid). / FdV
Non nacemos malvados, do mesmo xeito que non nacemos nada, só un anaco de tendencias. A maioría dos viláns son conscientes da súa maldade, por iso a necesidade de xustificaren os seus actos por un ben maior, algo moi frecuente na historia. Por un obxectivo superior morreron na Segunda Guerra Mundial 55 millóns de persoas; os expertos din que esta guerra está no posto nove dos desastres mundiais.
Por outra banda, hai que recoñecer nos malvados forza e intelixencia e algún tipo de poder aínda que, seguindo a Hannah Arendt na banalización do mal, o peor desalmado é o anónimo porque os anónimos somos case todos, moitas posibilidades de obrar malvadamente, porque non todos podemos ser Satanás ou Hitler pero calquera pode ser torturador, claro que si, hai miles de exemplos cotiáns, incluso entre os máis novos, pequenos aprendices de malvados.
Cal é a gran fazaña dos malos? Pode que sexa pasar por bos e gañar. O mal non está no veciño; dicía Schopenhauer que o mal ten un punto de partida incontestábel: nós mesmos. Non hai, pois, dicotomía ben ou mal, hai sentimentos ambivalentes. A viaxe do malo está chea de xente, atópase no seu camiño con moitos outros coma nós. Desperta confrontacións complexas, calar protexe pero perpetúa o mal, a vinganza xera certa empatía pero a vítima convértese en vitimaria, a pasividade troca en complicidade e ás veces hai que sacrificar vínculos persoais polo ben comunitario.
O malvado, aínda que cometa o seu crime en soidade, leva a cabo a súa viaxe nun contexto social. Se pensamos que o mal sempre está no outro, iso significa que sempre somos bos e entón o mal non existe. Pero...existe. Hai que estar conscientes, non sexa que acabemos recitando a Baudelaire: «Non busques máis o meu corazón; as bestas devorárono». E a besta onde está? Está dentro.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los profesores rechazan participar en las excursiones por el mal comportamiento del alumnado
- El virus sincitial releva a la gripe como principal causa de ingreso en Medicina Interna
- Argentina identifica a un barco gallego por un posible caso de «pesca ilegal»
- ¿Por qué Marruecos complica cada vez más las cosas a la conserva gallega y Chile compromete a los bateeiros?
- Prohibida la circulación de camiones por la A-52 entre Ourense y Ponteareas desde este viernes y hasta nuevo aviso ante la previsión de nevadas por Ingrid
- El despido de una trabajadora con la que se casó dos meses después termina en sanción por fraude
- Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia: «Hay indicios de que en la segunda quincena de febrero podría dejar de llover»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés